Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Reportaje:Luces

Territorio da 'galeguia'

Brasil exerce cada vez máis atracción en músicos e escritores galegos - No "país do futuro", con todo, apenas saben da existencia dun espazo lingüístico común

En xullo de 2005, no congreso da Associação Internacional de Lusitanistas organizado en Santiago de Compostela, o escritor brasileiro Luiz Ruffato cuñou o termo galeguia. Con el propuña substituír o concepto de lusofonía, que agrupa aos países de lingua portuguesa, e poñer de relevo o común denominador con base en Galicia de todos eles. Tamén de Brasil. O gaiteiro Carlos Núñez nunca deixa de lembrar a galecidade que, nos anos cincuenta do século pasado, detectou Valentín Paz Andrade no Sertão. Fíxoo a través do estudo das novelas de Guimaraes Rosa (1908-1967). E a atracción dos galegos polo "país do futuro" non cesa: o último disco de Núñez leva por título Alborada do Brasil, Mercedes Peón incorporou samplers rexistrados en São Paulo a S.O.S. e o último premio Xerais, o Periferia de Iolanda Zúñiga, transcorre nas favelas da mesma cidade.

Paz Andrade detectou no Brasil a 'galecidade', lembra Carlos Núñez

Zúñiga ambientou 'Periferia' en São Paulo: "Non quixen unir nada"

Uxía coñeceu o país carioca introducida polo músico Chico César

Peón emprega 'samplers' gravados en São Paulo no seu último disco

"Brasil, dalgún xeito, está de moda", considera Carmen Villarino, profesora de literatura brasileira na Universidade de Santiago, "é xa unha potencia económica, vai organizar o Mundial de fútbol e as Olimpiadas; o efecto Lula tamén espertou curiosidade...". Con case 200 millóns de habitantes en oito millóns de kilómetros cadrados, un país de países onde cohabitan indíxenas, a herdanza da emigración europea e as elites maiormente brancas, os afroamericanos, a pegada asiática, Brasil é economía emerxente no globo e potencia cultural en América Latina. Todo construído sobre unha lingua, a portuguesa, que procede do tronco galego. E a esa realidade, explica Villarino, é á que volven a testa os creadores galegos.

"Eu non quixen unir nada, nin Brasil con Galicia nin nada", asegura Iolanda Zúñiga, "só quería contar aquela historia". Periferia sucede no gueto paulista e os seus personaxes son pretos. Non excoitan bossa nova, senón rap e funk carioca. Non hai praias, nin baías, nin languidez tropical. A escritora botou un mes na metrópole e non achou pegada algunha da galeguidade: "A algún sóalle España, pero de Galicia non teñen nin idea; iso si, eu non andei polos barrios de clase media, onde hai máis galegos". A emigración galaica ao Brasil data da primeira metade do século XX e nunha cidade como Salvador de Bahia os galegos aínda hoxe conforman o grupo máis numeroso.

Para Carmen Villarino, Periferia encaixa con certa imaxe do novo Brasil que percorre o mundo: o da violencia e a marxinalidade urbana. Os filmes Cidade de Deus ou Tropa de Elite contribuíron, igual que a literatura de Paulo Lins -autor da novela Cidade de Deus-, a debuxar un territorio diferente ao das cancións de António Carlos Jobim. "Trátase, ao cabo, dun Brasil exotizante", considera, "diferente do Brasil exotizante dos sesenta e os setenta, o que liamos en Jorge Amado, pero éxotico ao cabo".

Mais Periferia, unha das novelas que a crítica salienta entre as publicadas nos últimos meses, non supón a única incursión da literatura galega en terra carioca. Hai catro anos, a editora brasileira Horizonte colocou nas librarías o libro co que Carlos Quiroga gañara, en 1999, o certame Carvalho Calero e que na primeira edición sacou Laiovento. Periferias non comparte co romance de Zúñiga máis que o substantivo do título: son tres historias sobre o exótico das viaxes, presentadas por Quiroga en varias cidades do Brasil canda, precisamente, o escritor Luiz Ruffato, teorizador da galeguia. Rascunho, coa cabeceira "o jornal de literatura de Brasil", tamén cedeu espazo ás narracións de Quiroga ou de Paula San Vicente.

O caso da brasileira Nélida Piñon, unha das autoras centrais no campo literario brasileiro, é o oposto. N'A República dos Sonhos, publicada en Galicia por Galaxia, trata a materia do éxodo galego, o que levou ao seu avó de Cotobade a Brasil, "como exótica e exotizante". A profesora Villarino equipara esa ollada sobre Galicia á fascinación foránea polos tópicos brasileiros. Xustamente nese nó pon o dedo o gaiteiro Carlos Núñez. "O Brasil está preso dos estreotipos turísticos e fóra só chega a bossa, a samba, o fútbol", opina. Vai para dous anos que Núñez editou Alborada do Brasil, unha gravación en que investiga nos ritmos brasileiros do Sertão e que este mes presenta en 30 concertos na Alemaña.

"Brasil foi un gran misterio, os galegos sempre soñamos alí cunha segunda Galicia", explica o músico, quen relata, dende Bonn, como deu na outra beira do Atlántico: "En 1904, o meu bisavó emigrou dende A Mezquita a Brasil; na familia quedou a lenda de que fora asasinado por un colega músico". Aquela pescuda persoal, logo derivada en cultural, desembocou nunha árbore con tres pólas das que o disco só foi a primeira. O soño de Brasil titúlase o filme documental, dirixido polo cineasta catalán Robert Bellsola, que indaga na música e na cultura do país máis alá da postal. "Intentamos crear un imaxinario común galego brasileiro, algo até agora inexistente", explica Carlos Núñez, "procurando a compoñente galega, prefiro dicir galaica, que levaron os minhotos, os galegos do sur e agora portugueses do norte". Foi no século XV cando os lusos arribaron no Brasil e con eles, tamén, a gaita.

A terceira das pontes tendidas polo intérprete vigués con Brasil atinxe ás cantigas de Martin Codax que vén de preparar, en forma de trilha (banda sonora) para o Grupo Corpo de danza contemporánea. "Os brasileiros consideran a Martin Codax como parte da súa tradición literaria", abráiase, "así aparece no Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo". O espectáculo subirá ás táboas en agosto na cidade paulista. Pero Núñez sabe das dificultades sobre o terreo. "É un país moi grande e moi competitivo", argúe, "e aínda que a galicidade está na médula do país, só unha mínima elite é consciente de que existe Galicia". A tarefa, di, consiste en crear ese imaxinario común "para chegar a un país enorme". A lingua común, engade, xa existe.

Nese traballo leva dez anos, polo menos, a cantante Uxía. Responde vía correo electrónico dende São Paulo, onde vén de rematar a xira Travesía da Saudade, e lembra como o músico Chico César a introduciu "na Cidade Grande, na súa inxente oferta cultural". "Agora o meu obxectivo é fidelizar un circuíto para a miña música e para a música galega", aclara, "e cando a xente de aquí accede ao galego fica gratamente sorprendida ao descubrir a irmandade na fala e na cultura". Uxía non obvia que a cultura galega apenas figura no horizonte cultural da maioría de brasileiros, pero asegura que unha vez coñecen "a irmandade lingüística, fica curioso, con vontade de profundizar". Meu canto chámase o elepé que Uxía armou na súa estancia brasileira. Promotora do festival Cantos da Maré, que convoca en Pontevedra cada ano músicos de fala portuguesa, a cantante porriñesa contou con ilustres instrumentistas cariocas -Lenine, Fred Martins, Sérgio Tannus ou Socorro Lira- para un disco que chegará na primavera. Onte, Uxía cantaba no Teatro Paulo Autran de São Paulo.

Da metrópole tamén quedou rastro na máis recente obra de Mercedes Peón. En S.O.S., Peón radicaliza a súa visión electrónica e bota man da gravación de campo, do sampler, do mircrosón dixital. O corte São Paulo "é o resultado da interacción dunha cidade sorprendente coa compositora, unha cidade inmensa, unha especie de país cidade". Pero a autora de Ajrú non quere levar o seu vencello con Brasil a ningún lugar. "É a mesma relación que con Suecia ou Marrocos, que tamén aparecen nun disco relacionado coa intuición, coa emoción, e non con datos asertivos".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de febrero de 2011