Entrevista:MIGUEL BARROS | Ensaísta e político | Luces

"Piñeiro formulou a viabilidade política do galeguismo"

Logo de décadas de militancia no PSdeG, ao que se afiliou en 1978, e de exercer responsabilidades públicas en diferentes épocas como deputado no Parlamento de Galicia e como edil en Vigo, Miguel Barros (Carballedo- Cotobade, 1944) é, na actualidade, presidente do consello de administración de Promocións Culturais Galegas, a empresa editora do semanario A Nosa Terra, e membro do consello de administración de Xornal de Galicia. En xuño de 2006 abandonou o exercicio activo da política, pero a política non o deixou a el. A Editorial Galaxia vén de publicar o seu ensaio Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo, dous volumes que conteñen a súa tese de doutoramento. A obra significa tamén a posta en valor da acción política de toda unha xeración, a das mocidades galeguistas que sobreviviron á Guerra Civil.

"Obriga a tomar posicións, por iso se lle impuxo unha tumba de silencio"
"Fixo unha analise cruel do escaso éxito dos postulados nacionalistas"
"Como cidadán sinto unha dor inmensa polo que está a pasar co galego"
"Sempre estivo lonxe do poder e próximo ao mesmo tempo"

Pregunta. A idea central do seu estudo sobre o pensamento de Ramón Piñeiro é a condición radical da cultura no seu paradigma político.

Resposta. Na filosofía de Piñeiro, o pobo, colectivo humano por definición, é o suxeito histórico por excelencia, o concepto político central e salvador que ten todas as posibilidades de realización histórica. A posibilidade de reingreso na historia é o concepto motivador de Piñeiro. Mais só poden escribir no libro da historia aqueles pobos que teñen conciencia da súa propia personalidade, e só poden escribir dende a vontade ou dende a cultura. No programa político de Piñeiro, a recuperación da cultura antecede aos feitos derivados da forza colectiva dirixida pola vontade, daí que erixa á cultura na raíz dos pobos.

P. E é arredor da cultura onde Piñeiro constrúe a arquitectura do que vostede denomina no seu ensaio "a nova interpretación do galeguismo".

R. Despois dun século de nacionalismo galego, Piñeiro obra a primeira mitose entre nacionalismo puro e galeguismo. El fai unha análise cruel do escaso éxito dos postulados nacionalistas en Galicia e conclúe que a nosa conciencia de pobo é escasa. Observa que hai moita distancia entre o horizonte ideolóxico que formulan os partidos e os límites da xente. Era síntoma de cegueira histórica ignorar eses feitos! Xa que logo, vai á procura dun pragmatismo ideolóxico que sexa asumíbel en termos electorais. Atendendo á sanguinolenta historia de Europa e perante a imposibilidade política de que ese axioma tivese aplicación, Piñeiro cambia a secuencia nación-soberanía-Estado novo por pobo-cultura-federación, como nova semántica do poder. Non se trata de negar, senón de superar, de se adaptar ás determinacións que nos impón a nosa situación no mundo. Busca superar o "principio de nacionalidades" como principal soporte do mito do Estado, e tenta recuperar o concepto de pobo como suxeito preexistente á realidade estatal. Tal superación é o punto central do proceso de revisión da fase nacionalista do galeguismo e separa a Piñeiro da ortodoxia mecanicista que demanda un Estado a partir da existencia dunha nación. El insiste en que a expresión do ser do pobo a través da cultura pode igualmente realizarse como Estado, ou pola contra non acadar esa forma ou caracterización política. A súa revisión do galeguismo consiste en crear un punto de encontro, integrador e non excluínte, ao que todas as forzas políticas poderían sumarse. Temos que volver vindicar o concepto de "revisión": todos os esquemas teóricos son revisábeis porque, e isto é unha obriga nas ciencias sociais, a realidade excede o paradigma. Piñeiro faino con toda a conciencia política, audacia, intelixencia e realismo.

P. Pagou un prezo elevado por iso, como o de entrar na posteridade como o "liquidador do nacionalismo". Vostede reparte un milleiro de páxinas en dous volumes para demostrar a solidez do pensamento de Piñeiro e o grosor da súa acción política.

R. Ese é o gran sofisma! Estaba considerado como un desertor ou un escurantista e nós achegamos moitos documentos que proban o volume da súa acción. O punto de encontro ideolóxico que Piñeiro formulou ten hoxendía idéntico valor, o de dar viabilidade política ao galeguismo. No seu momento, foi combatido porque a capacidade explicativa do seu discurso coloca en grandes dificultades ao nacionalismo, dado que cuestiona fatalmente o principio de nacionalidades que equiparaba nación a Estado. A miña presencia con Piñeiro no Parlamento durante catro anos levoume á intuición de que alí se agochaba máis vida política da que se percibía no Parlamento. Eu nunca sentei á súa mesa, pero a miña teimosía compensoume coa riqueza documental que atopei grazas á simpatía polo meu proxecto por parte de Teresa García-Sabell, cuxos arquivos despois pasaron á Fundación Penzol. A documentación é un tesouro que demostra a existencia dun pensamento longamente decantado, coherente e claro, sen sombra de improvisación, e outorga a formulación académica que obxetiva este discurso político e que posibilita a súa entrada no debate, cal é a miña intención. O Piñeiro que escribe na revista Yunque ten 17 anos. Como dixo Fernández del Riego, "Piñeiro nunca foi mozo, sempre foi así, xa naceu vello!". Foi un político de principio a fin, pero sen vocación representativa: el sempre estaba o suficientemente lonxe do poder para non ser absorbido polas súas perversidades, pero suficientemente próximo para influílo.

P. E hoxe? Segue sendo incómodo?

R. O debate ilustraría moito á opinión pública; é máis, se o adiamos, agochamos aos cidadáns as razóns que se ocultan detrás de cada voto. O pensamento de Piñeiro obriga a tomar posicións, por iso se lle impuxo unha tumba de silencio. Sería un debate fértil, que renovaría as premisas fundamentais dunha democracia tediosa desde o punto de vista ideolóxico que, unha vez conseguidos os valores mínimos do Estado do benestar, practicamente se limita á discusión dos orzamentos cada ano e permite a banalización da política. A viraxe sería recomendable aos partidos de esquerda e de dereita, porque o galeguismo de Piñeiro é un construto político pluralista que dá cabida á diversidade ideolóxica. E o punto de encontro podería ser o debate do novo Estatuto, que xa debería ser un obxetivo de país.

P. As controversias actuais arredor da lingua, na educación ou na vindicación dun topónimo en castelán, por poñer dous exemplos, afastan as posibilidades dese encontro.

R. Iso é para chorar! Coas terribles dificultades que houbo que superar para acadar a lexitimación institucional da lingua galega, non é posíbel que despois de 30 anos de praxe política esteamos volvendo atrás deste xeito! Vindicar un L é unha trivialización do debate político que indica que non temos demasiada ambición de futuro. Entendo que nos seus programas as forzas políticas deberían ter unha ambición moi superior, se a oferta que lles fan aos electores é volver a 30 anos atrás, eu dubido moito de que para isto tivese sido preciso mesmo institucionalizar a autonomía! Como cidadán sinto unha dor inmensa. Se aniquilamos a lingua, eliminamos toda posibilidade de crearmos algo singular, negamos a creación colectiva que nos fai ser pobo. Calquera ataque á lingua é, por derivación, un ataque estrito aos dereitos políticos do pobo galego como suxeito histórico, porque priva da característica diferencial fundamental. O delito é máis grande porque aquí nunca se invocou á violencia, e o carácter pactista do galeguismo faino elemento equilibrador no conxunto do Estado de cara ao futuro. Queremos evitar desaparecer nun cosmopolitismo que todo o iguala! O paradigma da unidade é un anacronismo ideolóxico difícilmente asumíbel.

* Este artículo apareció en la edición impresa del viernes, 09 de octubre de 2009.

Archivado En:

Te puede interesar

Lo más visto en...

Top 50