O decrecemento insostíbel do galego
Hai quen crítica ao novo Goberno por inactividade. Pola contra, penso que ten traballo dabondo coas dúas grande preocupacións ás que se ten entregado dende o primeiro. Por unha banda, a descuberta dos cubículos secretos do bipartito. Por outra, a posta en marcha dun complexo programa de decrecemento sostíbel para o idioma galego. Esta última é unha tarefa especialmente difícil e que esixe moito valor e dedicación por parte dos executantes. Non todos os días se desmonta no planeta a estada legal dunha lingua! Mais, vaiamos por partes.
O novo Goberno galego segue a descubrir novos agochos, apousentos, covas, salas, cámaras, chambres, criptas, engine rooms, e todo tipo de cubículos, onde se reunía o clandestino Goberno bipartito, que controlou Galicia de xeito sinistro durante catro anos dende esta rede de misteriosos e luxuriosos furanchos, paraxes e hábitats.
Onde están os dereitos dos galegofalantes se médicos ou arquitectos non coñecen o idioma?
As imaxes desta grande Tobeira Bipartita están sendo espalladas por todos os medios e tal como se merecen, cun tratamento de goridas disimuladas na plácida Compostela. Un aspecto que chama a atención é a sospeitosa ausencia de elementos iconográficos nestes santuarios bipartitos. Nin un pobre crucifixo nin un triste trofeo cinexético. Si os había no período fraguista, caracterizado disque pola máis estrita austeridade, malia miúdas concesións á monumentalidade como a Cidade da Cultura, a residencia presidencia do Monte Pío e o Palacio de Amezúa, en Madrid.
Mais a monumentalidade pasada non ten o morbo deste conxunto inmobiliario secreto que agora se amosa aos galegos e debería mudar nun novo roteiro, con paradas especiais no xardinciño zen e na sala de xuntas inspirada na nave de Star Treck. Touriño non quixo levantar a alfombra. Coitado. Vai ti saber o que perdemos de ver. Non é o mesmo levantar unha alfombra e que apareza un palacio a que apareza un tresillo sincrético, entre a Bauhaus e Ikea, pasando pola Estrada.
É de agardar que despois desta exhibición dos pecios atopados despois do naufraxio do bipartito asistamos a unha auténtica revolución do gasto público. O necesario proceso dun decrecemento sostíbel. O día en que en Galicia vexamos un conselleiro ou conselleira en bicicleta no Obradoiro, ese día poderemos falar en serio dunha nova política. E onde digo conselleiro digo alcalde ou presidente da Deputación. Así vai á oficina o señor alcalde de París. Claro que aquí, pasa un conselleiro ou alcalde en bicicleta e perde a autoridade e mil votos por pedal.
-E que lle pasa a este? Avariou o coche?
-Non, ho! Ten avaría no casco.
Mais hai que por aí. Polo decrecemento sostíbel. Aquí a teoría económica última, a máis razoábel, defendía un crecemento sostíbel. E un mercado honesto. Mais o que se impuxo foi a depredación e a cobiza sen escrúpulo do casino neocon. O que de verdade pon en cuestión este sistema esgotado é a vía dun decrecemento sostíbel. Ir prescindindo do innecesario, ao tempo que se empregan os recursos no verdadeiramente necesario. Mais os depredadores volven ás andadas pasado o susto. Agora gran parte do negocio está precisamente na explotación de necesidades básicas. Os ricos descobren que o diñeiro verdadeiro téñeno os pobres. Eses negocios seguros son a enerxía, a auga, a saúde, os alimentos, a escola, a peaxe... a morte. Eses negocios non se esgotan nunca. Cambiar as tornas, aquí e no mundo, supón apostar por ese decrecemento sostíbel no innecesario.
Ademais deste episodio de enxebre thriller con paranoia mobiliaria, hai síntomas serios no novo Goberno de emprender o camiño da austeridade e do decrecemento sostíbel e non gastos innecesarios? O único exemplo que salienta con claridade neste período é o aplicar o decrecemento sostíbel xustamente a un ben necesario, a un recurso humano que aporta calidade e riqueza a un país e que non ten custe ambiental ningún. Todo o contrario, forma parte da ecoloxía humana.
Aquí ao único que se está a aplicar, cunha aceleración enfermiza, o decrecemento sostíbel e máis o decrecemento insostíbel é a lingua. Despois de abrir a caixa de Pandora, a das tormentas, e de utilizar o ensino e a escisión da infancia para facer estoupar unha guerra lingüística que non había. Teño criticado moito a Fraga, facendo uso da "posesión máis preciosa do ser humano, a liberdade" (Ambrose Bierce). Mesmo o fago neste artigo a respecto de gastos suntuarios. Mais no eido lingüístico, na estada legal e institucional, comportouse en Galicia como un estadista. Outros, presuntamente máis liberais, pretenden agora importar tensións alleas. Cousa curiosa, a dereita a euskaldunizar Galicia. Foi xa sempre unha teima de Mayor Oreja. Cando o Prestige faltoulle tempo para dicir que era todo un argallo de batasunos. Non podía entender que miles de galegos ceibes pensaran pola súa conta e ergueran un movemento cívico e ecolóxico. Como Ava Gadner dicía nun filme: "Anóxame tanto a violencia como a grosaría". E grosaría sufrimos dabondo. Por que tanto interese en que os galegos se encirren entre eles!
Do cultivo e espallamento do idioma galego (berce do portugués e chave de comunicación internacional) só poden vir cousas boas. Á par do dominio do castelán (a outra nosa chave de gran idioma internacional), unha persoa moza da Galiza ten dous pans baixo o brazo. O que se debate non é coñecemento bilingüe, senón a subtracción que se pretende perpetrar furtando o estudo en serio do idioma galego para garantir a competencia e tamén a elección.
Ademais de pandar sobre nós o pesadelo da segregación lingüística na escola, hai estes días síntomas ben claros de que a política lingüística vai na liña do decrecemento insostíbel. Velaí ese anuncio de que médicos, arquitectos, xuíces e outros profesionais poderán exercer sen coñecemento do idioma creado en Galicia e falado por máis da metade da poboación. Que definición ten esta mala práctica? Onde están os dereitos dos galego falantes? A que tempos se volve?
Escribo isto e penso no que diría un personaxe e lingüista fascinante que conseguiu devolver ao seu pobo unha lingua que daban por morta. Penso en Eliezer Ben-Yehuda, o xudeu que xunto coa súa familia e amigos conseguiu crear un hábitat para que o hebreo volvera primeiro á vida (born again) e despois medrase até converterse de novo na lingua dun pobo que a perdera e que hoxe, ademais, dende ese seu saber, dá exemplo de competencia plurilingüe. Recomendo dous libros: How the hebrew language grew (Edward Horowitz) e a biografía de Ben-Yehuda, Tongue of the profets, escrita por Robert St. John.
Por que non traballar todos polo crecemento sostíbel da lingua? Por que non facer de Galicia un modelo creativo en vez de amargala con importacións de odio?
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.