_
_
_
_
Reportaje:Luces

As costuras do galego

A Academia promove a redacción da primeira gramática oficial da lingua - O texto será antes descritivo das variedades que prescritivo das opcións

Tres anos para saldar unha débeda histórica. Ese é o prazo establecido pola Real Academia Galega (RAG) para a publicación da primeira gramática oficial do idioma, máis de cen anos despois da fundación da institución da Rúa Tabernas. Alén da importancia instrumental e simbólica da obra, o proxecto conveniado a finais do pasado mes pola Academia e a Universidade de Santiago de Compostela, que se encargará do traballo a través do Instituto da Lingua Galega, para súa elaboración dá cumprimento a un dos obxectivos fundacionais da institución científica constituída en 1906 grazas, en boa medida, ao entusiasmo vital e económico dun feixe de galegos emigrados a Cuba, coa finalidade de ser motor e garante do rexurdimento cultural de Galicia, nomeadamente, a través da lingua. De feito, a elaboración dunha gramática e dun dicionario constan no seu regulamento primitivo. O horizonte que soñou Manuel Murguía, o seu primeiro presidente até 1923, achégase, e as tarefas inmediatas que se prescribiu o actual presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, nada máis tomar posesión en xaneiro de 2010.

"Piñeiro freou no seu día un intento, non había expertos", lembra Álvarez
"Unha gramática non salva unha lingua, pero é síntoma de normalidade"

A Lei de Normalización Lingüística (1983) concedeu á RAG carácter de autoridade lingüística e capacidade para fixar unha norma. "A Academia Galega realizará cantos estudios lingüísticos e literarios foren necesarios, para, en cada momento, establece-los criterios idiomáticos que configuren a norma culta do idioma", rezan os novos estatutos da RAG aprobados en 2001 e que, asemade, recollen os mandatos da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia na Habana na que, no albor do século XX, militaba Manuel Curros Enríquez.

Logo da aparición de varios compendios de correspondencias léxicas co castelán (1913-1928, 1926), o primeiro dicionario oficial aparece en 1990, Diccionario da lingua galega, escrito en colaboración co ILG, centro de investigación lingüística da Universidade compostelá creado en 1971, no que hogano recae a encomenda para a confección dunha "gramática descritiva do galego actual e que sirva para difundir o estándar".

A tarefa de formular unha norma para o idioma galego, demorada respecto do contexto xeral das linguas románicas, debeuse á suma de vontades persoais de autores que actuaron en épocas de restauración cultural, social ou política: desde a Gramática gallega (1868) de Saco Arce, texto inaugural desta tradición gramatical en tanto que estudo completo da linguaxe, até as monografías de Manuel Lugrís Freire (1922), Antonio Couceiro Freijomil (1935) e mesmo Ricardo Carvalho Calero (1966). Con todo, precursores houbo. Na altura do século XVIII, o Pai Sarmiento advertía a ausencia de especulación científica sobre o galego, preocupación que reflicte Rosalía no prólogo de Cantares Gallegos (1863) ao reclamar a indulxencia do lector perante os posíbeis "defectos" do libro, precisamente, por carecer a autora dunha gramática. A lingüística moderna alumea as achegas recentes, como a Gramática Galega, de Rosario Álvarez Blanco, Henrique Monteagudo e Xosé Luís Regueira (Galaxia, 1986) e os catro volumes publicados por Xosé Ramón Freixeiro Mato (A Nosa Terra, 1998-2003), entre outras.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

A institución encargada de velar polo idioma posicionouse coa produción, en 1970, das Normas ortográficas do idioma galego. A prol da normativización, en 1982 apareceron as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, da Academia e do ILG, modificadas en 1995 e 2003 e revisadas en 2005. Como sinalou o profesor da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Sánchez Rei, agás casos concretos como o de Saco Arce, na tradición gramatical galega anterior á segunda metade do século XX "chama a atención a escaseza de fundamentación filolóxica", debida en parte, segundo razoa, á "escasa preparación da maior parte dos autores".

"Ramón Piñeiro freou, no seu día, un intento de elaborar a grámática da RAG alegando que o galego non estaba o suficientemente estudado, o que non garantía o éxito do traballo", evoca a lingüista Rosario Álvarez, directora do ILG e coordinadora do equipo redactor da gramática oficial, que completan os investigadores Ernesto González Seoane, Xosé Luís Regueira, Xosé Xove e Francisco Cidrás. Despois de catro décadas de actividade do ILG tamén na documentación e no rexistro das diversas falas que coexisten no galego e de varias promocións de filólogos no país desde 1965, o contexto científico mudou substancialmente.

"Agora temos bos investigadores e recursos para a análise e coñecemos a riqueza do idioma mesmo nas súas etapas históricas ata un punto que era inconcebible nos anos sesenta e setenta", di Álvarez. Aínda que o anuncio chegue neste intre, o grupo conta con camiño andado, posto que comezou a desenvolver o traballo por encargo de Francisco Fernández del Riego contra o final da súa época á fronte da RAG. Os seus sucesores, Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, na actualidade, perpetuaron esa vontade.

Daí que calculen que en tres anos poida saír do prelo unha obra que atenderá, como se agarda, a cuestións fonéticas, de ortografía, morfoloxía, sintaxe e estrutura da información, léxico e formación de palabras e semántica. Pensada para que o usuario poida resolver dúbidas frecuentes e, consonte aos tempos e ás pautas de estudo contemporáneas, antes descritiva das variedades que prescritiva dunha única das opcións. Isto é, non só evitará sancionar o que é ou non correcto, senón que proporá "orientar os usos que a Real Academia Galega considera aceptables no galego estándar, e vaise diferenciar doutras gramáticas por tomar en consideración aspectos sobre os que se dubida, pero haberá poucas ou ningunha condena explícita". O corpus dos falantes de toda Galicia, atesourado polo Instituto da Lingua Galega, mais a lingua literaria achegarán os casos prácticos que ilustrarán as teorizacións. Acadar unha descrición útil aos usuarios é o fundamento da obra. "Unha gramática non salva a unha lingua, pero é un signo de normalidade e de normalización", conclúe Rosario Álvarez.

Un mapa para unha lingua viva

Os escritores e os tradutores que crean unha lingua e os docentes que transmiten un idioma están entre os destinatarios da nova gramática. Para eles, unha gramática institucional constitúe unha ferramenta de traballo.

"Este tipo de información está moi disperso e é pouco accesíbel para quen non sexa un especialista", apunta a profesora do IES O Ribeiro (Ribadavia), Ana Salgado, quen valora a aplicación ao ensino da inserción das variedades dialectais cabo do coñecemento do estándar. "É fundamental que exista unha obra de referencia, mesmo se é para discrepar dela", sostén Lara Domínguez Araújo, profesora do departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Domínguez sinala a necesidade de manuais que acheguen unha visión rigorosa e á vez práctica do galego.

Á caixa do correo da Academia Galega poderían dirixirse suxestións como a da tradutora María Alonso verbo da elaboración dun dicionario de uso "para atopar equivalencias onde non procede a tradución simultánea". Neste senso, e a pesar dos existentes, a edición do "grande dicionario" da lingua galega é outra materia pendente da RAG, segundo Freixeiro Mato, profesor de Filoloxía da Universidade da Coruña.

Para o conxunto da sociedade, tamén é un acto simbólico que prestixia ao galego. "O saber sobre a lingua é acaso o máis democrático dos saberes: todas as persoas temos un coñecemento intuitivo do xeito no que usamos a lingua. O éxito desta gramática virá dado da súa capacidade para facernos aínda máis conscientes deses usos", reflexiona a escritora e filóloga María do Cebreiro Rábade quen, alén da consolidación do estándar, tamén propón "crear entre todos mecanismos que aseguren e incrementen a valoración social do idioma. Ao cabo, hai gramáticas de linguas mortas e linguas vivas sen gramáticas".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_