_
_
_
_
_
Reportaje:XENTE DE AQUÍ | Rosalía de Castro | Luces

Loba ferida

As obras de Rosalía eran case os únicos libros que pedían os nosos emigrantes de volta na Terra. Existiu unha cultura do emigrante galego que traspasou a emigración a Cuba, Arxentina e Europa, e aí estaba Rosalía. Foi marabillosamente mitificada polo único suxeito capaz a crear mitos, a xente común, todos nós cando fomos ou somos inocentes. Temos visto tamén a Rosalía mistificada, como unha Virxe sacada en procesión por cofradía de solemnes varóns, unha santa patroa dun galeguismo goro que invocaba unha dereita instalada na Xunta e que procuraba lexitimarse ante o país. Existe tamén a Rosalía autora deses versos que seguen a falar os seus riscos e a súa verdade. Rosalía é dura, por iso dura.

No leito de morte encargou que destruíran todos os seus retratos
Ferida polas críticas, anunciou que non volvería escribir máis en galego

É dura porque é ela sempre, feroz e únicamente ela. Quen sofreu abandono xa nunca é enteiramente de ninguén, Rosalía foi abandonada e mais non o foi. Filla dun sacrilexio, nacemento impuro, cachorriño manchado. Preséntaa na inclusa para ser baptizada a criada da súa nai solteira, dona Teresa de Castro, e lévaa logo de alí. Dentro e fóra. Criada nos primeiros anos pola familia do pai, crego, e pola propia nai, dona Teresa, entre aquí e alí, querida mais partida entre as dúas familias. Educada logo como señorita con piano e francés. Figura local dos salóns da sociedade compostelana e dos artistas modernos, actriz adolescente. Pode que considerase a idea dunha carreira de actriz, que unha cabeciña nova tan libre considerase esa vida, profesión moralmente dubidosa entón.

Anda entre os modernos liberais e galeguistas do Liceo santiagués: Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ... Porén ela non participa das tarefas políticas, as cousas solemnes son de homes e ela xa se está a imaxinar de actriz ou literata en Madrid. E alí vai, e alí publica en 1857 La flor, un libro con tópicos que reinterpreta dun modo persoal e introduce o tema do que emigra. Publícao a mesma editorial a continuación de Las canciones de Heine, esa flor espiñenta do romanticismo alemán. Murguía repara no libro desa señorita galega, coñécense e, cando xa Rosalía está preñe de dous meses da súa filla Alejandra, casan. Acompañará os destinos profesionais do seu home, arquiveiro, co que irá tendo fillos abondos. O estudoso respectado, o intelectual de acción, e a literata, unha figura sobre a que ela propia reflexiona nun pequeno ensaio, Las literatas. Alí analisa e critica os impedimentos para que unha muller poda realizarse como escritora. Nunca analisará nada sen tomar partido, posiciónase sempre.

Nunha primeira novela, La hija del mar, a protagonista é expósita, "hija de un momento de perdición". Na obra rosaliana todo ten sentido propio, as mulleres desventuradas tan da novela romántica no seu caso sáenlle de dentro. Ela propia fora presentada e inscrita na inclusa como "filla de descoñecidos": a vida é inestábel, dentro e fóra. Ten conciencia de que non fora abandonada na inclusa malia esa posibilidade ter sido considerada polas familias da nai e o pai. E empezan problemas de saúde. A cada momento o chan podíalle fallar baixo os pés e caer unha no abismo.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Ao ano de casar, en 1859, publica o poema Adiós ríos, adiós fontes. En Simancas, pé do arquivo onde Murguía prepara o primeiro tomo da súa Historia de Galicia, encontra uns segadores galegos. A que os ouviu contar os seus traballos, escribe Castellanos de Castilla. Pura rabia xustizeira. O seu home anímaa a reunir os seus poemas galegos, escritos baixo a musa popular, e a publicar en 1863 Cantares Gallegos, que foi celebrado primeiro en Catalunya e máis tarde na terra da autora. É a base do rexurdimento literario galego e tamén o nacemento dun mito popular. Ese libro é máis que un poemario, é un acto. O prólogo adianta o propósito, vai contra "os que sen coñecemento algún nin razón, nos desprezan, que a nosa lingua non é aquela que bastardean e chapurran nas máis ilustradísimas provincias, cun riso de mofa" (....) "O máis triste nesta cuestión é a falsedade con que fóra de aquí pintan así aos fillos da Galiza como da Galiza mesma." É o segundo manifesto do galeguismo. O primeiro foi o de Faraldo, liberal e protogaleguista, e o segundo é este prólogo tan persoal, sentido e valente. Rosalía é individualista de máis para partillar ideoloxía e organización, alén de que é unha muller e nai, e agárdase dela que permaneza no doméstico. Así, ese prólogo é un manifesto político persoal, cheo de orgullo e de rabia, mais, como a vida sempre é doutra maneira, resultou que ese libro tan orixinal foi tomado pola xente do país como manifesto da existencia dun pobo oprimido e explotado. A individualista apartada e senlleira transformouse en símbolo en vida.

Unha das cousas extraordinarias deste libro é que está escrito por unha muller, fala un personaxe tamén feminino, "a meniña cantora", sempre desde o punto de vista dunha muller e sempre coa muller como principal protagonista. É o libro dunha autora declaradamente feminista que sentiu "desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud." Lucidez combativa, Rosalía non era cousa pequena.

Publica o romance Flavio en castelán en 1861. Dous anos despois Follas Novas, a madurez desa aventura de publicar en galego. Da inspiración, da graza grave de Follas Novas non se debe falar por extenso, é necesario ler a alegría dunha autora que escribe en liberdade. Soidades, decadenza, denuncias e tamén violencia xustizeira, outra volta, d' A xustiza pola man, marabilloso exabrupto. Rosalía en estado puro, a moderna pesimista que ve na vida a presenza abrumadora de ruinas e que desconfía da relixión do progreso.

O prólogo é modernísimo, reflicte por primeira vez a conciencia en conflicto dun intelectual que quere ser escritor, a contradición entre o afán pola obra propia e o compromiso. Rosalía non formou parte de grupo ningún, mais foi unha artista comprometida co seu país, coa liberdade da muller, cos oprimidos e cos que sofren. A súa obra en galego é literatura militante, porén nese prólogo ponlle duración e límites ao seu compromiso: "Pagada xa a débeda en que me parecía estar coa miña terra, difícil é que volva escribir máis versos na lingua materna." Desconcertante a franqueza, tamén desconcertou a quen vía nela un faro cívico: ela non quería ser faro. Reafirmou esa vontade de separarse e proseguir unha obra en castelán cando foi acusada de desprestixiar a Galiza cun artigo na prensa madrileña, Costumbres gallegas, no que relataba un suposto costume mariñeiro, ofrecer unha muller da familia ao compañeiro que vén de lonxe. Aínda que non existise tal práctica como costume, é digno dela o relatar un episodio tan bizarro. Rosalía non defrauda. As acusacións férena e escribe: "Mi resolución de no volver a coger la pluma para nada que pertenezca a este país, ni menos escribir en gallego (...)"

Rosalía nunca acabou de ser recoñecida pola literatura española, castelá, a pesar de ser novelista e a pesar de En las orillas del Sar, o mellor libro en castelán escrito en España no seu século. Era periférica, muller, mesmo luxouse en escribir en lenguas regionales. Na man contraria, os galegos estamos condenados a querer a esa, como Heine, rosa espiñenta.

A señora a sachar na horta, nos últimos anos a casa ten necesidades; o cancro roe nela, pola noite a beber anís. No leito encarga que destrúan os seus retratos e que queimen os papeis inéditos. Rosalía ten uns versos que están escritos no fume e xa non daremos lido.

E nace a lenda rosaliana. "Ábre esa xanela, que quero ver o mar", di no leito dese cuarto desde o que non se enxerga o mar. A morte. Presente, suxerida e manifesta en toda a súa obra, tamén no poema ao cemiterio de Adina, en Iria, onde a enterraron. Os galeguistas cobizan os seus restos, o marido autoriza o seu traslado de Iria a Santiago para inaugurar un Panteón de Galegos Ilustres. Abren o sartego con reverencia, comproban que o cadáver non se descompuxo e que as flores do ramiño de pensamentos co que a enterraran están enteiriñas. É unha santa a nosa loba. Libre e rabiosa como loba ferida.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_