Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

O máis célebre dos escritores alófonos

Os textos Madrigal á cibdá de Santiago, Romaxe da Nosa Señora da Barca, Cantiga do neno da tenda, Noiturnio do adoescente morto, Canzón de cuna pra Rosalía de Castro, morta e Danza de Lúa en Santiago compoñen un dos máis célebres e celebrados libros de poemas escritos en galego. Os Seis poemas galegos de Federico García Lorca non unicamente posúen o valor material da escrita do andaluz, senón que resultan sintomáticos dunha época. Nados á calor das viaxes de Lorca a Galicia nos anos da II República, publicados polo editor galegusita por excelencia -Ánxel Casal, tamén alcalde de Compostela asasinado polos falanxistas o mesmo mes do mesmo ano que o autor de Poeta en Nova York, agosto de 1936- e con limiar de Eduardo Blanco Amor.

Foi precisamente Blanco Amor chave para a entrada de García Lorca na literatura galega. Quen logo escribiría A esmorga e naqueles anos aínda redactaba poemas mesmo chegou a pasar tempadas na casa familiar do poeta granadino, en Fuente Vaqueros. Fotografías documentan o estreito daquela amizade. Pero antes de que entrasen en contacto, contra 1934 e cando Blanco Amor traballaba como correspondente de La Nación, Lorca xa entrara en contacto co galeguismo político e cultural. Foi a través do intelectual Ernesto Guerra da Cal, residente en Madrid cando se proclama a República, hai 80 anos e un día.

Con todo, na xénese da incursión poética en galego do andaluz aínda existen zonas de sombra. O académico Xosé Luís Franco Grande escribíalle en 1974 a Ramón Piñeiro: "Blanco Amor é un mentirán colosal: cando conoceu a Lorca, no 1934, xa Lorca escribira os seis poemas galegos e xa foran publicados algúns". Franco Grande defende a intervención de Guerra da Cal, quen nos seus últimos anos de vida -morreu en Lisboa en 1994- aseguraba ser o tradutor ao galego dos poemas de Federico García Lorca.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 15 de abril de 2011