_
_
_
_
Tribuna:Luces
Tribuna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las tribunas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A propósito de Risco

No debate sobre o intelectual nacionalista falta "contraste colectivo"

Sospeito que o debate sobre Risco nas páxinas de EL PAÍS Galicia, resultou socialmente inocuo, pouco transcendente. Non o digo porque os aspectos que saíron a relucir ou que se dilucidan non teñan interese intelectual e mesmo político. Dígoo porque a nosa sociedade, incluídos os sectores ilustrados, cultos, descoñecen quen foi este sorprendente e esotérico escritor galego e, por suposto, non len a súa obra. Algo ten a ver esta ignorancia co papel e a consideración da cultura nacional no sistema educativo, nos medios de comunicación, comezando polos públicos, alén de como son tratados polos gobernos, normalmente, os nosos valores culturais e artísticos: a actual Xunta expresa a maior negatividade. En consecuencia, o debate sobre Risco non pode escapar a unha certa artificiosidade, á endogamia intelectual, á falta de contraste colectivo.

Risco recoñecía que o galeguismo se insería no ronsel democrático
Nunca neguei, en contra do que afirma Beramendi, a importancia de Risco
A historia entre 1931 e 1945 condena o seu pensamento a deslizarse
Nas miñas páxinas sobre escritores non me distinguín polo acoso e derrubo

Non sei se o mal entendín, mais coido que Suso de Toro, no seu trabado e traballado artigo, quixo subliñar que era excesivo o peso que se lle outorgaba ao pensamento de Vicente Risco na conformación ideolóxica do nacionalismo galego. A súa aseveración vale en relación á historiografía académica, de matriz universitaria, a dominante. Se o peso da ideoloxía risquiana foi menor do que se presume na conformación da ideoloxía nacionalista con transcendencia política práctica na súa época, por máis que fose entón un intelectual aprezado, resultou case nula, no nacionalismo actual. Non alcanzamos a ver pegadas antidemocráticas, irracionais, racistas, europeísmo xenófobo, catolicismo extremado no nacionalismo operante na sociedade galega actual, como non o detectamos no da etapa da Segunda República. O mesmo Risco recoñecía que a tradición galeguista se insería no ronsel democrático e progresista desde a súa aparición a mediados do século XIX, máis que no tradicionalismo de Alfredo Brañas. Por certo, só nalgúns aspectos antecedente de Risco.

De non ser así, estaríamos perante o primeiro caso de mudanza total, na súa antítese, dunha filosofía á hora de se plasmar en ideoloxía e práctica políticas. É máis que evidente a intencionalidade de quen se afana en sinalar a Risco como fonte primordial do nacionalismo galego. Xa se sabe, o cómodo, escolástico e interesado estereotipo académico: nacionalismo = irracionalismo, esencialismo, racismo, fascismo. Non deixa de estar presente esta intención nalgúns dos participantes no debate desenvolvido nas páxinas de EL PAÍS. A realidade e a verdade son moi outras. A democracia, o pacifismo, o internacionalismo e o antiimperialismo son a matriz, a articulación do pensamento nacionalista galego, por selo dunha nación oprimida, como a maioría social popular constitúen os seus destinatarios. Haberá que aceptalo, malia que a algúns lles custe tanto... Non deberíamos vivir de tópicos e prexuízos, polo menos intelectualmente. Moito menos, de obsesións...

Obsesión comigo é a que expresa Xusto Beramendi (EL PAÍS, 18 de marzo, 2011) cando afirma que Vicente Risco é vítima dun problema cultural, engadindo: "Paco Rodríguez foi o primeiro en tentar negar a súa importancia, porque a cuestión é como se usan as figuras do pasado ben para gañar uns cartiños ben como metáfora de liortas presentes". Resulta paradoxal e irónica tanta acritude, fixación e inconsecuencia nun profesor universitario que "gaña algúns cartiños" co que escribe sobre Galiza ou sobre Risco, e que, desde logo, non perde ocasión, nas súas colaboracións xornalísticas, de aliñarse sen a menor ponderación en canta liorta caseira sucede. É o de menos, con todo. O grave está no recurso á manipulación. Nunca neguei, en contra do que afirma Beramendi, a importancia intelectual, filosófica e artística de Risco. É máis. Cando el aínda non tiña historiado o caso Risco, "Paco Rodríguez", moi novo, xa usaba Europeus en Abrantes, nas súas aulas de ensino secundario en Ourense a comezos da década dos setenta, como proba da modernidade da literatura galega. Porque iso é o que Risco representa: un extraordinario fenómeno intelectual, un escritor enxeñoso e esteticamente moi avanzado, dunha ironía tan sarcástica como sagaz e sutil, un filósofo que, no xardín galego, resulta flor esotérica, pouco común. Demostra até que extremo a cultura e a literatura galegas, entre as dúas grandes guerras, amosa unha variedade e riqueza que, na súa especificidade, non desmerece para nada das máis afamadas da centralidade.

Botei en falta no debate a análise de como os avatares históricos polos que pasou Galiza desde 1931 até 1945, condenaban o pensamento risquiano a deslizarse, malia fose con desacougo, mais inevitabelmente, para o servizo doutra realidade e doutros obxectivos: a lingua española, como dominante; o Estado centralista, como imperio; o fascismo, como doutrina europea; a relixión católica, como única salvación... O que no odre da cultura galega, da nación oprimida, podía ficar só en aventura intelectual, espiritual, estética, individualista, esotérica, imposíbel de se materializar máis que en soños ou mitificacións sen consecuencias ou de moi limitado alcance, orientouse por mor da continxencia histórica dominante xustamente a favor dos poderes que, no conxunto europeo, parecían estar máis perto da súa espiritualidade, do seu pensamento, sendo capaces de levalo á práctica.

Certamente, Risco seguiu a ser esotérico, na súa especificidade intelectual individualista, sen posíbel integración no poder franquista, unha antiestética e vulgar manifestación do filisteísmo burgués que el detestaba. O prezo, con todo, foi gravoso: a renuncia práctica á nación de orixe, á súa lingua e á súa cultura, non digamos xa ao que representaba o nacionalismo galego. A cuestión nacional e a de clase están relacionadas, no caso galego, por moito que un marxismo escolástico de colonizados pretenda afastalas.

Hai anos afirmei e volvo a facelo agora que as fontes do nacionalismo galego, na nosa tradición intelectual, están na Teoría do nacionalismo de Ramón Vilar Ponte (1921) e no Sempre en Galiza (1944) de Castelao. Hai tamén un contributo menor, de grande importancia táctica, El problema político de Galicia (1930) de Vicente Risco, no momento da súa maior racionalidade e clarividencia política. Entón defendía a necesidade de descentralizar politicamente o Estado español para poder desenvolver as enerxías do pobo galego. Subliñar isto é ser fiel á verdade, non á aparencia nin aos tópicos interesados. Nunca condenei nin moito menos desprecei a Risco intelectualmente. Nas miñas xa abondosas páxinas sobre escritores galegos non me distinguín nunca pola táctica do acoso e derrubo. Intento comprendelos desde dentro e no contexto en que se produciron, alén de valoralos desde unha perspectiva actual. Moito menos recorro a pretensas desmitificacións que tan penosas e gratuítas adoitan resultar. Nada temos que desmitificar cando as nosas manifestacións artísticas, en xeral, son tan ignoradas, mal coñecidas ou desprezadas por nós mesmos.

Francisco Rodríguez é profesor de lingua e literatura galega, secretario xeral da UPG e foi portavoz do BNG no Congreso dos Deputados.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_