Narrativa en tránsito
Das viaxes á lúa d'A campaña de Caprecórneca' (1898) ao São Paulo de 'Periferia', os escritores teñen escollido escenarios de todo o mundo para as súas obras
Ramón Otero Pedrayo narrou as andanzas do dramaturgo Zacharias Werner pola Europa da primeira metade do século XIX. Naquela novela ensaio, publicada pola editorial Nós en 1934 e de título Fra Vernero, o continente aparece como escenario de ideas, o campo de batalla desa intelixencia, en sentido aristocrático, tan achegada ás preferencias do autor de Devalar: Goethe, Mozart, Voltaire, Hegel, Rosseau. Non era a primeira vez que a literatura en galego se asomaba ao exterior, aínda que si, talvez, a primeira tentativa de envergadura estética. Setenta e seis anos despois, Iolanda Zúñiga tamén se move ao exterior e coloca a trama de Periferia, último premio Xerais, en São Paulo.
Otero Pedrayo non foi pioneiro porque anos antes, concretamente 36, o militar Luís Otero Pimentel dera ao prelo A campaña de Caprecórneca. Editada na Habana, onde aparecera por entregas na revista Follas Novas e onde estaba destinado o escritor (Vila de Cruces, 1834 - Cádiz, 1920), o libro leva por subtítulo Novela galega hestóreca, fantásteca e poética e conta, a xeito dun Jules Verne colonial, unha viaxe á lúa adubiada con elementos folclóricos e costumistas. Até que a editorial Galaxia a rescatou en 1994, a obra ficou no cuarto escuro. Non tan escuro pero tampouco a plena luz sobreviviu Manecho o da rúa, a achega do militante das Irmandades da Fala Xosé Lesta Meis (Oza, A Coruña, 1887 - 1930) á colección Lar. Nesta protoserie de libros de peto, Lesta Meis colocou unha historia de emigración que se desenvolve na Cuba onde el mesmo residira. Saíu en 1926.
Luís Otero Pimentel narrou unha viaxe á lúa nun libro publicado en 1898
A emigración ocupou páxinas, de Casares á Patagonia de Freixanes
Camboxa, India ou Siria son escenario a obras de autores contemporáneos
O estrañamento xeográfico é paralelo ao existencial na escrita de Gonsar
Precisamente o exilio por motivos económicos serviu de pano de fondo a non poucos textos. Entre Cambio en tres (1969), en que Carlos Casares fai lembrar a vida de emigrante a un rapaz regresado para soterrar a un compañeiro, e o Remuíño de sombras (1973), avanzada tentativa formal, politicamente crítica, de Xosé Neira Vilas, un monllo de autores en galego tamén instalaron os seus personaxes no corazón do éxodo. Nos relatos de A-Z (2003), Xesús Fraga retrata os galegos no Londres da década punk. Antes de iren á Europa do norte, os nativos de Galicia viaxaran máis lonxe, empuxados pola ausencia de perspectivas vitais: A cidade dos Césares (1992), de Víctor Fernández Freixanes, remata nas chairas da Patagonia, poboada por galaicos no século XVIII.
Nesas latitudes austrais de América pasan Nos pagos de Huinca Loo (1982), Latitude austral (1992) e Viaxes no país de Elai (1992), de Xavier Alcalá. En Cárcere verde (1990), o mesmo escritor transporta homes cegados pola busca de diamantes a unha selva africana. Nunha xungla igualmente indeterminada, Xelís de Toro obriga aos protagonistas de Riofero (2009) a remontar un río onde ecoa en forma de homenaxe o Congo de Joseph Conrad.
Tamén Xavier Queipo practicou, confesamente, a novela de selva. En Malaria sentimental (1999) a paisaxe é camboxana e a política, os estertores do poder de Pol Pot. Protagoniza un botánico que estuda a flora nos templos de Angkor Vat. Destinos afastados emprega Antón Lopo nas súas incursións narrativas. N'As reliquias (1991), a súa primeira novela, unha monxa foxe dun convento e remata no Perú. Para Ganga (2000), Lopo traslada a súa escrita á India nunha peculiar road movie con riscos de ciencia ficción proxectiva e personaxes adictos ás substancias piscotrópicas. Lois Diéguez, que comparte co anterior orixes en Monforte de Lemos, levou a Siria o namoramento entre un guía e unha viaxeira no seu último libro, O canto do Muecín (2007).
Alfredo Conde antes que de escritor traballou de mariño mercante. En Lukumí (2006) mergullouse na historia cubana a través do mulato Estevo. Nos relatos de Música sacra, 16 anos antes, Roma, Xenebra, Nova York ou Francfort acollían a fabulación do alaricano. Os ciclos do bambú (2004), outra agrupación de narracións breves, pero de Xavier Queipo, transcorre no Extremo Oriente, de Hong Kong a Bombai. Miguel Anxo Murado deu conta en Ruído. Relatos de guerra (1995) do conflito dos Balcáns e n'O soño da febre (2007) percorre Exipto, Palestina ou as colonias españolas en África.
As viaxes dos narradores non son unicamente no espazo, senón tamén no tempo. Rosa Aneiros tiunfou comercialmente con Resistencia (nove edicións dende 2003), que noveliza a Revolucão dos Cravos portuguesa. No debut de Pilar Buela -Ácaros verdes (2003)-, as donas de Hitler e Goebbels son o eixe dos últimos días do Terceiro Reich. Freixanes, na súa segunda obra, escribiu sobre a Italia, a Florencia concretamente, do Renacemento: O enxoval da noiva (1988) Marcos S. Calveiro elixe o antroido veneciano no século XVIII e a estrea de óperas de Vivaldi para construír Setteceneto (2010).
Foi Camilo Gonsar quen trazou co seu traballo un paralelo entre o estrañamento xeográfico un paralelo e o estrañamento existencial. Fíxoo en 2003 con A noite da aurora, o seu testamento literario ambientado en Reikiavic, e fixérao en 1980, na Nova York de Cara a Times Square.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.