A historieta galega á intemperie
A banda deseñada galega conta con potencia creativa pero con eivas industriais. O Saló de Barcelona acóllea como convidada o 29 de maio
Na tempada que viviu a aterraxe da novela gráfica na banda deseñada galega con A conta atrás, a historieta do noroeste asiste como cultura convidada ao Saló del Còmic de Barcelona. E faino entre gabanzas á súa potencialidade creativa e as eivas derivadas da ausencia dunha industria editorial asentada. "Pero hai que manter os pés na terra", advirte David Rubín, autor do cartel do certame, "non existe aínda unha infraestrutura industrial en Galicia, nin o público lector de banda deseñada en galego é amplo". No medio dun traspaso de poderes que, no caso da Consellaría de Cultura, activa no apoio á banda deseñada durante o mandato de Ánxela Bugallo, está a resultar lento, un monllo de autores e autoras galegos desembarcarán o 29 de maio no principal encontro do xénero da Península.
"Hai que manter os pés na terra", di Rubín, "non existe infraestrutura"
Prado aparece como a referencia, o máis achegado a un clásico, para os novos
"A min gustaríame ler 'Trazo de tiza' en galego", láiase Kiko da Silva
Prado, contratado pola Xunta anterior, non volveu saber do encargo para o Saló
"Trátase do principal salón editorial do país", recalca Miguelanxo Prado, "e resulta realmente importante contar cun escaparate na cita profesional máis importante de España". Prado (A Coruña, 1958), de quen as últimas noticias chegaron en forma de filme de animación -De Profundis, 2006-, aparece como a figura referencial, e o máis achegado a un clásico, para os novos debuxantes galegos. Para Manel Cráneo (A Coruña, 1973), non hai dúbida: "Cando empezamos, iso de cobrar por nos dedicar ao cómic parecianos imposíbel, facíao Prado e pouco máis". A xeración que centra o recoñecemento da edición número 27 do Salò barcelonés xorde na segunda metade da década dos 90, arredor do planeta fanzine, e rolda agora os 30 anos.
"Nós eclosionamos a finais dos 90 e comezos de 2000", confirma David Rubín (Ourense, 1977), un dos máis aclamados debuxantes galegos. Con Caderno de tormentas, o seu último álbum, afonda no expresionismo existencial xa presente en El circo del desaliento ou en La tetería del oso malayo. Opta ao premio do Saló de Barcelona ao mellor debuxo. Segundo o ourensán, que mantén en funcionamento o blog detripas, arribar en Cataluña non é máis ca o resultado "da boa saúde da que goza a banda deseñada, cada vez máis activa e con máis proxectos editoriais", aínda autoxestionados. O colectivo Polaquia, ao que pertence, vén de botar o décimo terceiro Barsowia, a súa propia publicación periódica. BD Banda chámase a súa partenaire nos quioscos, en marcha dende 2001. O Consello da Cultura Galega move un completo, e pioneiro, portal web sobre a cuestión.
Alén de discursos oficiais, a vizosidade da escena tebeística galega demóstarse con cifras. Manel Cráneo remítese ás listaxes de socios da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. Se contaban 15 afiliados en 2004, no ano en curso os membros exceden os 120. "En Euskadi, a agrupación de debuxantes, que se creou máis ou menos canda a nosa xunta a 50 persoas". Emma Ríos (Vilagarcía, 1976) lembra a importancia das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense na configuración desta xeración de historietistas. "Apareceron varios autores e houbo unha competencia sana", di, "e fixémonos colegas, realizamos inciativas de autoxestión que se cadra non houbo noutras partes".
Pero Ríos, unha das poucas mulleres activas na banda deseñada galega e que acaba de rematar un traballo para a lendaria editora estadounidense Marvel -Runaways-, non concorda coa tentación do encadramento. "Que coincidamos varios autores non quere dicir que haxa puntos en común, nin sequera que haxa un punto de inflexión", considera. Kiko da Silva, director da revista humorística Retranca, nacida en pleno bipartito, comparte con matices o diagnóstico da debuxante. "A bedé galega destaca por contar con autores de distintos estilos que traballan xuntos para visibilizar a historieta galega", argumenta. Entre os galegos non existe unha estética común, non opera unha escola como si ocorreu, por caso, en Valencia, comunidade convidada en Barcelona o ano pasado. "Se cadra, ao non haber unha industria en condicións", opina Da Silva, "a xente posúe máis liberdade de escoller o seu camiño".
O creador de Mario el becario sitúa a orixe cronóloxica do boom, que Emma Ríos non dubida en cualificar de "máis ben mediático", hai 8 anos, "malia á existencia de valiosas iniciativas anteriores". E a viaxe a Barcelona exporá no exterior, "pero tamén aquí en Galicia, porque ás veces atenden máis fóra que dentro", a quinta de Kike Benlloch, Hugo Covelo, Luis Sendón, Alberto Vázquez ou Jacobo Fernández. Segundo Manel Cráneo, que na súa propia editorial -Demo- vén de colocar na rúa Os lobos de Moeche, nesta altura traballan "catro xeracións diferentes en Galicia, se contamos unha cada dez anos, e sen dúbida hai relevo e hai xente nova incorporándose, como amosa o crecemento da asociación de ilustradores".
A ollada foránea ratifica as impresións dos practicantes de cómic. O responsábel do Salò de Barcelona, Carles Santamaria, fala de "consagrados como Prado e novos como
Rubín, autores de primeiro nivel". Tampouco esquece a problemática industrial e, con todo, amósase optimista: "Faltan editoriais, pero co potencial de Galicia, calquera editor espelido se decata da oportunidade de editar cómic", explica, "mesmo os xeralistas poden chegar a esa conclusión, como aconteceu con Random House Mondadori en España", que empezou a editar tebeos e, segundo Santamaria, non lla vai mal o negocio.
As experiencias aquén O Cebreiro redúcense ás escasas contribucións de Xerais -os álbumes de Fran Jaraba sobre a guerra de Cuba- ou edicións A Nosa Terra -maiormente con Pepe Carreiro- e a empresas máis pequenas, entre elas a noiesa Toxosoutos ou as publicacións individuais que tiran os colectivos Polaquia e BD Banda. "É difícil falar de industria en Galicia", admite Manel Cráneo. Das obras de Miguelanxo Prado, apenas A mansión dos Pampín, a súa última incursión no tebeo, se estreou en galego. Levaba patrocinio do Colexio de Arquitectos de Galicia. "A min gustaríame ler Trazo de tiza [tamén de Prado, primeira edición en 1996], a nosa historieta máis premiada, na nosa lingua", láiase Da Silva, "xa está traducido a moitas linguas con menos falantes que o galego". Cráneo menciona a banda deseñada de ambientación histórica "como unha das poucas que funciona comercialmente" e cita Os Garbanzóns, do veterano Carreiro, un relato do "tempo dos celtas" no castro de Baroña.
O propio Miguelanxo Prado refírese á "oportunidade única" do Saló de Barcelona, "no intre máis indicado para salientar o nivel do cómic galego". No entanto, amosa o seu anoxo polo trato da nova Administración. "O anterior Goberno contactoume para colaborar no stand da consellaría", afirma, "pero estamos a quince días e ninguén me volveu dicir nada; non sei se hai equipo entrante en Cultura e se houbo transmisión de información". Santamaria recoñece certo parón, agora solucionado, nas relacións entre organización e Xunta. "Os funcionarios, que son a chave para que unha administración funcione, seguiron en contacto connosco", aclara. Así, explica, o 29 de maio a banda deseñada galega despregarase en Catalunya nun espazo promocional, unha exposición de autores e postos comerciais.
O certo é que a mesa da banda deseñada, posta en marcha polo anterior Executivo e na que sentaban os principais implicados ficou desmantelada. "Gustarianos saber se a nova Xunta conta coa banda deseñada no seu programa", pregúntase Kiko sa Silva, que remata cunha arenga voluntarista. "Ao cabo, todo o mundo nos dicía que aquilo non tiña futuro. Están tolos estes galegos!", arremeda a célebre alocución de Obélix.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.