_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Os 144 instrumentos do país

Unha obra de Pablo Carpintero cataloga por primeira vez os bens musicais galegos, moitos desaparecidos nas últimas décadas polo despoboamento do rural

Un neno de hai corenta anos era quen de construir, e tocar, vinte ou trinta instrumentos musicais diferentes. O carrizo, o fungueiro, o reque-reque ou o roncollo eran algúns deles, os máis sinxelos, que máis que instrumentos foron xoguetes para cativos e mozos. Eran baratos e doados de fabricar, porque estaban na propia natureza: cascas de noz, talos de millo verde ou codia de castiñeiro servían para xogar a facer música nos momentos de lecer. Pero os dos nenos son só unha parte, nada desprezable, dos máis de 140 instrumentos que durante o século XX se construíron e tocaron en Galicia. A meirande parte deles desapareceron nas últimas dúas décadas, pero un longo traballo de investigación de Pablo Carpintero (Carballedo, Lugo), luthier, afeccionado e estudoso da música tradicional galega, vén de rescatalos do esquecemento. Os instrumentos musicais na tradición galega (Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2009) documenta e describe os instrumentos galegos do século XX a través da memoria dos que os tocaron e construíron. Foron dezaseis anos de traballo de campo nos que este profesor de Bioquímica da Universidade de Santiago e agora doutorando en Historia da Arte percorreu, ademais da Galicia administrativa, as áreas de lingua e cultura galegas de Navia, O Bierzo, As Portelas de Zamora e San Martín de Trebello (Val do Xálima, Cáceres), onde segue viva a fala, froito das repoboacións da Reconquista. Achou un total de 144 instrumentos distintos. "E seguro que hai máis, só é cuestión de seguir buscando", asegura Carpintero.

A creación de útiles musicais era un divertimento para nenos e mozos
O prestixio do músico é para os homes adultos que tocan en público

Roscas, pipas de centeo, gaitas con vincha, charrascos e mirlitóns desapareceron conforme as aldeas foron quedando baleiras. O despoboamento do rural, acelerado nas últimas décadas, impuxo un cambio de hábitat letal para a creación de instrumentos tradicionais. Cambiaron as formas de ocio, e con elas o costume de crear música con obxectos cotiáns. Divertirse era unha das finalidades, pero tamén aprender. Entre os 300 instrumentos que Pablo Carpintero atesoura na súa casa en Santiago -cos que lle gustaría, di, "facer no futuro un pequeno museo"- abondan as pipas de alcacén ou as gaitas de sabugueiro, chanzos intermedios cara a aprendizaxe da gaita de fol, o instrumento de maior estatus na tradición musical galega. Carpintero identificou os marcadores encubertos que explican as diferentes consideracións dos útiles empregados para facer música. "Non é igual que se toque nunha foliada ou de xeito privado, como pasatempo ou adestramento, tampouco que o toque unha muller ou un home, un adulto ou un neno, unha nena ou un neno", afirma o autor, que dedicou os últimos 16 anos a falar con cantadoras, afeccionados e gaiteiros de toda Galicia. Nesas conversas saíron a relucir as categorías inconscientes, nunca verbalizadas, relativas á filiación sexual e social dos instrumentos. "A maior parte dos útiles construídos para facer melodía están asociados aos homes, adultos ou nenos, como tamén o están aqueles que os acompañan ritmicamente", explica Carpintero. Así, instrumentos como o tambor ou o bombo -unha parte nada desprezable dos vintedous membranófonos rexistrados na obra- son territorio masculino, como tamén o son os que acompañan o gaiteiro nas grandes celebracións. A da muller, pola contra, é unha música máis cotiá, vinculada moitas veces ao traballo de fiado e a xuntanzas festivas de menor envergadura na que o instrumento -pandeiretas, cunchas, latas- acompaña á voz. "No noso sistema de cultura tradicional existiu unha clara asociación entre o masculino e a melodía e entre o feminino e a voz", asegura Carpintero. Mesmo nalgunhas frautas moi sinxelas que elaboraban os cativos se aprecia a distinción. "Cando só pitan, fanas tamén as nenas, pero no momento en que se lle engaden buracos para producir melodía, é cousa de nenos", puntualiza.

Porén, hai excepcións que confirman a regra. Nos concellos de Piñor, O Irixo e O Carballiño, no noroeste ourensán, Carpintero documentou a existencia dun tambor exclusivamente feminino e habitual nas vodas, que os carpinteiros construían a petición das mulleres. Tamén nos Ancares se teñen noticias deste instrumento, que debeu incorporarse á tradición galega en datas recentes, porque o tambor ten "unha longuísima tradición masculina".

A maioría dos útiles eran sinxelos: siringas (asubíos e chifres) fabricadas coas canas dos foguetes, tarrañolas (as castañolas dos nenos), estraloques de talo de millo que ao axitarse recordan ao estalido das flores de bilocroca e carrizos sen mais complicación que unha cavidade oca na que bate unha lingüeta de madeira. A inclusión destes bens, que foron sobre todo enredos de cativos, na categoría de instrumentos musicais, parellos á gaita, á zanfona ou ao pandeiro, depende da finalidade coa que se usan e do virtuosismo do que toca. Como di Carpinteiro no libro, "o que toca a folla para facer un baile de xeito habilidoso é claramente un músico, e nese momento, a folla é o seu instrumento musical". Mais na categoría final do instrumento e do propio músico interveñen outros marcadores, non sempre conscientes. Non é o mesmo tocar para un público nunha festa e cun contrato que facelo para un grupo de amigos e por simple pracer. Con todo, é a gaita de fol a que acada a realización ideal na cultura tradicional galega: a súa semellanza con ela confire un estatus maior ao resto dos instrumentos.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A Fonsagrada (Lugo) conserva algúns dos instrumentos máis peculiares de Galicia. A trompa ou birimbau, un ferriño que contén unha palleta que vibra ao soprar sobre ela. A fabricación deste útil, empregado polos pastores nas horas mortas, era cousa de ferreiros especializados que chegaron a abrir talleres dedicados á súa produción. Carpintero explica que o son da trompa -o canto de sapo, como lle chaman no concello lucense- se vincula á Amanita muscaria, un fungo alucinóxeno presente en rituais máxico-relixiosos durante o megalitismo.

O uso ritual dos instrumentos tradicionais tamén é evidente no charrasco, documentado na comarca do Ulla. O charrasco -un mastro de case dous metros de altura cruzado na súa parte superior por tres traveseiros con ferreñas- aparecía no Nadal e no Entroido acompañando aos requinteiros ou cantadores de concello como Teo, A Estrada ou Vedra. Malia que perderon a súa morfoloxía orixinal, a súa inclusión en grupos de gaitas faille pensar a Carpintero que están a adquirir, "estatus de verdadeiros instrumentos musicais".

O rei David esculpido na fachada da catedral de Santiagoque dá ás Praterías sostén entre as mans o que podería ser unha viola medieval ou un rabel, presente na iconografía de numerosas igrexas e capelas de Galicia. A Carpintero, o instrumento de Praterías recórdalle moito, pola forma e a maneira de agarralo, ao rabel de Porto, que aínda ten un tocador e construtor neste concello da comarca de Sanabria (Zamora) que ata o século XIX pertenceu á Galicia administrativa. Presente nas Cantigas de Santa María, citado por Frei Martín Sarmiento e Xoán Manuel Pintos, o rabel tivo "certa presenza na música tradicional ata finais do século XIX". En Porto, porén, numerosas coplas proban a omnipresencia do rabel entre os pastores e nas festas familiares, como soporte da voz. Non hai no caso do rabel filiación sexual: tanto mulleres como homes o tocaron.

"Cando falaba con gaiteiros e lles preguntaba canto tempo botaran aprendendo a técnica, dicíanme que ao día seguinte de comprar a gaita xa a tocaban", relata Carpintero, sorprendido pola gran cantidade de frautas empregadas polos rapaces que aspiraban a tocar o instrumento galego de máis categoría. En realidade, os mozos levaban tempo ensaiando con pipas de alcacén, avea ou centeo, gaitas de sabugueiro, roscas do Baixo Miño ou pitos de lata que aínda se podían comprar nas feiras ata ben entrado o século XX. Coa proliferación das bandas populares no século XIX incorporáronse certos tipos de saxofóns, pratiños e clarinetes alleos á tradición galega. Menos traballados, algúns útiles cotiáns tiveron un uso musical coa popularización de certas marcas. Botellas labradas de anís e latas de pemento acompañaron o canto das fiadeiras na posguerra cando non había diñeiro para facerse cunha pandeireta.

Unha obra única

- Dous referentes. Os instrumentos musicais na tradición galega é a obra de máis envergadura sobre os instrumentos musicais de Galicia, sobre todo pola gran cantidade de bens repertoriados. Só existen dous traballos comparables, Instrumentos musicais populares portugueses de Ernesto Veiga de Oliveira, e a obra colectiva Musique bretonne. Histoire des sonneurs de tradition (Ar Men, 1996).

- Salvagarda do patrimonio. A obra de Carpinteiro elaborouse ao abeiro do Proxecto Ronsel, que botou a andar hai tres anos con investigadores das tres universidades galegas. A súa labor materializouse no Plan de Salvagarda do patrimonio inmaterial, dedicado ao estudo de ámbitos tan diversos como a artesanía, os oficios tradicionais ou a literatura oral.

- Estudo multidisciplinar. Pablo Carpintero clasifica os instrumentos segundo as categorías establecidas por Hornbostel e Sachs en 1914, pero ten en conta outras disciplinas como a psiquiatría e a etnografía popular.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_