_
_
_
_
Reportaje:ROLDA DAS LETRAS | Luces

Entrando na era dixital

Novembro adoita ser un mes pouco dinámico en cuestión de novidades editoriais, que agardan a proximidade da campaña de Nadal para facérense presentes nas librerías. Pero este ano é tamén un tempo de expectativa, unha expectativa aberta polo incorporación do libro galego ao mercado do e-book. Os pioneiros son, pola banda de Xerais, Diego Ameixeiras e Suso de Toro; pola banda de Galaxia, A esmorga celebra con esa reconversión o seu 50 aniversario (que diría Blanco Amor de todo isto?) e tamén aparece unha novela póstuma de Anxo Rei Ballesteros, A noite do moucho, que se publica ao mesmo tempo en formato convencional, igual que as de Ameixeiras e Toro.

Esta iniciativa das nosas editoriais máis profesionais e audaces non deixa de ter algo de xesto testemuñal da vontade da cultura galega por aggiornarse e non perder o tren da era dixital. Iremos vendo a rendibilidade real do proxecto, iremos comprobando ata que punto nos permite chegar a novos lectores (por exemplo, no mercado latinoamericano) e agardaremos a que maduren servizos derivados pero, en todo caso, o paso está dado, e xa non hai marcha atrás posible. Parabens aos ousados que nos impiden perder o tren da tecnoloxía.

E falando de pioneiros, non hai nada que Suso de Toro publicou en formato dixital Andar tropezando, unha colectánea de textos escritos ou publicados entre 1987 e 2008, agora traducidos ao castelán (aínda que algún foi escrito orixinalmente neste idioma). Andar tropezando pódese descardar de xeito gratuíto (suxírese a doazón de un euro) na librería da Editorial Libro de Notas ou comprarse en papel en Bubok.

- Memoria do teatro

E mentres o libro galego camiña cara o futuro, a memoria segue a ser motor de moita da nosa producción textual, o que non deixa de resultar un chisco paradóxico. O 25 aniversario da Mostra Internacional de Teatro

(MIT) de Ribadavia celebrouse cun álbum publicado por Difusora e que ofrece non só as crónica desa andaina escénica senón tamén abondoso material gráfico, dende fotos a artigos de prensa, complementados por textos conmemorativos, escritos para a ocasión por un amplo abano de persoeiros que teñen ou tiveron algunha relación coa MIT, de Ferrín ou Manuel Lourenzo á actual Ministra de Cultura, Ángeles González- Sinde.

En canto á memoria da guerra, segue viva e reaparece por medio de diferentes formatos discursivos. Velaí As novelas da memoria. Trauma e representación da historia na Galiza contemporánea de John Thompson, profesor da Universidade de Montana e especialista no tema da elaboración da memoria colectiva nas novelas que abordan o tema da Segunda República, a Guerra Civil e a dictadura franquista, unha memoria que o autor trata de poñer en "diálogo cos fenómenos políticos e sociais que máis atinxen á sociedade" galega actual. Malia a súa orixe académica, a obra non abouxa ao público cun alarde de erudición senón que combina en xusto equilibro un certo alento ensaístico coa achega de abundantes referentes teóricos que pretenden alicerzar a argumentación pero que desenvolven paradigmas que non sempre resultan igual de produtivos e que, nalgúns casos, explícanse polas modas que determinan unhas orientacións e non outras.

Onde máis acerta o estudoso é no seu afán en demostrar como certas novelas galegas desvelan moitas das falacias que sobre a guerra e o franquismo perviven na sociedade actual, así como aquelas outras centradas na problemática representación da historia e da memoria. Pola contra, boa parte das eivas que presenta un traballo coma este xorden dun certo desenfoque inducido polo distante ámbito cultural dende o que opera o autor, distancia que sen dúbida ofrece vantaxes á hora da análise pero tamén riscos de distorsión como sucede coa cuestión do revisionismo, que Thompson teima en introducir e que, como el mesmo recoñece nalgún parágrafo, cadra lonxe do mundo literario galego.

- Memoria da historia

En Facendo historia con memoria o historiador Lourenzo Fernández Prieto amosa unha vez máis a singular tensión xenérica que na nosa cultura existe entre ensaio, investigación e xornalismo. O libro recolle un feixe de artigos publicados ao longo dos últimos anos en distintos medios. Neles o autor, coordenador dende 2006 (e ata que o actual goberno decidiu que xa non era tema de interese) do proxecto de investigación interuniversitario Os nomes, as voces sobre a represión en Galicia, infórmanos de como se está a desenvolver o proceso de recuperación da memoria dese tempo e, ao tempo, analiza as nosas reaccións individuais e colectivas ante ese proceso.

Tamén singular, dende o punto de vista da súa definición xenérica, é Escapado de Luís Lamela García, unha percorrido pola traxedia e a esperanza que nos leva Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, como se indica no subtítulo. A cabalo entre a crónica (de feito, aparece na colección así denominada) e a novela, o texto mestura realidade e ficción, historia e memoria, nunha andaina discursiva extraordinariamente dinámica que atrapa ao lector. Este, situado perante un texto que non se lle presenta como biográfico, pode deixarse engaiolar pola ilusión da invención, pero enfrontado nas abondosas notas a pé de páxina coa existencia empírica de moitos dos personaxes sometidos a actos de violencia e represión documentados e verificables. Unha tentativa de resituarnos perante os alicerces factuais da memoria histórica, sen esquecer a dimensión humana dos seus protagonistas.

- Memoria das viaxes

E que é senón un exercicio de memoria iso que coñecemos como libro de viaxes? Que é senón a lembranza decantada da aventura da descuberta? Memoria autobiográfica, memoria colectiva e memoria literaria, esa é a síntese que nos quere achegar a nova colección Viaxes literarias de Edicións A Nosa Terra, ao coidado de escritores e escritoras de nós, que percorren coa pluma comarcas coas que teñen un singular vencello. Inagurada con Terras de Compostela, de Marilar Aleixandre, Terras de Iria, de Anxo Angueira, Baixo Miño, de Marta Dacosta e A terra do medio, de Vázquez Pintor, a colección preséntase nun formato coidado e engaiolador, aínda que quizais os textos -breves en demasía- saben a pouco.

E por moi literarias que sexan estas viaxes, quizais non estaría de máis engadirlles algunhas notas informativas (hoteis, restaurantes, librerías...) a modo de guía, que puideran outorgarlles a maiores unha certa funcionalidade práctica.

- Memoria da novela

Pola contra, sabe un chisco a reseso a novela O frade das dúas almas, de Xosé Tobío Mayo. Rescatada por Galaxia tras varias décadas de esquecemento, pois o texto estaba preparado para a súa publicación na Editorial Nós e desapareceu na voráxine dos primeiros días da guerra, ata hoxe, que volve a nós, os seus destinatarios naturais, grazas ao celo con que Víctor Campio Pereira cumpriu o labor de testamenteiro que lle foi encomendado por Tobío antes do seu pasamento, en 1971.

Pola data que lle pon o ramo ao limiar de Campio, 1992, podemos sospeitar que foi daquela cando se empezou a preparar esta terceira versión dun texto que aínda tardaría ben máis dunha década en editarse. Digo o de terceira versión pois cando menos houbo outras dúas: aquela perdida no obradoiro de Nós, e outra feita a partir da recreación memorialística da primeira; esta que chega como definitiva é froito dun intenso labor de corrección lingüística realizado polo propio Tobío nos 60.

Vencellada á novela de aprendizaxe ou de educación sentimental e ao costumismo (de feito, subtitúlase novela de costumes populares), emparenteda coa estudiantina tipo La casa de la Troya e digna filla do seu tempo, O frade das dúas almas ten hoxe para nós, lectores do século XXI, un valor sobre todo etnográfico e un chisco sentimental. Mágoa que o seu autor non tivese a idea de deixarnos por escrito a súa autobiografía na que hai, sen dúbida, elementos para un relato exemplar e apaixonante: o da vida dun home inquedo, curioso e fiel á súa terra e ás súas ideas. Unha figura, esta de Tobío Mayo, da que non se ten falado moito pola escaseza da súa obra literaria e que esta novela contribúe a reivindicar.

- Memoria do humor

Neste contexto, que un dos libros máis vendidos da tempada sexan as estampas de Veña Carrabouxo! pode ser un dato alentador, polo que ten de proba de que o libro galego consegue de cando en vez rachar as fronteiras do seu público habitual.

E tamén cómpre saúdar a aparición no noso idioma da última novela de Dan Brown, O símbolo perdido. Se cadra, os empresarios consideraron que non era mal negocio que se publicase a un tempo en galego e en castelán, no canto de agardar como sucedeu noutras ocasións (con Harry Potter ou con Dan Brown) non se sabe moi ben a que pero, iso si, establecendo prioridades e reservándolle ao noso idioma a condición de eterno segundón que tantos consideran o seu estado natural. Se cadra, algo está empezando a mudar: non esquezamos que con pequenos pasos tamén se fai o camiño.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_