Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
Luces

Curta do actor Rubén Riós sobre a represión do galego

Elena Rodríguez Guede quería ser artista, pero no Verín dos anos 50 non había lugar para ese soño. Ao produtor Rubén Riós conmoveuno a historia deste desexo frustrado e o froito é Coser e cantar, unha curta protagonizada por Arantxa Rodríguez, Amalia Gómez e Camila Bossa que se presentará mañá no Auditorio Municipal de Ourense. Nunca foi doado dicir aquilo de "mamá, quero ser artista", pero menos aínda no rural galego do franquismo, contexto no que se sitúa a historia desta muller á que, recoñece Riós, "lle cortaron as ás".

Coser e cantar, segunda obra da produtora de Riós Claqueta Coqueta, quere render homenaxe non só á vocación desta muller "especial", senón tamén recuperar a memoria dos galegofalantes reprimidos durante a ditadura. Nun ambiente escuro e opresivo que asocia o idioma á ignorancia, a cativa reclama o seu dereito a non ser mellor nin peor, senón diferente. Unha diferencia que non sería aceptada até moitos anos despois, cando o Entroido de Verín recupera a figura de Elena Rodríguez como a súa Raíña. "É o escenario que nunca puido ter", afirma o director, que se deu conta de que Elena tiña unha historia que contar a primeira vez que falou con ela, hai cousa de dous anos.

O director lamenta que a tradición oral sexa cada vez máis descoñecida

Que Riós faga cine en galego non é ningunha casualidade. O ano pasado púxose ás ordes de Ignacio Vilar en Pradolongo, un filme que apostou por achegarse aos mozos mediante a promoción en institutos. "Temos bos actores e bos equipos técnicos. Só nos queda ensinar ao mundo as nosas producións". Malia que o audiovisual funciona ben entre o público máis novo, Riós detecta que os tópicos aínda gozan de boa saúde. "Os rapaces vinculan o galego co nacionalismo, cando a defensa da lingua está por riba das preferencias políticas".

O produtor lamenta tamén que a tradición oral galega sexa cada vez máis descoñecida para as novas xeracións, algo que puido comprobar durante a promoción do seu anterior traballo, Adeus Esdrada? (2006) nos centros de ensinanza. "Se lle preguntas a un neno de oito anos que é a Santa Compaña, non o sabe", asegura. "Aínda hai rexeitamento cara ao idioma e cara á nosa tradición oral". É por iso que Riós ve no cine a posibilidade dun discurso positivo sobre a cultura galega. "Pradolongo demostrou que o cine en galego chega á xente, agora hai que seguir a facer películas, só así se aprende".

Coser e cantar chega a Ourense despois de ser estreada no Festival Internacional de Cine Pobre de Gíbara (Cuba), onde "o público quedou impresionado coas paisaxes de Galicia" e en A Mezquita, onde se rodou.

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 12 de junio de 2009