Reportaje:Luces

Un supervendas galego é posíbel

O escritor vigués Domingo Villar conquista o favor dos lectores coas súas dúas primeiras novelas, que xiran arredor do detective Leo Caldas

Lugar: Peirao de Trasatlánticos de Vigo. Día: calquera deste verán. Situación: dun cruceiro atracado no porto da Laxe descende un grupo de turistas británicos dispostos a percorrer os escenarios reais das andanzas do detective Leo Caldas e do seu axudante Rafael Estévez. A Torre de Toralla, os peiraos de Canido e do Berbés, a taberna de Elixio -detrás da rúa do Príncipe-, o número 3 da rúa Carral -domicilio do desaparecido Manteca, o trasunto tanxíbel do clube de jazz Grial-, son algúns dos emprazamentos nos que discorren as accións da parella protagonista de Water-Blue Eyes (Arcadia, 2008), a tradución inglesa da primeira novela de Domingo Villar (Vigo, 1971), Ollos de auga (Galaxia, 2006).

"Medir o éxito dun libro só polo éxito comercial é superficial", afirma
As obras de Villar conta as vendas por milleiros: 12.000 de 'Ollos de auga'

Antes de que as prendesen os lectores en lingua inglesa, as aventuras dos dous policías, en galego no orixinal, puideron ser lidas en castelán, italiano, alemán, ruso e búlgaro. As probabilidades de que aparezan en francés, finés e outras linguas da Europa septentrional son elevadas. O autor, recén chegado da cidade xermana de Bremen, confirmou por boca dos seus propios lectores que "algúns están a coñecer Galicia con este libro, mesmo hai quen chega a Vigo na procura da ruta de Leo Caldas, que non é outra que a que fago eu mesmo cando regreso á miña cidade". As boas críticas verquidas no influínte The Times Literary Supplement, con gabanzas á súa "prosa luminosa" e referencias á súa "contribución ao xénero", deixáronse sentir na estadía do novelista en Londres, Edimburgo e Leeds. "Poderían darlle a Villar un título de embaixador de Galicia", bromea a súa editora en castelán, Ofelia Grande, directora de Siruela, casa na que Ojos de agua cumpre xa coa súa décima edición e máis de 20.000 exemplares vendidos.

"Supoño que a versión inglesa estará ben. Nestes casos, un está nas mans do traductor. Antes que un traductor fiel ao texto eu prefiro que sexa bo adaptador, aínda que modifique cousas! É unha profesión pouco recoñecida a pesar da súa complexidade", indica Villar. Polo mesmo camiño vai A praia dos afogados, a súa segunda entrega igualmente publicada pola editorial Galaxia este ano e, como a súa precedesora, cociñada en galego e en castelán practicamente a un tempo. "O punto de partida é a escrita en galego e despois vou flutuando, non remato unha e despois a outra, senón que vou corrixindo e traducindo ao mesmo tempo. Empezo en galego porque é o idioma más próximo aos detalles que quero contar, aínda que é o castelán a lingua na que me expreso mellor e na que teño meirande soltura", revela o escritor, residente en Madrid desde hai xa varios anos.

"A tradución é un salto importante porque significa atravesar barreiras, pero ademais diso e de ser un éxito persoal de Domingo Villar, trátase dun acontecemento para o libro galego", salienta o director de edicións de Galaxia, Carlos Lema. Ollos de auga corre pola sétima edición, con 12.000 exemplares vendidos; a segunda edición d'A praia dos afogados está a piques de saír do prelo. A primera, cunha tirada de aproximadamente 5.000 exemplares, esgotouse entre abril e agosto deste ano. Tamén en castelán o éxito da segunda novela aumenta exponencialmente. A directora de Siruela expón os seus cálculos: cinco edicións e 25.000 unidades en circulación de La playa de los ahogados. "Se en Francia, para un autor novo acadar unha tirada de 5.000 volumes é un éxito enorme, qué serán no sistema literario galego os casos de Villar e d'A cociña de Larpeiros, o libro do popular cociñeiro televisivo Benigno Campos, que vendeu máis de 21.000 exemplares? Son fenómenos de librería e, porque non forman parte do ensino, adquisicións absolutamente espontáneas dos lectores", reflexiona Carlos Lema a propósito dos dous últimos supervendas galegos.

Cuestión de xénero, cuestión de personaxes, cuestión de formar parte dunha serie que atrapa ao lector. Os que descobren a Villar coa segunda novela, adoitan recuperar a lectura da primeira; mentres que os seus seguidores desde os comezos acollen con entusiasmo a novidade. O xénero negro ou policiaco ten a virtude de contentar a padais diversos e goza de boa saúde nas letras galegas desque foi cáseque estreado por Carlos Reigosa con Crime en Compostela, novela gañadora da primeira edición do Premio Xerais de novela, en 1984. Aníbal C. Malvar, Xosé Cid Cabido, Santiago Jaureguizar, Ramiro Fonte, Suso e Xelís de Toro, Diego Ameixeiras ou Manuel Forcadela escribiron no seu día historias de policías, crimes e misterios e aí está, en tempos recentes, a serie protagonizada polo detective Frank Soutelo, un fillo de galegos emigrados aos Estados Unidos creado polo crítico de cine Miguel Anxo Fernández.

"Como lector, teño acudido á novela policiaca moitas veces. É un xénero que che permite botar unha ollada ao teu redor e contar moitas máis cousas. Cando me decidín a escribir pensei que unha trama policial sería un método sinxelo para levar ao lector collido da man a través da resolución dun caso; despois descubrín que non era tan doado como eu pensaba", ri Villar, quen confesa sentir noxo "cando se mide o éxito dun libro unicamente polas cifras de vendas, é superficial". Faille ilusión, en cambio, que La playa de los ahogados sexa un dos cinco libros aspirantes ao Premio Libro do Ano 2009, convocado polo Gremio de Libreiros de Madrid e que se resolverá o vindeiro 20 de outubro, "porque os libreiros son os primeiros lectores, persoas que aman os libros ata o estremo de lle dedicar o seu tempo". Por Ollos de auga, Villar acadou o Premio Arcebispo San Clemente, organizado polo instituto compostelán Rosalía de Castro e que concede un xurado de estudantes de toda Galicia: "É reconfortante que che premien rapaces de instituto, que che digan que o libro que lles gusta é o teu. Cando eu tiña a súa idade foi cando máis emocionado estaba coa lectura, cando pasaba as noites en branco, lendo; por iso non me extraña que alguén como [Haruki] Murakami, que non vai a ningures, quixese vir recoller este mesmo premio".

Cuestión de orgullo

"O valor dun libro non medra porque o diálogo co lector se repita, senón pola calidade dese diálogo", asegura Domingo Villar, quen afasta de si calquer consideración de fenómeno literario. "Xa son maiorciño para iso e decátome de que o próximo libro pode non ser como os anteriores". O vindeiro, que comeza a abrise camiño no seu maxín, significará a terceira entrega dunha saga protagonizada por un espilido inspector de policía galego e a súa man dereita, un aragonés de máis que dubidosa reputación.

"O inicio dun libro é un territorio escuro pero canda eles, que son a miña compaña durante a viaxe, o camiño faise mellor", conta o escritor, disposto a seguir desvelando trazos da misteriosa personalidade de Leo Caldas. "Son unhas personaxes fantásticas e están tan ben construídas que un sabe qué pode chegar a pensar cada unha delas ou por qué motivo poden estar en desacordo", indica a directora de Siruela, Ofelia Grande.

Segundo Carlos Lema, de Galaxia, hai outra apreciación que resulta decisiva para os lectores galegos, que insisten no encontro coas palabras impresas do autor vigués. "Coido que os lectores están fartos de lamentacións, queren asumir a súa realidade e demóstranno interesándose por esta parella na que se invirten os papeis habituais. Polas españas adiante, o raro é que o galego sexa o listo, xusto o que acontece nas novelas de Domingo Villar. Esta chiscadela prende no orgullo dos lectores". Segundo o editor, a posta en valor do carácter, da cultura, das paisaxes e mesmo da gastronomía de Galicia é un plus de optimismo. "Devólvenos unha imaxe de nós mesmos coa que a xente conecta", conclúe.

* Este artículo apareció en la edición impresa del viernes, 25 de septiembre de 2009.

Se adhiere a los criterios de