_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Galicia e a 'Operación Subtracionista'

Manuel Rivas

Moito se ten falado das subvencións culturais, mais nada do Subtraccionismo cultural. Foi moi aplaudida na tribuna de convidados a única medida concreta que anunciou no seu discurso o candidato a presidente na sesión de investidura. A da inmediata derrogación do decreto sobre o uso do galego no ensino. A súa foi unha longa declaración de intencións, con retórica correcta. Mais brillante, o que se di brillante, a xulgar pola ovación do escolleito tribunal, só estivo nese punto. Cando lle cortou unha orella ao galego. Nin que cortase as dúas orellas e o rabo do Anjo Mau, que é como chaman en Portugal ao compadre Lucifer!

O outro día, no Parlamento de Galicia, ovacionouse pois o Subtraccionismo lingüístico. Na historia da democracia, as sociedades vanse movendo polo pulo das vangardas. A nós tocounos o pulo da anti-vangarda. Agora que no mundo se espalla o universo Obama, que é a operación de sumar, en Galicia procédese á operación de restar. Galicia podía ser modélica coa lexislación actual, mais velaí vén o Subtraccionismo!

Nos máis de corenta folios do discurso do presidente, nin unha soa mención á Cidade da Cultura

O Subtraccionismo é unha corrente mental que vai impregnando todo, mais que comeza pola relación coas palabras. Por que Pilar Rojo, que preside o novo Parlamento, tivo que subtraer a fulespín, que din en Ferrol, a toda velocidade, as súas propias palabras, esa falta pecaminosa, ese lapso terríbel, o de ter chamado "himno nacional" ao Himno de Galicia? Ela mesma cantou e canta ese himno no que o núcleo significante é xustamente desexar "a redenzón da boa / nazón de Breogán". Un brinde de proveito, por certo. Ese himno, con esa letra, foi aprobado como símbolo nacional de Galicia en solemne sesión parlamentaria. E Galicia é, segundo a Constitución, unha "nacionalidade histórica". Así que Pilar Rojo podía dicir "himno nacional" e quedarse tan tranquila, como se tamén lle chama "nacional" ao Himno (europeo) da Alegría. Mais ela tivo que correr a desdicirse e limpar a tremenda mancha. Todo sería máis doado e integrador se se puidese empregar con naturalidade a expresión "nación de nacións" para referirmos a España sen que saltasen os interruptores. O problema está en quen sacraliza determinadas palabras, subtraendo a súa polisemia e forzando a sinonimia entre Estado e nación. En todo caso, este é un episodio metafórico menor, un pequeno exemplo de auto-subtracción. Pilar Rojo é moi nova e aínda ten tempo a cantar no Hórreo A Marsellesa e máis Blowing in the wind.

Agora o preocupante é o Subtraccionismo mental como modelo de goberno. Sei de moitos países onde, medida a medida, chanzo a chanzo, lei tras lei, fixeron e fan o posíbel para revalorizar o patrimonio cultural e natural. Dende logo, faríano con afouteza se estivesen no noso lugar, no que atinxe a ese recurso propio que é ser o berce dun idioma, o galego, logo universalizado coa póla portuguesa. O que é imposíbel de atopar, no noso tempo, é un goberno que anuncia como unha das primeiras medidas lexislativas o subtraer algo de seu.

De manter a coherencia, eu imaxino unha primeira entrevista do novo presidente.

-Cal é o principal problema de Galicia?

-En Galicia temos un problema moi urxente e é o problema do galego.

O cultivo do galego, dende a memoria da resistencia, e para o enxoval democrático, pertenceu ao eido común da esperanza, da ilustración, do benestar. A súa normalización estaba na categoría dos soños prácticos, como o era tamén o soño da liberdade. No campionato de parvadas ditas nos últimos tempos sobre o galego, hai unha que acada un lugar estelar na historia mundial do Noxo: eses que asemellan a situación do castelán hoxe en Galicia co galego durante o franquismo. Por suposto, quen é quen de dicir algo así, ou mesmo poñelo por escrito, ou ignora adrede o que foi a ditadura ou seu pensamento aínda está encriptado, consciente ou inconsciente, nese estadio da ditadura.

O galego, si, pertencía ao eido da esperanza e os subtraccionistas tentan facer todo o posíbel para asocialo cun problema. Cada país ten o seu problema específico. En Arxentina está o mosquito do dengue. E aquí, para os subtraccionistas, temos o mosquito do galego. Hai que convivir con el, que remedio, mais procurar que non se espalle.

O tratamento do idioma galego é unha proba, un test, para a posta en marcha do Subtraccionismo.

Talvez o lector pense que esta teoría do Subtraccionismo é froito dunha imaxinación literaria, contaminada ademais pola moda do xénero gótico e do vampirismo. Xuro que non lin a Stephanie Meyer, nin nada da súa saga, nin antes nin despois das eleccións galegas. Non diría o mesmo dalgúns cerebros da campaña da dereita que por vez primeira na democracia introduciron en Galicia un clímax de vampirismo lingüístico, con efectos especiais de morcegos radiofónicos e prensa de folletín.

Se algún dúbida nesta miña hipótese do horizonte subtraccionista, que repare nun detalle que debería figurar en grandes titulares nas páxinas de sucesos e que, non obstante, só foi referido, que eu saiba, neste xornal. Nada que ver coa pataca minuta do adxectivo auto subtraído por Pilar Rojo. Non. Eu falo dun suceso extraordinario. A desaparición da Cidade da Cultura!

Nos máis de corenta folios do discurso do novo señor presidente, nin unha soa mención á obra arquitectónica máis importante do mundo despois das pirámides de Exipto e o restaurante de vodas do Pazo de Cristal de Baio. Mais o Pazo de Cristal de Baio vaise inaugurar esta semana, mentres nada sabemos que pasou coa Cidade da Cultura. Ese si que é un lapso no discurso. Normal que se che escape un adxectivo, aínda que sexa nacional. Pero que desapareza a Cidade da Cultura, coas súas hectáreas, cos seus centos de millóns de euros, cos seus articulistas diarios mallando no despilfarro bipartito... iso si que é Subtraccionismo máxico!

Vou tentar preguntar ao novo presidente a ver como fixo. E de paso preguntarlle cando é a puxa do Audi e o mobiliario de deseño. Aínda que ao mellor tamén desapareceron xa co Subtraccionismo electoral. Digo eu que se es quen de facer desaparecer a Cidade da Cultura, que será da neveira pique-nique de Quintana?

A min o que de verdade me preocupa, moito máis que a Cidade da Cultura, é o que pasou co maletín de Walter Benjamin. Era o único que tiña cando chegou á fronteira de Port-Bou perseguido pola Gestapo e os esbirros franceses do réxime de Vichy. Aí morreu, na fronteira, acurralado. Non quería soltar por nada do mundo o seu portafolios. Agora que está felizmente resolto o caso da Cidade da Cultura, agora que xa desapareceu Anxela B. e máis o Anjo Mau, haberá que dedicarse a algo importante. Marcho de aquí, ver se atopo o maletín de Walter Benjamín, alí onde están as claves do antigo e novo Subtraccionismo.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_