_
_
_
_
Entrevista:XOSÉ RAMÓN BARREIRO | Presidente da Real Academia Galega | Luces

"Non tivemos apoio nin sequera dun Goberno metade nacionalista"

Enfila os seus últimos seis meses á fronte da Real Academia, que preside desde 2001, expectante aínda que "en silencio" sobre a reforma que a Xunta prepara do Decreto do Galego no Ensino. Xosé Ramón Barreiro (Ribeira, 1936) considera que a centenaria institución, encargada de defender o idioma e velar polo seu uso, acadou prestixio coma nunca, malia ao escaso apoio do poder político. Tampouco do anterior Goberno bipartito. E defende que a lingua galega tampouco se comporta tan mal como pode parecer.

Pregunta. A decisión da Xunta de tardar un ano en cambiar o decreto constitúe un armisticio ou só un alto o fogo?

Resposta. A decisión da Xunta está sometida a estudo, parece ser que aínda non teñen tomada unha decisión, malia a que algúns membros do Goberno estanse manifestando con excesivo entusiasmo. Pero non é conveniente manifestarse. O que temos que facer todos nestes momentos é pararnos, meditar, consensuar. Como presidente da Academia, e despois das conversas que tiven co presidente da Xunta, o lóxico é non manifestarme e agardar. Se chegado o momento, entendemos que a decisión adoptada non é a correcta, entón evidentemente tomaremos medidas, protestas ou o que sexa. Pero agora non é o momento.

"A Academia non prevé, nin a curto nin a medio prazo, cambios normativos"
"O galego non sofre o dano que aparece no noso mapa sociolingüístico"
"Pedimos á Xunta un orzamento fixo; xa llo pedimos á anterior, en van"
"A Academia acadou, neste mandato, un 'estatus' que nunca tivera"

P. A Academía reclamou, para poñer fin á polémica, que se separe do debate partidista. Pero non parece que sexa o caso.

R. A Academia non vai poñerse de lado de ningún partido político, senón da defensa do idioma. Temos que agardar. As manifestacións que están cruzándose non favorecen ese tempo de concordia que hai que concederlle á Xunta e ao seu presidente.

P. Por que a Real Academia Galega aínda non editou un dicionario cos últimos cambios da normativa?

R. Está na imprenta en Madrid e sairá en setembro. Facer un dicionario é complicado, leva moito tempo. E nesta edición inclúese un dicionario fonético do galego.

P. Poderáse consultar en Internet?

R. A dixitalización ten que facerse, pero aí chocan intereses. Se se dixitaliza non se vende. As empresas editoras pedíronnos agardar. Non temos orzamento para facelo e temos que defender os dereitos dos editores e dos libreiros. Pero a dixitalización do dicionario virá case de seguida.

P. Están previstos máis cambios normativos?

R. Non. Os que non queren falar galego ampáranse en afirmar que hai tanto cambio normativo que xa non se sabe o galego que falamos. É unha parvada. O último cambio normativo veu dado pola guerra que había nas escolas. Non se podía consentir que houbese tres normativas: a oficial, outra paraoficial e unha terceira lusista. Iso creaba uns problemas tremendos. Houbo que chegar a unha concordia a través do consenso de todas as forzas. Estamos ante unha cousa moi consensuada que tiña como un obxectivo chegar a unha normativa oficial única, e asi foi, para ter paz lingüística. Conseguido ese obxectivo, a sociedade pode estar tranquila: a Real Academia non prevé, nin a corto nen a mediano prazo, un novo cambio da normativa.

P. Non está a Academia un pouco afastada da sociedade?

R. Non é unha asociación de festas, nin ten que estar na opinión pública todos os días. Quizais por iso cando nos manifestamos, escóitasenos. Ten que estar presente naquelas circunstancias que o reclamen. Téñoo moi claro: é un lugar de reflexión, de debate, de investigación. É posible que a Real Academia non fora capaz de suplir anos de afastamento excesivo da realidade galega. Pero niso estamos. Non fai máis por falta de cartos.

P. Reclamou máis medios económicos da Xunta?

R. Unha das peticións que lle formulei ao presidente da Xunta, como fixen co anterior, pero en van, foi que a Real Academia teña un orzamento fixo como ten o Consello da Cultura ou o Instituto Ramón Piñeiro. Pero non é así, non houbo maneira de conseguilo desde o inicio da autonomía e a Real Academia está limitada pola súa ausencia nos Orzamentos Xerais. Das grandes grandes institucións culturais, é a máis desatendida economicamente. Temos que perder o tempo en convencer cada ano ao conselleiro de turno para facer cousas.

P. A Academia fixo un mapa sociolingüístico pero non o presentou, foi case clandestino...

R. Iso é un infundio que non tolero. É inxurioso falar de ocultamento. Ese libro estaba nas librerías en xaneiro, bastante antes das eleccións galegas. Que non o presentamos? Non presentamos todos os traballos que publicamos. Neste caso, a verdade, non se nos ocorreu. Pero pensar como se dixo que se ocultou por razóns políticas... A quen perxudican os resultados? Á Xunta anterior? Por que? É absurdo e eu lamento que os medios de comunicación caigan nesas trampas tendidas por determinadas asociacións. Que quede moi claro.

P. Preocupa a forte caída do uso do galego que reflicte ese estudo?

R. Como non vai preocuparme. Pero os datos do mapa sociolingüístico están feitos co obxectivo de poñer en práctica o Plan de Normalización Lingüística adoptado por unanimidade no último Goberno do PP. E non só no ensino, senón todos os campos da vida social. Nunca se aplicou, nin sequera no mandato do Goberno anterior. En previsión diso, os que deseñaron o mapa pensaron que en vez de facer unha consulta xeral habería que facer unha consulta sobre o uso do galego nos tramos de poboación que se vai a beneficiar supostamente dese proceso de normalización lingüística. É dicir os que teñen entre 8 e 50 e pico de anos. Co cal deixaron fora os que teñen máis de 50 anos e que son os que máis falan o galego. Esa decisión pode ser discutible e eu, cando empezaron co mapa, xa lle dixen que non me gustaba porque a xente non o ía entender. Segundo, a consulta faise só nas cidades, non nas vilas e as aldeas, ónde falan máis galego. De ningunha maneira, os resultados dese mapa son unha radiografía do idioma galego. Non sofre a deterioración que aparece no mapa, salvo nas cidades. Pero eso xa o temos dito e publicado.

P. Que lle parece que a Xunta abra a porta a cambiar a lei para que sexa oficial o topónimo castelán da Coruña?

R. É unha parvada na non vou perder nin un minuto. Falo moito co portavoz do PP, Carlos Negreira, aínda que non deste tema, e paréceme que iso é estar todo o tempo metendo o dedo no ollo. Non é de recibo. Afortudanamente houbo unha reposta suficiente por parte do alcalde. E sería volver a gastar os millóns que gastou o Concello en nada.

P. Vaise a presentar a reelección?

R. Xa esgotei os dous mandatos legais. Non hai nada organizado aínda para elexir o presidente, pero estou seguro que se resolverá ben.

P. E cal é o seu balance destes oitos anos?

R. Contento. Penso, e parece ser que así é non porque o mande eu senón polas circunstancias, que a Academia acadou un estatus que nunca tivera, ten unha ampla presenza onde debe. Hai unha alianza intensa cos vascos e cos cataláns. Hai ideas e proxectos, pero faltan cartos. Agardo deixar un recordo positivo.

P. A Real Academia está maltratada en comparación cas súas homólogas vasca e catalana?

R. Completamente. Os vascos non só teñen un apoio importante do poder político autonómico, aínda que non sei se agora van mantelo, tamén o teñen de Navarra. E como se nos tivésemos apoio de León. Pero somos países distintos e os poderes tamén o son. O feito de que os nacionalismos dominasen durante moito tempo o poder no País Vasco e en Cataluña fai que as súas institucións culturais teñan un apoio indubidable. Aquí non o tivemos. Nin sequera cun Goberno no que a metade era nacionalista. Non cambiou substancialmente nada coa anterior Xunta. Xa virán outros tempos. Ao mellor o PP é máis xeneroso cos outros, vai ti a saber.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_