_
_
_
_
Reportaje:CENTRO E PERIFERIA | Luces

Para que serve a crítica?

O pasado mes de xaneiro, o xornal The New York Times presentaba na súa revista de libros un especial sobre a crítica. O monográfico titulábase Por qué é importante a crítica. A ausencia do signo de interrogación parece subscribir a eficacia dun exercicio intelectual sobre o que, como é lóxico e até saudable, sempre recaen todas as sospeitas.

En tanto que práctica social, a crítica europea xorde no momento no que a análise literaria comeza a abandonar a orientación preceptiva. A partir de entón, o seu obxectivo xa non será mostrar nin cómo se debe escribir nin qué se debe ler. O cambio é fascinante, e detrás del hai que situar a un crecente público anónimo. A mesma multitude que acabará sentenciando a morte o Estado Absolutista. Ao fundamentar o seu criterio fóra da tradición, os lectores e lectoras deixaron de situar a autoridade nas obras do pasado, e colocaron o eixe interpretativo na súa sensibilidade e na súa capacidade de discernir.

A crítica europea nace cando a análise literaria abandona a preceptividade
Non está escrito que os xornais deban obedecer ao interese dominante

O Laoconte de Lessing (1766) é probablemente a obra na que con máis claridade aparece debuxado o inicio desta transformación. A insistencia do autor na educación do gusto non arrincaba tanto dunha defensa do xuízo de valor como do recoñecemento dunha nova esfera de autonomía persoal e social que estaba desprazando os hábitos de lectura máis comúns no Antigo Réxime. Noutras palabras: para Lessing todo lector é un crítico en potencia. A miúdo as revolucións políticas son axudadas por constatacións coma esta.

Resulta tristemente irónico que a crítica que onte posibilitou un espazo de pensamento liberado hoxe sirva, ante todo, para consolidar etiquetas comerciais. Non contribúe ao optimismo cobrar conciencia da crecente separación entre os avances dos estudos literarios e a tendencia xudicial pública. E dado que non hai crítica sen institucións, nin tampouco sen mercado, sorprende que as columnas de opinión literaria adoiten desatender a importancia decisiva destes dous factores.

Se cadra menos en Nova York ca en Compostela, o xuízo crítico abala entre dous grandes estilos. Dunha banda, o estilo do francotirador, que xoga a dicir aquilo que ninguén máis se atreve a dicir mentres na práctica asegura o seu capital simbólico. Da outra, o esforzado voluntarismo daqueles que pretendendo "facer país" teiman en saudar unha e outra vez o experimentalismo da penúltima grande novela galega. Tal vez sen reparar en que o seu entusiasmo consolida o prexuízo de que unha grande novela sempre se tratará, entre nós, dun feito excepcional.

Das columnas baseadas no cómputo de adxectivos e no reparto de estrelas non podemos responsabilizar unicamente á crítica. Mais sería moi simplificador facer recaer toda a responsabilidade nas limitacións da prensa. Están os intereses, e no medio sempre están os xornais. Pero en ningún sitio está escrito que os xornais deban obedecer ao interese dominante, e a historia do xornalismo demostra que a miúdo obedeceron ao interese común. Abonda con lembrar que no século XIX os medios de comunicación periódicos acolleron con naturalidade proclamas, manifestos, poemas e fragmentos de novelas. Tamén que contribuíron como poucas plataformas á constitución dun espazo social igualitario. E aínda que, por prexuízo romántico, tendamos a subliñar a relevancia de determinados autores ou de certos libros, a prensa periódica foi tanto ou máis responsable do renacemento cultural e político de Galicia ca Eduardo Pondal ou Arredor de si.

Nun momento no que a realidade está poñendo a proba a eficacia das estratexias normalizadoras do pasado, estamos en condicións de afirmar que a función da crítica non debería ser a normalización cultural. Máis concretamente: os críticos eficaces explican sempre máis do que predican. A crítica resultará esclarecedora se conta que Curros Enríquez escribiu a primeira estrofa do poema No xardín una noite sentada á marxe dunha das páxinas da Historia da Economía política de Manuel Colmeiro. Non o resultará se sitúa no poema a esencia da alma popular galega. Será relacional se explica que a fundación da novela moderna galega foi contemporánea da fundación do Seminario de Estudos Galegos. Non o será se pretende illar a orixe da novela das condicións materiais e intelectuais que a fixeron posible. Será perspicaz se mostra que o proxecto normalizador da creación da chamada "novela de xénero" en Galicia coincide temporalmente coa primeira vaga do capitalismo neoliberal. Non o será se oculta a complicidade entre as demandas institucionais e as do mercado. Ben pouco sospeitoso de alentar á subversión, T. S. Eliot lembraba nun artigo de 1923 que a principal posesión dun crítico era un sentido altamente desenvolvido do real.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_