Curros Enríquez, contra a reacción
Nunha pensión de San Sebastián acábanlle de meter un tiro no peito a un home. Trátase dun xornalista duns 24 anos, é galego de orixe e foi enviado polo xornal madrileño El Imparcial para redactar unhas crónicas sobre a terceira guerra carlista. Manuel Curros Enríquez recibiu un disparo dun brigadier que paraba na mesma pensión. As causas non se coñecen. O brigadier refire que cando o xornalista facía a maleta el achegouse ao seu cuarto onde viu unha pistola, tomouna e apuntoulle por facer brincadeira sen saber que estaba cargada, estábao e a pistola disparou. A ferida é grave, o mozo xornalista aínda respira mais témese pola súa vida.
Tras pasar uns días entre a vida e a morte Curros Enríquez sobrevivirá a ese incidente violento tan confuso. De feito toda a súa vida está e estará chea de conflitos. Naceu no 1851 fillo dunha nai cariñosa, á que lle manterá devoción toda a vida, e un pai de carácter extremado, o escribán de Celanova, co que porfiará toda a vida. A súa infancia marcoulla aquel pai que Curros lembrou máis adiante como un obcecado. Chegou a guindarlle un braseiro ardente ao fillo e a atalo e a mallar nel. Precisamente marchou da casa, con 15 anos, o día despois desa malleira.
Con dous poemas ofende ao bispo de Ourense; válelle unha denuncia
Curros foi o primeiro escritor sostido polas esquerdas do seu tempo
O pai atouno e mallou nel. O día despois, con 15 anos, marchou da casa
Non se sometía a ninguén, nin sequera á xente do pobo para quen escribía
"En edad muy temprana, niño aún, llego a Madrid, prófugo de la casa paterna, indigente y desolado", e alí é acollido polo seu irmán. Neses días de estudante de bacharelato e Dereito, en 1869, unha tarde, aborrecido de estudar, nun cuarto da pensión, un compañeiro e paisano púxose a tocar na guitarra un aire galego. "Repite esos compases y no los olvides: voy a escribir para ellos una letra", e escribiu Cántiga na cuberta do manual de Economía Política no que estaba a estudar. Así foi a orixe dese poema que naceu xa con vocación de ser cantado. Sen dúbida, a noticia dos poemas de Rosalía xa chegaran a ese Curros de 18 anos nunha pensión madrileña, a idea de escribir literatura en galego estaba no ar daquel tempo e probabelmente xa daquela o mociño soñase por entón coa sona literaria. Con todo, non podía imaxinar entón que ese poemiña había ser popular e letra de canción cantada polos galegos por todo o mundo adiante, musicada polos mestres Chané e Montes. O compañeiro de cuarto guitarrista popularizouna logo por terras ourensás, nese tránsito sufriu unha mutación nos primeiros versos: "No xardín unha noite sentada", foron substituídos por "Unha noite na eira do trigo". Que a poesía que escribe sexa popular é unha honra para calquera escritor. Aínda así Curros non estivo conforme, pois os seus versos eran seus e de máis ninguén, e sempre lle desgustou que os cambiasen. Curros non se sometía a ninguén, nin sequera a esa xente do pobo para quen escribía, tampouco ás autoridades reaccionarias que pretenderon censuralo en varias ocasións.
Escribe na prensa liberal madrileña e desde o comezo faino xa como un combate contra as ideas conservadoras e os seus representantes, probabelmente foi un deses escritos o que fixo que fuxise a Londres. Este é un dos episodios escuros na vida de Curros, conta que se exilou por "inocentes causas políticas" e que alí "como otro judío errante, andando, andando se encontró en la capital de Inglaterra, falto de recursos, ignorante de la lengua de los Byron, entre el maremágnum de gentes que vienen y van, y se confunde cruzándose en larguísimas calles". Non aportou máis información sobre un episodio tan significativo, como se preferise deixalo como parte da lenda persoal. Curros, dun xeito máis ou menos consciente, foi tecendo unha lenda ao longo da vida, a dun heroe mártir da liberdade.
Pola volta de Londres, casa con Modesta Vázquez, con que tivo varios fillos. O casamento civil creálle un novo enfrontamento co seu pai, católico integrista. Busca traballo de novo na prensa liberal madrileña, na Gazeta de Madrid, publica tamén na prensa rexionalista galega, El Heraldo Gallego de Valentín Lamas Carvajal. Novamente ten dificultades para publicar en prensa e precisa diñeiro cando sabe dun premio literario en galego, preséntase e gáñao: consegue o diñeiro do premio que a familia precisaba e certa sona en Ourense con A Virxe do Cristal e outros dous poemas.
En 1880 publica un poemario, Aires da miña terra que lle multiplica a súa sona. Móstrase como un poeta elocuente, capaz de facer poemas de diverso tema e fondamente comprometido co pobo e coa lingua galega: "Anunciarei o día do teu triunfo / por cidades e vilas e desertos, / e se por te anunciar me apedrearen, / inda ao morrer te mentarán meus beizos!". Dous poemas, A igrexa fría e Mirando ao chao, ofenden ao bispo de Ourense, quen move ao gobernador para que denuncie ao poeta: "Contiene dicho libro proposiciones heréticas, blasfemias escandalosas y algunas que merecen otra censura".
Procesado e condenado. A familia volve estar en apuros, Curros perde o traballo na delegación de Facenda. Neses días desesperados Curros faise máis violento e amargado. A súa militancia republicana, federalista e antireaccionaria fixo que o seu procesamento fose sentido por todos os liberais galegos como unha causa contra a liberdade de expresión, finalmente foi absolto pola Audiencia Territorial. O seu procesamento e o escándalo en torno do libro fixeron que Aires da miña Terra fose un éxito e Curros un poeta con sona en toda Galiza e entre os galegos de América. Un triunfo amargo que lle deixou feridas abertas. Volta a Madrid traballar na prensa liberal e alí vai ganduxando a vinganza contra os seus perseguidores, en 1888 publica O divino sainete, unha parodia de A Divina Comedia na que satiriza ferozmente os vicios da Igrexa. Así apareceu Curros nunha posición de grande tensión, situado fronte ao seu inimigo, o clero reaccionario ("catedral, demagogo de pedra, / dun pobo fanático erguida no medio!"). Sostido por unha simpatía popular que se lle ofrecía, como demostra que catro anos despois, con motivo da apertura do Centro Galego en Madrid, se lle fixese unha homenaxe pública e solemne na que un ministro lle puxo unha coroa de prata. Un ano despois é coroado tamén na Galiza, nun acto masivo n'A Coruña. O poeta coroado, Curros no Parnaso.
Porén, o lume que lle ardía dentro non estiñaba, deixa quedar á muller e parte para América con un dos seus fillos, alí é moi popular nas colonias de emigrantes. Establécese en La Habana, onde escribe na prensa local e desde alí animou á creación da Real Academia Galega. Non había de ser Cuba tampouco un lugar onde o poeta non tivese conflicto, o húmido clima habaneiro agudizoulle reuma e asma e morre en 1908: será no hospital do Centro Asturiano, pois Curros está desamigado a morte coa dirección do Centro Galego.
Rosalía foino todo e, despois, dous poetas asentaron a lingua galega como lingua literaria, Pondal e Curros. Rosalía fixo dunha fala unha literatura nacional, sen volta. Pondal deulle forma de mito ás teorías históricas de Manuel Murguía cunha linguaxe nova e elevada, a súa aportación e a súa obra concéntranse nun poema, Os Pinos, o himno galego. Mais foi Curros quen fixo da literatura galega o instrumento dun proxecto político progresista. E foi Curros o primeiro escritor que viviu a gloria en vida, sostido polas esquerdas do seu tempo. Seguramente tamén ninguén a necesitase nin a desexase tanto como o apasionado fillo daquel pai violento, que deixou unha obra e unha figura de escritor que influiu dun modo ou doutro en escritores como Cabanillas, Blanco Amor ou Celso Emilio Ferreiro.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.