_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Lorca na cidade "lonxe do sol"

O Instituto Rosalía de Castro de Santiago lembra o 79º aniversario do paso do poeta

Pablo Linde

Anos despois, Lorca evocou nos poemas galegos a choiva de Santiago, esa cidade "lonxe do sol"; "a lúa bailando na Quintana dos mortos" e "o xemido melancólico da gaita". Concretamente foi tres anos despois da súa conferencia no Pazo de San Clemente, daquela Sociedad Económica de Amigos del País e hoxe Instituto de Ensino Secundario Rosalía de Castro. Era maio de 1932. Agora, logo de 79 anos, o instituto quere lembrar que onde hoxe os alumnos reciben clase, estivo no seu día García Lorca invitado por un grupo de intelectuais galegos inquedos que comezaron naquel intre unha amizade duradoira que, ademais, propiciou seis poemas do andaluz dedicados a Galicia e escritos na súa lingua propia.

Aquela visita foi a semente para os poemas galegos do andaluz
Más información
O máis célebre dos escritores alófonos

Ernesto Guerra da Cal, Carlos Martínez-Barbeito, Luís Seoane, Carlos Maside, Carvalho Calero ou García-Sabell eran algúns dos espectadores daquela conferencia organizada polo Comité de Cooperación Intelectual e na que Lorca, como facía noutras visitas a distintas cidades de España, falaba da súa experiencia en Nova York, recitaba os versos que escribira alí, disertaba sobre o cante jondo. Unha placa na porta do instituto lembrará a partir do vindeiro mes a breve estadía de Lorca en Santiago. Os que pasen por diante do centro, xunto á Alameda, poderán ler, baixo o título Lorca, Compostela e os seis poemas galegos, e ilustrado por un debuxo que Seoane fixo do poeta, como "a cidade, especialmente as prazas de Praterías e da Quintana, á que xa sempre chamaría plaza-butaca [...] causaron nel tan extraordinario impacto, que decidiu escribir uns poemas en lingua galega para deixar constancia da emoción desa visita".

O certo é que a visita do 7 de maio de 1932 foi a segunda que Lorca fixo a Galicia. A primeira, escribe Ian Gibson no libro Vida, pasión y muerte de Federico García Lorca, foi en 1916: "Lorca nunca esquecerá a verde paisaxe do noroeste coas súas brétemas, as súas supersticións e a súa triste música, e incorporará numerosas cancións galegas ao seu repertorio folclórico". O director do instituto, Ubaldo Rueda, que leva meses documentándose sobre a estadía de Lorca en Santiago, explica que o andaluz cantou esas cancións ao piano nas noites compostelás cos seus novos amigos galegos. Aquelas esmorgas deixaron aos membros do Comité de Cooperación Intelectual impresionados co personaxe. "Lorca queda fascinado pola cidade, polas súas rúas, as súas prazas e polo ambiente que estes mozos lle transmiten. De madrugada percorrerá Santiago, visitará o café Suizo e o Español", di Rueda.

Todo isto será recollido tamén nunha exposición no centro que implicará aos alumnos. "Queremos transmitir que nunha época moi fecunda culturalmente en Galicia tamén había personaxes que se sumaron a estes movementos. Trátase de que visualmente se poida ver todo o relato dos feitos en grandes láminas coas recensións dos xornais, fotos de Lorca cos intelecutais galegos e as cartas que máis tarde lles escribiría", relata Rueda.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Nestas misivas, uns días despois da súa visita, Lorca díxolle a Martínez Barbeito que lembra "con verdadeiro feitizo os días de Santiago e a alegría deste gupo de amigos" aos que non esquece e espera ver "moi axiña". Noutra, dá recordos a Maside e pídelle que "siga pintando". "Saúda a todos con verdadeiro agarimo. Recibín unha cordial tarxeta de Manteiga. Cando pases pola miña praza-butaca, deixame un pequeno sitio. Xa estaremos ao corrente para a homenaxe a Rosalía", continúa. Esta homenaxe non se fixo nunca, pero Lorca si conseguiu representar co seu grupo teatral La Barraca unha obra de teatro na Quintana, un lugar que o poeta viu desde a primeira vez como un gran escenario onde a escalinata era o espazo para o público.

As cartas e os xornais son a documentación que quedou da visita de Lorca a Galicia. El Pueblo Gallego do 14 de maio de 1932 recolle que "García Lorca foi moi eloxiado na Coruña e Santiago, onde tamén deu conferencias. A súa visita a esta última cidade parece que vai ter moi gratas derivacións, pois tan xenial poeta propónse escribir un poema sobre asuntos galegos. Tamén se fala dunha próxima homenaxe a Rosalía de Castro na que tomarán parte, con García Lorca, Unamuno, Ortega y Gasset, Azorín e Díaz Canedo".

Tres anos despois disto, un antes da morte de Lorca, publicaríanse seis poemas galegos: "Chove en Santiago / meu doce amor. Camelia branca do ar / brila entebrecida ô sol. / Chove en Santiago / na noite escura. / Herbas de prata e de sono / cobren a valeira lúa. / Olla a choiva pola rúa, /laio de pedra e cristal. / Olla o vento esvaído / soma e cinza do teu mar. / Soma e cinza do teu mar / Santiago, lonxe do sol. / Agoa da mañán anterga/ trema no meu corazón".

Ernesto Guerra da Cal (á esquerda), un dos galegos que acompañou ao poeta Federico García Lorca (á dereita) durante a súa visita a Santiago, na terraza dun café madrileño.
Ernesto Guerra da Cal (á esquerda), un dos galegos que acompañou ao poeta Federico García Lorca (á dereita) durante a súa visita a Santiago, na terraza dun café madrileño.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Sobre la firma

Pablo Linde
Escribe en EL PAÍS desde 2007 y está especializado en temas sanitarios y de salud. Ha cubierto la pandemia del coronavirus, escrito dos libros y ganado algunos premios en su área. Antes se dedicó varios años al periodismo local en Andalucía.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_