_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

A chorar a Obama!

Manuel Rivas

"Unha pregunta aos xenerais: Como se derrota a un inimigo que quere suicidarse?".

Trátase dun verso dun escritor finés que escribe en lingua sueca. Un gran poeta, Claes Andersson, que a semana pasada andou por Córdoba. Ese verso interrogante pertence a unha imprescindíbel escolma de textos, Os estragos do tempo, que vén de publicar a colección Cosmopoética (Poesía Internacional). Hai cousas que prenden en nós e durante días non se nos van do maxín. Ese é o caso do perturbador verso de Andersson.

"Como se derrota un inimigo que quere suicidarse?".

Atopeime con Claes Andersson, coa súa poesía, pouco despois das eleccións de marzo en Galicia. Daquela a revista mensual Tempos Novos dedicou gran parte do espazo á análise dos porqués da, en principio, sorprendente derrota da coalición de esquerda que gobernaba Galicia e presidía Touriño. Supoño que a estas alturas xa ninguén se molestará polo cualificativo de esquerda, despois de tanto que fuxiron del e despois do que podería pasar á historia como o Cuadrienio Inxenuo. Tamén Andersson ten algún poema satírico dedicado ao inxenuismo: "Na miña loita contra o capitalismo / o capital está do meu lado / (publicidade gratuíta)".

Os partidos en Galicia fóronse desprendendo de activos valiosos, nunha Inversión do Mérito

Había naquel número pasado de Tempos Novos moi interesantes traballos, en especial os asinados por Fermín Bouza e Xan López Facal, dous dos mellores cerebros de Galicia confinados durante moito tempo ao silencio. Fraga, nun dos seus episodios de Tuzarismo fixo todo o posíbel por estragar aquel magnífico obradoiro do pensamento e acción que foi Sodiga (a Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia), e que puido ser o xermolo ideal para os posteriores e non sempre atinados ensaios de innovación. E todo por que? Porque alí estaban Camilo Nogueira e López Facal. Mesmo nunha mostra de grosería presidencial (iso que volveu ser a ferramenta principal da dereita nas recentes eleccións), o enxeñeiro e economista Facal foi obxecto dun especial maltrato no Parlamento, cando era deputado, el que encarnaba a elegancia intelectual.

Xan López Facal desapareceu da política activa e dos espazos de exhibición pública. Exerce con brillantez na universidade e escribe de cando en vez en publicacións especializadas traballos que non teñen perda e que poñen en evidencia o estrago de intelixencia que se está a perpetrar neste país. Non hai máis que medir a calidade dun texto de Facal ou de Bouza cos que andan todos os días a sentar doutrina en Galicia, repetindo, no fondo, o mesmo artigo dende hai anos. O caso é que podemos ler os ensaios de Facal e Bouza, así como o mellor dietario do xornalismo galego, o de Bieito Iglesias, por mor dese esforzo milagroso que supón o manter Tempos Novos, que creou e dirixe Luís Alvárez Pousa, e o extraordinario suplemento de libros que é Protexta, que coordina Ana Salgado.

Galicia non é un país conservador. Se antes era un tópico, agora o é máis. A comezar polo comportamento electoral. Velaí con claridade os resultados das pasadas eleccións. A suma da esquerda supera en máis de 7.000 votos o conxunto do obtido pola dereita. É dicir, se Galicia fose unha circunscrición única, o resultado sería favorábel á anterior coalición de esquerda e galeguista (ou nacionalista) e súa, a favor, sería a maioría parlamentaria. A diferenza sería esmagadora se non ocorrese a gran desfeita que está na orixe da pregunta ao xeneral: "Como se derrota un inimigo que quere suicidarse?".

Una boa parte da esquerda, fose socialista, galeguista ou de espírito libertario, respondeu á pregunta ficando na casa. Os mínimos cálculos mostran que foron 70.000 (setenta mil!) votantes no caso do Bloque e 45.000 no do Partido Socialista de Galicia. Se non se producise esa sangría electoral, hoxe habería un goberno de coalición con moito máis respaldo que antes en Galicia e, tamén, polo tanto, con máis capacidade para afrontar medidas de protexer o benestar social e de ampliar a protección medioambiental. Atención á desfeita que se nos vén enriba! É incríbel que Galicia volva ao desleixo de esfarelar a administración medioambiental, xustamente cando na retórica todo lles vai en falar de Obama. Se Obama vén a Galicia e ve o que se fixo en décadas co urbanismo e co medio ambiente, o home tírase ao mar no Orzán ao estilo Aurelio Aguirre.

Non é este o lugar nin o intre para remoer o pasado electoral. Como di o outro, a chorar a Obama! Mais si de subliñar o baleiro analítico que se produciu despois duns comicios tan significativos historicamente, e chamar a atención sobre as excepcións, neste caso o traballo de Tempos Novos. En Galicia, e é un dato obxectivo, hai unha grande desproporción na balanza mediática. Esa realidade tan favorábel á dereita non é boa para unha sociedade aberta, nin para avanzar na innovación en todos os eidos, tamén na economía e no benestar social. Ademais de factores que non é a ocasión repetir, hai nesa posición do conservadurismo mediático unha crítica ao valor mesmo de goberno de coalición -compartida, polo visto, por algúns pillos que viviron dela- fronte ao máis desexábel modelo de "maioría absoluta". Unha melancolía, en fin, de mando único, de poder forte fronte ao modelo feble dos acordos bipartitos. En realidade, a coalición é un xeito de goberno non excepcional, quizais o máis normal, e probablemente o máis efectivo. Depende, claro, de que os factores que deben sumar non se esforcen en restar, cousa que pasou en parte da experiencia galega e na que sobresaíron algúns dos galos que agora cacarexan o contrario por todo canto galiñeiro son convidados.

Como estamos a ver que o factor humano é decisivo, fórmulas de goberno á parte, hai un asunto que considero pertinente debater, especialmente na esquerda suicida, aínda que tamén na dereita, visto o frouxo goberno -en xeral- presentado por Núñez Feijóo. Porque os partidos en Galicia se foron desprendendo de importantes activos valiosos, producíndose unha especie de Inversión do Mérito. Está claro que non son os títulos, nin as carreiras, nin as investigacións, nin a cualificación profesional, as varas adoitadas de medir a calidade dun político. Mais o que atopamos, pola contra, en demasiadas ocasións, son os simples burócratas que non teñen outro mérito que o seu "cu de chumbo", o non moverse da cadeira.

Uns e outros. Os que están en renovación permanente e de xeito responsábel tentan estar á altura da esixencia dos tempos para rexer con eficacia o eido público, mais tamén os que teñen vocación burocrática e estarán aí, no poleiro, cando chegue o Xuízo Final, uns e outros, digo, deberían tomarse a molestia de ler e saber quen é Claes Andersson. Porque, entre outras cousas, este activísimo psiquiatra, comprometido coas causas todas que pode, foi durante nove anos un moi ministro de Cultura en Finlandia. Deixouno porque o corazón xa non quería máis ministerio. E aínda por riba, é un dos grandes poetas do noso tempo. Un loitador contra o silencio: "Non creas que medra nada no interior do silencio, agás o silencio dos silencios".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_