_
_
_
_
Reportaje:Luces

Festivais malia todo

A crise non parece debilitar a oferta musical en directo para o verán - Ortigueira ou Cultura Quente continúan e nace unha cita en Vigo con nomes de sona

A pasada fin de semana, coa edición coruñesa do festival Sónar, contedor de sons electrónicos e músicas máis ou menos non convencionais, arrincou a tempada galega de festivais. E fíxoo con éxito de público, de crítica -as actuacións dos estadounidenses LCD Soundsystem e dos ingleses Broadcast aparecen entre os acontecementos musicais do ano- e algunhas eivas acústicas. A falta de que a Consellaría de Cultura concrete os nomes para "un gran festival no Monte do Gozo", na esteira do que en 2004 achegou ao outeiro compostelán a Lou Reed, Bob Dylan, The Cure ou Iggy & the Stooges, os certames habituais do verán parecen compensar a crise co patrocinio Xacobeo.

A máis inmediata das citas pop é mañá, no recinto feiral de Pontevedra. Cara ese escenario desprazou a organización do Poiopop un encontro centrado na música indie estatal, aínda que cun pé nos circuítos comercias. Así, por 20 euros, nas táboas sucedéranse as xa veteranas guitarras, entre melódicas e distorsionadas, de La Habitación Roja. E Lori Meyers, que hai cinco anos se empoleiraron na clase media da independencia, espeliran en público o seu último elepé, Cuando el destino nos alcance. O electropop de Delorean, triunfante a dicir das crónicas no Sónar barcelonés, e Floren, guitarra principal en Los Planetas, serán as outras apostas do Poiopop que se celebra en Pontevedra.

Cultura aínda non concretou o "gran festival" do Monte do Gozo En Vigo estarán Os Mutantes, que nos sesenta importaron a psicodelia a Brasil
Outra cita estival é en Portugal, Paredes de Coura, e actuarán The Specials Ortigueira leva dúas edicións falando de "retorno ás raíces" do encntro celta

Pero a máis ambiciosa das propostas estivais, e que ademais se estrea este ano, chámase Vigo Transforma. Do xoves 8 de xullo a sábado 10, na cidade do sur pasarán algunhas bandas da primeira división internacional pop. O folk alucinado de Devendra Banhart, estadounidense que bota man dos folclores sudamericanos, e a americana de Jeff Tweedy, líder de Wilco, compartiran escenario o día nove con The XX -nova sensanción do pop escuro e tecnolóxico- e Os Mutantes. Estes brasileiros fan parte da lenda tropicalista, o movemento que importou para o Brasil os manierismos psicodélicos e fundiunos con aires cariocas na década dos sesenta. Ao día seguinte, todo polo prezo dun abono de 40 euros, The Divine Comedy colocarán o seu ampuloso pop de cámara, debedor do primeiro Scott Walker, canda, entre outros, The Morning Benders, practicantes norteamericanos de pop rock normativo, e Delafé y las Flores Azules, particular versión castiza do hip hop poperizado.

Na décimo cuarta edición do Cultura Quente, festival de balde e nunha impoñente carballeira ao pé do río en Caldas de Reis, o rocanrol ortodoxo domina o menú. O brit pop de Ocean Colour Scene e o blues duro do albino Johnny Winter, popular nos setenta, abrirán, acompañados tamén polo autor de Maxinaquaye (1997), Tricky, o certamen o venres 16 de xullo. Na segunda xornada, Cultura Quente afonda na identificación coa militancia rock e trae aos resucitados The Sonics, patriarcas do garaxe punk sixties en activo logo de décadas parados, e o rockabilly redivivo de Kitty, Daisy & Lewis. The Raveonettes, coloradores da época dos cincuenta con aires de modernidade, ou Tony Lomba & Elio dos Santos, por Galicia, contribuén a completar o cartaz.

Outra cita recorrente no calendario galaico de festivais acontece en Portugal. Paredes de Coura, na praia fluvial de Tabuão, a escasos kilómetros da fronteira en Tui, acolle durante os catro días que van do 28 ao 31 de xullo unha nutrida nómina de pesos pesados internacionais. Polo momento están confirmados The Specials, no inverno inglés do descontento de 1979 recicladores esquerdistas de ska e northern soul, o baixista de New Order e Joy Division, Peter Hook, revisitando o debut destes últimos -Unknown pleasures (1979)- ou Klaxons, que no Londres contemporáneo rescriben o son madchester de Happy Mondays e Stone Roses. A entrada para as catro noites custa 72 euros.

Se hai un encontro no que o gusto da organización se atopa por riba da conxuntura ese é o Felipop. Con base nunha pequena aldea de Ares, Limodre, polo seu palco pasaron auténticos clásicos de culto: P.F. Sloan, autor de Eve of destruction, Colin Hare, Nick Garrie ou Paul Collins entre eles. Este ano, a Xunta decidiu retirar o seu apoio económico -5.000 euros-, mais o Felipop soará na fin de semana do 6 de agosto. Aínda non hai confirmacións.

Amais de citas de menor entidade pero igual entusiasmo -na Bola o 3 de xullo O Leo, Galegoz ou Ataque Escampe, ou en Vilalba, no FIV, o 21 de agosto, Love of Lesbian e Estereotypo-, o catálogo resultaría incompleto sen as celebracións folk. En Pardiñas, concello de Guitiriz, o festival máis lonxevo de Galicia, organizado pola asociación Xermolos, atinxe a súa convocatoria número 31. BellónMaceiras Quinteto, que presentan Folkfusión, Xosé Manuel Budiño -o gaiteiro tamén estrea gravación: Volta- e Pablo Seoane, xogando na casa, ou Canteca de Macao, o soul balcánico de Äl Jawala ou os irlandeses Alalé estarán 7 e 8 de agosto na chaira luguesa.

Antes de Pardiñas, con todo, os afeccionados ao folclore atoparánse en Ortigueira. Entre o 8 e o 11 de xullo, bandas galegas, da Bretaña, da Inglaterra, escocesas, irlandesas ou andaluzas ocuparán os escenarios dun festival que, dende 2009, procura explicitamente "un retorno ás raíces". Os anos anteriores viran o lugar ancheándose a outros estilos -que nesta edición recuncan na Oysterband e Celtas Cortos, dúas pólas esgalladas da mesma árbore celtic rock, ou o electro folk de Shooglenifty- e mesmo unha carpa electrónica. Agora o desfile de bandas das "nacións celtas" transcorre na mañá de domingo, e Cristina Pato, Leilía, a banda de Anxo Lorenzo ou un tributo á mítica Bothy Band da Irlanda eríxense en estrelas. Canda eles haberá practicantes de ecos celtas procedentes de Madrid -Celtic Maze- ou Andalucía -Rare Folk.

Fóra de Pardiñas e Ortigueira, porén, a oferta folk practicamente desaparece. Daquel bum de finais do século XX apenas quedan máis testemuños que os da hemeroteca e os dous máis veteranos representantes.

Calendario de verán

- Vigo Transforma, en Vigo (8, 9, e 1o de xullo): Standstill, Triángulo de Amor Bizarro, Devendra Banhart, Jeff Tweedy, The xx, Fanfarlo, Love of Lesbian, Os Mutantes, Mike Snow, Polock, Eladio y los Seres Queridos, The Divine Comedy, The Morning Benders, Delafé y las Flores Azules, Orbital e Caino (Arkestra) & Zinqin Visuals.

- Rock & Clown, na Estrada (1o de xullo): Elliot Murphy and the Normandy All Stars, Nacho Vegas, The Right Ons, Sonic Angels e Tulsa. Ademais estará Leo Bassi.

- Cultura Quente, en Caldas de Reis (16 e 17 de xullo): Ocean Colour Scene, Tricky, Johnny Winter, Clã, Dirty Shocks, dj Amable, The Raveonettes, The Sonics, Kitty Daisy & lewis, Hola a todo el Mundo, Magnética, Tony Lomba & Elio dos Santos e dj Lagartija.

- Ortigueira (do 8 ao 11 de xullo): Krêposuk, Celtas Cortos, Oysterband, Marful, Escola de Gaitas de Ortigueira, Cristina Pato, Orion, Afterhours The Bothy band tribute, Qui hi ha?, Chirlomirlo, Leilía, Anxo Lorenzo Band, Galeic Storm, Shooglenifty, Rare Folk, Celtic Maze, Xabi Aburruzaga e The Crass.

- Pardiñas en Guitiriz (7 e 8 de agosto): BellónMaceiras Quinteto, Äl Jawala, Canteca de Macao, Galegoz, Xosé Manuel Budiño, Pelepau, Pablo Seoane, Alalé e Güintevan.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_