"A arte é un abrazo ao universo; senón, mellor cambiar de palleira"
Antón Lamazares expón en Santiago o seu traballo dos últimos dous anos
O latín domus omnia significa "a casa de todas as cousas". Amais, é a palabra de orde que encabeza a produción pictórica de Antón Lamazares durante os últimos dous anos e medio. De tonalidades verdosas, nos máis de 30 cadros pendurados dende onte na galería SCQ, de Santiago, advírtense bocexos de casas, rastro de arquitecturas rurais, a sombra do mundo ido da aldea. "Ao final, un argumento como outro calquera para pintar", retíralle importancia o autor.
A última serie de obras de Lamazares conecta co seu país natal. Maceira, a aldea de Lalín onde naceu en 1954, Samicenso e Lazajós son os topónimos que acompañan os diferentes trazados de Domus Omnia. E os tres responden a parroquias lalinenses. "Hai certa domus, certa construción nos cadros", recoñece, "pero a pintura non hai que explicala nunca, hai que contemplala". Para a crítica Mercedes Rozas, que prologa o catálago da mostra compostelá -a primeira que realiza en Galicia dende 2006-, existe en Lamazares un "regreso á morea de espellos rotos que Borges converteu nun museo ateigado de lembranzas". Rozas tamén menciona melancolía, refuxio ou o non contaminado como conceptos operativos no Lamazares recente.
Cita aos seus tres grandes da pintura: Laxeiro, Tino Grandío e Pesqueira
"No fondo, sempre pintas o mesmo cadro", reflexiona o artista. O traballo que expón e vende en SCQ fai parte do que xa se puído visitar antes en recintos de Madrid ou Berlín, onde reside dende 2005: "Aínda que estea en Berlín, estou todo o tempo aquí". "Traballas na serie e a súa extensión depende do ela che pide; é como o amor". Esta casa de todas as cousas, fabricada en soportes acartonados e brillantes a forza de capas de verniz, análoga ao escrutinio dos verdes nun prado, mesmo sobreviviu a unha interrupción de catro meses provocada por unha lesión no ombreiro: "Nunca pasara tanto tempo sen pintar, e a vida éche ben aburrida sen pintar".
A última vez que a obra de Lamazares se asomou a Galicia fíxoo no mesmo escenario. E fai frío no lume titulouse, "unha ofrenda aos mortos, ofrenda aos soños, ofrenda ao tremer na hora do nacemento, ao corazón mortal da vida". "Eu son dos que traballa todos os día", explica, "non creo nesa bobada do artista bohemio". Aquela E fai frío... compúxose con case un cento de pezas.
Pero o método do pintor de Maceira, cuxa vida no taller de Berlín abranxe, mínimo, oito horas diarias, é máis amplo. Como argumentaba Nicholas Ray sobre o cinema, Lamazares pinta cando non pinta. "Ás veces, cando máis pintas é cando non pintas", improvisa un aforismo, "e ás veces cando pintas, e cando menos pintas". "E antes de te poñer a traballar, tes que soñar as cousas", apón, "precisas de certo estado da alma". Ao se achegar a algo así como a unha teoría da pintura, Antón Lamazares fala de renuncia e loita e resistencia: "Hai que tirarse enriba do cadro". Fillo confeso do poeta Carlos Oroza e do pintor Laxeiro, para el "a arte é un abrazo ao universo; senón, mellor cambiar de palleira". Unha batalla que xamais se vence, avanza, unha tentativa, unha aproximación.
Lamazares internouse na pintura contra 1973, da man do seu "segundo pai" e "gran fodedor" Laxeiro. Para Oroza, Carlitos, non esixe máis que un título nobiliario: señor de Lisboa. "Pero non me fan caso e Carlitos, ademais, é como a néboa". E aínda que andou por Madrid e agora por Berlín -cidade que frecuenta dende 1991-, "un pintor nace na terra, porque ¿onde nacen as leitufas?, ¿onde nacen as verzas". No entanto, asegura, "a pintura leva sempre, ao mesmo tempo, un recado universal". E non dubida en citar tres homes como os seus grandes na pintura galega: Laxeiro, Tino Grandío e Manuel Pesqueira Salgado.
Antón Lamazares posiciónase a prol de "superar divisións". "Antes había aquilo de 'somos galegos e non nos entendemos", lembra, "pero debemos pasar ao 'somos galegos e a ver se nos entendemos". Nesa caste de entente cordial que di procurar xorde a Cidade da Cultura e non acha reparos en defender a obra do monte Gaiás: "Temos que tirar dela, debemos facer que sexa a segunda catedral de Santiago, a do século XXI".
Cando presentou E fai frío no lume, a man de Domus Omnia explicáballe a Javier Fuentes Feo que "unha pintura real é vida, vida como a Batalla do Ebro ou as campás da Giralda tocando a Gloria, ou a neve nas sementeiras, ou as árbores, o fume nas panadarías". Sobre a súa visión elaboran Naida e Javier Sanz Fuentes un documental que comezaron a rodar en 2006. "A min gústame Maximino Castiñeiras", rexouba, "que con 85 anos sempre se presentaba e dicía adeus así: 'Para servir a Dios y a usted, pero con la mecha ardiendo".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.