Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Os filmes perdidos de Carlos Velo

O 15 de novembro fará un século do nacemento en Cartelle do pioneiro do cinema moderno en Galicia

O rastro das dúas bobinas de Galicia, o documental que Carlos Velo (Cartelle, 1909 - Cidade de México, 1988) rematou de montar en 1936, perdeuse na fronteira con Francia ao remate da Guerra Civil. Do grande filme destruído da II República en Galicia, canda Mariñeiros de José Suárez, conserváronse oito minutos de metraxe, a metade do total. "Galicia é dun deses catro intres chave polos que Velo pasará á historia do cinema", considera o crítico Miguel Anxo Fernández, autor da monografía As imaxes de Carlos Velo.

Nas pescudas previas para a elaboración de Liste pronunciado Líster, a cineasta e académica Margarita Ledo Andión detectou imaxes capturadas en Galicia no filme soviético Spanija (1939), de Esfir Shub. Agora teoriza sobre a orixe e peripecia dos fotogramas. "O cónsul mexicano na II República, Fernando Gamboa, saíu por Figueres co filme", explica. Gamboa, responsábel de fretar o buque Sinaia cargado de exiliados republicanos e destino México, militaba no Partido Comunista. "Seguramente el enviou Galicia cara a URSS", aventura Ledo Andión. Do nacemento de Fernando Gamboa cúmprese un século este 2009. Tamén de Carlos Velo, refuxiado no país azteca dende 1939 até a morte.

'Galicia' chegou á URSS a través do cónsul méxicano da República

Fernández non descarta a descuberta de novos materiais inéditos

Miguel Anxo Fernández continúa a traballar nunha tese sobre Torero! (1956) e Pedró Páramo (1966), as dúas grandes apostas fílmicas de Velo en México. Coincide con Margarita Ledo nas máis que probábel autoría do cineasta galego dos planos aproveitados por Esfir Shub e apunta a "desaparición" da copia de Galicia que gañou o premio da Exposición Universal de París en 1937. "A fita levouna Luis Buñuel, pero Velo só a viu montada, non posproducida". O seu autor non coñeceu o texto en off de combate coa que se popularizou o documental. Segundo Fernández, a súa intención era "máis galeguista; por que, senón, contaría con Dieste, Castelao para os títulos de crédito e Bal y Gay para a música?".

O Galicia arestora en circulación, os oito minutos que fundan a posibilidade dun cinema do real con arelas vangardistas e non conciliado no país homónimo, é o que chegou, xa na década de 60, a mans de Velo en México. O seu operador de cámara na República, Cecilio Paniagua, levoulle daquela a única bobina conservada. Das afirmacións de Luís Seoane sobre a existencia dunha copia completa nunha filmoteca estadounidense, o propio Carlos Velo confesoulle a Miguel Anxo Fernández "non saber nada".

Pero a pelexa cinematográfica do de Cartelle resultaba outra en 1960. Pasaran os anos dos noticieiros, nos 40, e que estuda na Universidade de Santiago de Compostela o doutorando Xan Gómez Viñas so a dirección da propia Margarita Ledo. "Vimos de adquirir copia de traballo de todos noticieiros", conta Ledo Andión, "e serán fundamentais para abrir e seguir a traballar na figura de Ledo". En palabras de Miguel Anxo Fernández, aqueles traballos informativos "ían moito máis alá da súa función; poucas veces se levantou acta dun país como fixo Velo naquel momento en México".

Con Torero!, "claro precedente do docudrama", o director triunfou no Festival de Venecia, onde acadou diploma. "Gillo Pontecorvo sempre declarou", relata Fernández, "que sen Torero! nunca faría A batalla de Arxel". E este retrato con arestas críticas do mundo taurino constituíu, talvez, o último proxecto pleno do Carlos Velo autor. O ambicioso diagrama que, canda o patriarca do neorrealismo italiano Cesare Zavattini, trazara a xeito de fresco fílmico de México ficou no limbo. Na Universidade Autónoma de México elaborouse unha tese que investiga aquela idea inspirada en Viva Italia! (Roberto Rosellini, 1960).

E acto seguido, Carlos Velo enfrontouse a unha das fracturas que, segundo o seu biógrafo, definiu a traxectoria do cineasta: a guionización e rodaxe de Pedro Páramo, a novela do mexicano Juan Rulfo. "A intelectualidade latina quedou absolutamente decepcionada coa adaptación", explica, e menciona a Julio Cortázar, Gabriel García Márquez, o mesmo Carlos Fuentes que colaborara co director no guión, ou o propio Juan Rulfo. Velo decidiu nese momento abandonar "o cinema serio, de autor". "Dedicouse ás comedias", lembra Fernández, "pero se accedes ao guión de Pedro Páramo, ves que nada ten que ver co resultado". As presións do director de fotografía, Gabriel Figueroa, que tamén coproducía a fita, modificaron o resultado final.

O autor d'As imaxes de Carlos Velo salienta, na etapa final da vida de Velo, as escolas de cinema que constitutíu nos anos 70. Era o tempo no que gravaba a Salvador Allende falando para os estudantes de Guadalajara -Universidad comprometida (1972)- ou a Homenaje a León Felipe, en México D.F., da que explicou anos logo: "Era tan difícil colocar as cámaras pola aglomeración de xente e de nenos, que pensei en acumular material. Diante da moviola díxenme: o que teño que facer é meter a León Felipe vivo. A planificación é posterior. Foi unha película microscópica".

Aos traballos de Fernández, que atesoura materiais inéditos do cineasta á espera de pór en marcha, o ano que vén e en Cartelle, a Fundación Velo, sumouse o libro de Fernando Redondo Neira, Carlos Velo. Itinerarios do documental nos anos trinta (2004). Pero queda terreo por rozar. Margarita Ledo procura espazos inéditos e ángulos inexplorados no traballo documentalista e case antropolóxico en México -o seu rescate de Terra do Chicle (1952) data de 2006. Para Fernández, non é descartábel a descoberta de inéditos. "Algún temos localizado", revela, sen entrar en detalles. De Infinitos, o seu experimento vangardista e republicano, só se sabe polas críticas da época.

Carlos Velo, o amante de Robert Flaherty, Alexander Dovjenko ou Dizga Vertov, naceu o 15 de novembro de 1909 en Cartelle (Ourense) e morreu o 1 de marzo de 1988.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 9 de octubre de 2009