_
_
_
_
Luces

Rivas e De Toro entran na Sorbona

Expertos europeos e de EE UU estudan en París a obra dos dous escritores

"En Francia hai un interese crecente polo galego a través do que nos dan a coñecer Manuel Rivas e Suso de Toro", explica Jorge Vaz. Este profesor da célebre Universidade da Sorbona de París organizou, xunta a Sadi Lakhadari, o congreso Dúas voces da literatura galega contemporánea, no que unha ducia de académicos europeos e estadounidense analizan a obra dos dous escritores, presentes na capital de Francia. O Centro de Investigacións sobre os Mundos Ibéricos Contemporáneos promove un encontro que se estende até o domingo.

"Tentamos dar con este coloquio unha visión do que é a literatura galega, unha literatura menos coñecida aquí que a castelá", xustifica Vaz, quen, con todo, lembra que nos institutos franceses os rapaces estudan extractos d'A lingua das bolboretas ou O lapis do carpinteiro, ambos os dous de Rivas. Con esta última, Jorge Vaz, de orixe portuguesa, descubriu a Manuel Rivas. Dedicoulle a súa tese. Xa coñecía a obra de Suso de Toro e decidiu mobilizar a expertos de todo o mundo, con axuda da profesora Dolores Vilavedra, para focar o traballo da parella de autores, colaboradores de EL PAÍS, dende o naufraxio, a emigración, o ecofeminismo ou a poesía posnacional.

"Chámame a atención que o enfoque non é un presunto exotismo, ou a visión dalgo periférico, senón que hai unha converxencia de olladas que crea un campo do local como universal", comenta Manuel Rivas, que engade: "Escribir é unha viaxe cara ao descoñecido, ler é un xeito de rescribir e o que indican estas miradas son apostas persoais". Benoit Mitaine, da Universidade de Caen, centra, precisamente, a súa reflexión na identidade galega, e faino nos dentros da obra de Suso de Toro.

"Nas súas novelas, Suso fai saír ese problema identitario que coñecen os galegos empregando diferentes formas, entre outras traballando sobre a cuestión do nome dos personaxes", expón durante unha pausa no percorrer das conferencias, "recorre a personaxes anónimos e ese é un xeito de dicir que hai un problema de identidade". O libro A sombra cazadora é o punto de partida. "O fondo da miña tese", conclúe Mitaine, "é que se a identidade está tan presente na súa obra é porque Suso quere levar os galegos cara a unha mellor aceptación da súa identidade, que é unha identidade ferida, estereotipada de xeito negativo".

Para Catherine Puig, que procede do ensino superior de Grenoble, o interese atópase na emigración que reflicte a escrita de Manuel Rivas. Fala de "poética da fronteira" e trata de relacionar dúas consideracións: "Sempre anda na fronteira entre dous xéneros, fai xornalismo pero tamén literatura, poesía, pasa do realismo ao fantástico, dun idioma a outro". A crítica axiña se decatou de que "a pista da diáspora é fundamental na súa obra e que quizais se poida explicar esta escrita na fronteira relacionándose cunha rexión [Galicia] da que a xente sempre marchou para volver".

Puig entra a fondo n'Os comedores de patacas, no que detecta "poesía, teatro, banda deseñada e unha forte marca de oralidade", e chega a Os libros arden mal "no que tamén existe a hetereoxeneidade, mais por motivos diversos". "Escolle unha forma coral", di sobre unha novela que en breve publicará Gallimard, "con varias voces nas que xustapón o ensaio histórico, a novela policial, a do oeste, estilos máis populares e a novela tradicional".

Jorge Vaz, amais de armar a infraestutura das xornadas, esculca no papel da psicoanálise na obra do autor de ¿Que me queres, amor? "Hai producións oníricas moi importantes e iso chamoume a atención", considera, "e ao ler a Freud, pareceume de grande utilidade para entrar nos libros de Rivas". "Este é o aspecto analítico pero tamén literario, porque hai un traballo sobre a escritura, sobre as técnicas narrativas, as palabras e a poesía", continúa, antes de cualficar a estética rivasiá de "impresionista, porque sempre procede por pinceladas, ás veces mero bocexo que deixa máis liberdade de expresión ao lector". "Algúns textos só se poden enxergar se acudimos ás ferramentas psicoanalíticas".

Como exemplo, Vaz achega O lapis do carpinteiro. "Presentouse como unha historia de amor durante a Guerra Civil, pero non é só iso", sinala, "hai unha traxectoria dun home que en realidade é un franquista e a que se explica á luz dos traumas de infancia, das relacións que mantivo co pai e coa nai". "Por isto, a súa obra, que se quere reducir á esfera galega, fálanos a todos, tamén aos franceses", finaliza.

Outras olladas sobre a literatura de ambos os dous escritores inclúen a de Kirsty Hooper, que na universidade británica de Liverpool dedicou a súa tese á xornalista galega Sofía Casanova, pero que estuda a poesía de Rivas como "posnacional". Ou Elina Likanen, de Helsinki, que fala do uso da Guerra Civil en Rivas como xeito "de crear solidariedade con outros grupos oprimidos".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_