_
_
_
_
Reportaje:A LANTERNA MÁXICA | Luces

O cineasta dos mil documentais

O vigués Demetrio Bilbatúa foi o cámara oficial do presidente mexicano Adolfo López Mateos - Filmou obras públicas, tradicións folclóricas e aos indíxenas

Tal como lle aconteceu a milleiros de persoas, a vida de Demetrio Bilbatúa estivo marcada pola Guerra Civil, que estalou cando tiña meses de vida. Naceu en Vigo e vivía coa familia na rúa Príncipe, onde o pai, que foi fusilado canda dous irmáns por socialistas, rexentaba un estudo de fotografía. Os franquistas requisaron o local e botáronos do seu fogar, polo que marcharon á Coruña á casa duns tíos, cidade onde Demetrio pasou nove anos antes de coller o barco do exilio destino a México. "Saín de Galicia con imaxes moi fortes na cabeza. Tiña moitos resentimentos e prexuízos. O meu único erro foi ser neno durante a Guerra Civil e tiven que pagar por iso, sinalado como fillo de rojo e iso feríame", lembra o cineasta.

"De Gaulle gustou de como cubrín a súa visita e convidoume ao palacio do Elíseo"
Gravou imaxes da matanza de Tlatelolco, requisadas polo Goberno

En 1945, subiu ao buque Magallanes na procura dun novo mundo e sería en terras mexicanas onde os irmáns Demetrio e Ángel Bilbatúa fixeron carreira sobranceira no audiovisual. Logo dun par de anos cubrindo as actividades da vida social do país con cámaras de 16mm, decidiron montar a súa propia empresa, Servicios Fílmicos Hermanos Bilbatúa. "Cando cheguei a México sentín que era a miña patria. Identifiqueime con ese país, eduqueime alí e toda a miña traxectoria fíxena naquela terra". E o labor profesional deste home é tan prolífico que na súa andaina rodou máis de mil documentais en 35 mm, nos que recolleu a vida social, cultural e política mexicana. Ese acervo fílmico ten un valor incalculable e o director consérvao "nunha vídeoteca-cineteca que pago do meu peto para devolverlle a esa nación o que tanto me deu".

O destino levou aos irmáns Bilbatúa a ser elixidos como os camarógrafos oficiais para acompañar ao presidente mexicano Adolfo López Mateos no seu labor político. Esa actividade seguírona realizando durante o mandato presidencial de Gustavo Díaz Ordaz, do que Demetrio narra unha anécdota debida ao seu nacemento en Galicia. "Ao saír de España fíxeno cun documento de identidade coa bandeira republicana que revalidaba a embaixada, pero non era un pasaporte. Logo de estar viaxando por México, en certa ocasión o presidente Ordaz dixo de realizar unha visita a Guatemala. Ao chegar colleume un axente que me pediu a visa e detívome por non tela, mentres o mandatario esperaba por min para que filmase un acto. Enterado do problema foi cando me propuxo: 'Vostede quere ser mexicano?'. Ao aceptar, chamou de seguido ao ministro de Relacións Exteriores e díxolle que quería que os Bilbatúa fosen mexicanos de inmediato. O ministro chamou a España e non lles daban os documentos de seguridade porque non constabamos. Pasou o tempo e un día o presidente me pregunta se xa son mexicano, e dígolle que aínda falta o certificado de boa conduta. Enfadouse moito co ministro, deu un golpe na mesa e comentou que cando un presidente quere que alguén sexa mexicano, faise ao momento e non se anda con papeleo".

Respecto á súa relación coas autoridades que saían nas gravacións relata unha vantaxe. "Pola miña estatura filmábaos cun ángulo baixo e favorecíaos para que se visen mellor. Cubrín a visita de De Gaulle a México e cando viu a película convidoume ao Elíseo porque lle gustou moito a calidade fotográfica".

Dous acontecementos deportivos resultaron importantes para realzar a imaxe mexicana a nivel internacional. En 1968 foron os Xogos Olímpicos, dos que Demetrio fixo o filme institucional, e dous anos máis tarde organizaron os Mundial de fútbol. "Realicei a película oficial da competición. Quixen facer algo orixinal e estiven con cámaras en Moscova, Rio de Janeiro, Toquio, Madrid e Roma vivindo a competición a través da pantalla de televisión. Enfaticei a narración sobre Brasil, o meu favorito. Rodei un plano complicado que chamou moito a atención. Filmei o estadio Azteca cando fica baleiro e quedo no emprazamento da cámara. Deixo un balón no centro do campo, fago un zoom ao esférico e, ao traballar á inversa, a pelota comeza a botar. Despois subín a un helicóptero e tirei un balón por riba da cámara para logo conseguir o efecto de que pasaba, co bote, por enriba do aparello". Con ese traballo obtivo un premio internacional ao mellor documental deportivo. En México, tratou con Luis Buñuel, quen sempre lle botaba en cara que se prestase a facer documentais para o Goberno cando, segundo o aragonés, a súa obriga era atacalo.

Á parte das Olimpiadas, no 68 houbo un feito estarrecedor no país, a matanza de Tlaltelolco. Na represión dunha mobilización estudantil, a policía asasinou un número de persoas aínda hoxe indeterminado na Praza das Tres Culturas, dúas semanas antes do comezo dos Xogos e coa presenza no lugar de xornalistas estranxeiros. "Dada a miña posición profesional tiven facilidades para lograr tomas do acontecido. O material viuno o presidente Ordaz en privado e foi incautado por gobernación".

Os que si se poden ollar son os seus documentais, en que se reflicten as tradicións nacionais e a evolución social do país ao longo de catro décadas. Gusta de lembrar o traballo da presa de Malpaso, que tardou cinco anos en contruírse e na que decididiu pór unha cámara durante todo ese tempo para así "ver como ía medrando". Pero no traballo non esqueceu as familias que debían abandonar o fogar. "Importábanlles os mortos da familia e querían levalos máis arriba para que non fosen asulagados". Para afondar na vida e obra deste cineasta pode consultarse Imaxe Máxica, editado por Galaxia hai catro anos. Na súa andaina tamén filmou os indíxenas. Para eles, "saír nunha foto equivalía a perder o espírito".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_