Ano 3000
Carecemos dunha biografía rigorosa de Rosalía de Castro, tal vez porque o atractivo da súa figura a fai máis rendible como mito que como historia. Mais como nos aprendeu a Ilustración -da que Rosalía é herdeira-, os mitos sempre teñen os seus perigos. Aínda que os antropólogos insistan en afirmar o valor cultural dos relatos, quen conta moitas veces o mesmo conto corre o risco de acabar confundíndoo coa realidade.
Por máis que se resista, a verdade é o único agasallo que temos para lles ofrecer aos mortos. Dispostos a fatigar as súas mans e o seu tempo nos arquivos, estudosos como Ricardo Carballo Calero, Fermín Bouza-Brey, Catherine Davies, Xesús Alonso Montero, María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda ou máis recentemente Diego Pardo Amado, amosaron as vantaxes da investigación empírica no estudo da vida e da obra de Rosalía de Castro. Os datos, sen intérpretes, son mudos. Pero no reino da historia, a verdade adopta a miúdo o rostro do documento.
Como nos amosou a Ilustración, da que Rosalía é herdeira, os mitos teñen perigos
'Los Precursores' achega unha nova perspectiva para a biografía de Rosalía
Murguía e a poeta souberon ver no XIX a posta en práctica das revolucións
Para a autora, a apoloxía de Galicia é decisiva, pero vai alén do soberanismo
Claro que ningunha biografía pode operar como única chave de acceso a unha obra. Lonxe quedou o tempo no que os escritores eran explicados a partir da súa vida, como se na literatura non xogase un papel decisivo esa inmensa fábrica de produción de mundos á que chamamos imaxinación. O reto de escribir no século XXI a biografía dunha autora do XIX implicaría non desatender a importancia do compoñente imaxinario. En boa medida foi a imaxinación a que no Rexurdimento galego permitiu que un grupo de intelectuais producisen as condicións de posiblidade para a aparición de novos suxeitos políticos.
"La mujer debe ser sin hechos y sin biografía". A frase é de Manuel Murguía, que a escribe a propósito de súa dona. Non predica co exemplo, porque en Los Precursores dedícalle o capítulo que leva o seu nome e mais o último. Los Precursores -un libro sorprendentemente pouco lido- achega unha nova perspectiva para trazar a biografía intelectual de Rosalía de Castro. Igual que a crítica feminista Janet Malcom fixera con Ted Hughes e Sylvia Plath, probablemente non hai xeito de achegarse cabalmente á vida de Rosalía sen explorar tamén a vida de Manuel Murguía. E viceversa. Que o traballo dos dous foi intensamente cooperativo déixase ver no uso intensivo dalgunhas imaxes moi relevantes para a articulación política da súa obra. Entre elas, resultan especialmente atractivas as reflexións sobre o século XIX, no que ambos souberon ver a posta en práctica das revolucións iniciadas no século anterior.
A multitude é o personaxe central do XIX. No sexto capítulo da súa novela Desde el cielo, Murguía emprega o termo para se referir aos estudantes: "Atravesemos nosotros esa multitud, nuevo Lázaro que recoge desde la puerta del rico las sobras del festín". Nunha pasaxe de ton moi similar pero de alcance máis revolucionario, Rosalía de Castro colocará ás mulleres na posición da multitude: "Porque hoy, nuevos Lázaros, hemos recogido estas migajas de libertad al pie de la mesa del rico, que se llama siglo XIX" (La hija del mar). Mulleres e estudantes: suxeitos colectivos aos que a parella recoñece como activadores das mudanzas sociais e políticas do século. Dúas multitudes unidas pola imaxe de Lázaro, que un século máis tarde volverá usar Sylvia Plath como metáfora do seu rexurdimento íntimo.
Rosalía de Castro nace 11 anos despois da aparición da fotografía e morre dez anos antes do nacemento do cinema. É contemporánea de Karl Marx e de Gustave Flaubert e a súa escritura anticipa aspectos decisivos da produción literaria e intelectual de Virginia Woolf. A apoloxía de Galicia é decisiva para comprender o programa literario da autora, pero o significado político da súa obra vai para alén da esfera do soberanismo. Lealmente formulada dende a periferia de Europa, a súa denuncia das formas de opresión conseguiu situar a Galicia nunha posición de vangarda con respecto ás principais cuestións políticas do XIX.
Meses antes da Revolución Gloriosa e catro anos antes da Comuna de París, Rosalía de Castro escribe unha alegoría da Revolución que tamén é, como soubo recoñecelo Manuel Murguía, unha alegoría do século XIX. Con vintesete anos -idade temperá para unha novelista- asina El caballero de las botas azules, retrato do misterioso duque de la Gloria, que pretende "establecer en España un Banco universal y acaso... dar a la propiedad un golpe maestro". Nunha pasaxe de ton case ciencia-ficcional, a autora escribe: "¡Oh, año 3000!. Tú no sabrás nunca las maravillas que cierto duque ha hecho en cierta corte, a la cual, sin embargo, te atreverás a llamar bárbara. ¡Osado charlatán!". O ano 3000 aínda agarda por ela.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.