A nova vida dos contos para todos
No moderno álbum ilustrado conflúen lectores de calquera idade
No coloquio posterior á conferencia que a escritora Teresa Moure pronunciou na edición en curso do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, a autora relatou a súa experiencia como creadora do texto literario dun álbum ilustrado: un conto para animar ás nais a dar o peito aos seus bebés. Galaxia publicou Eu tamén son fonte (2008) coas ilustracións de Leandro Lamas. "As máis das veces que asino ese libro para alguén, o destinatario resulta ser unha crianza, estou dedicando a un neno un conto sobre a lactancia materna!".
"Existen problemas de promoción e de percepción que estabelecen vencellos directos entre libro ilustrado e libro infantil, irá cambiando", explica o responsable editorial de Galaxia, Carlos Lema. "Non hai que esquecer que a narrativa ilustrada non é un fenómeno infantil, senón que nace no século XIX en publicacións para adultos; logo, o libro ilustrado infantil medrou ata ser unha industria". Lema recoñece que é traballoso cambiar os hábitos que clasifican os libros no andel.
"A ilustración non redundante apela á intelixencia do lector", di Lorenzo
O papel dos mediadores introduce novas consideracións na perspectiva do álbum ilustrado. "Ao ser un libro que necesita mediador, nos lectores galegos medra a consideración de que a identificación entre álbum ilustrado e ámbito infantil non funciona; é un proceso lento pero real e ten que ver coa estandarización da cultura galega con outros referentes culturais europeos", indica Fran Alonso, subdirector de Xerais. Os cativos acceden a eles a través dos adultos: familia, libreiros, bibliotecarios, mestres... Segundo Lema, "son os adultos os que mercan para os nenos e aí é onde se decatan da existencia destes libros especiais, xa non tanto pola cuestión literaria, senón polo formato e o carácter artístico da edición".
Alén da singulariedade do formato, a consideración do libro como obxeto artístico vén dada pola liberdade coa que se define o traballo do ilustrador. Da dependencia histórica da imaxe en relación ao texto pásase, no álbum ilustrado, a un equilibrio de forzas entre literatura e debuxo ou mesmo á prevalencia da imaxe sobre o texto tales que as dúas artes adquiren relevancia como relatos con entidade. O ilustrador Fino Lorenzo cualifica de "discurso paralelo" o seu traballo en publicacións como Palabras brancas, de Elvira Riveiro (Xerais, 2008) ou Bolboretas no papel, de Antonio García Teijeiro (Tambre-Edelvives, 2008). Co convencemento de que "a boa literatura e os bos álbumes ilustrados son tanto para os nenos como para os adultos", o artista afirma que "a ilustración non redundante axuda a crear outros puntos de vista e apela á intelixencia do lector". Conta a palabra, tamén a imaxe e, sobre todo, gusta o libro no seu conxunto. Na editorial Oqo, os álbumes ilustrados representan o 90% da súa produción e son promocionados a través dun programa de exposicións. O álbum ilustrado é unha encrucillada artística que pulveriza fronteiras.
A voz dos lectores adultos que reclaman contos para ver e ler, paseniño, está a deixar de ser un remorso. O álbum ilustrado ofrécese como ponte interxeracional. "Sen ser o mellor xeito de facelo, pola súa complexidade, para moitos pequenos o álbum supón a súa vía de entrada á literatura; ese prexuízo, ao final, é positivo porque os rapaces len acompañados polos adultos, e constrúe un diálogo produtivo para os lectores experimentados", reflexiona o escritor e director das áreas de infantil e xuvenil de Galaxia, Xosé Antón Neira Cruz. Ao seu entender, a introdución do álbum na literatura galega é dobremente positiva: "A chamada literatura para adultos desencorsétase e a infantil, que é a máis abranguedora porque non exclúe a ningún lector, saia do gueto".
En tempos recentes, Galaxia activou unha liña de álbumes ilustrados para lectores de calquera idade. Os seus primeiros títulos son A serea do mundo e O branco país sen neve de Encarna Otero e ilustrados por Elisa Gallego, A fada das lapas de Manuel Janeiro con ilustracións de Zita Delaco e o mencionado libro de Teresa Moure, quen conta cunha nova achega, Mamá, ti si que me entendes. Xerais igualmente apostou por editar volumes confecionados por autores e ilustradores galegos, liña que distingue o labor de editoras xeralistas das especializadas Kalandraka e Oqo, cuxa aparición, desde finais dos 90, vigorizou o mercado galego. Estas empresas desenvolven unha arriquecedora praxe editorial multilingüe que incorpora creadores doutros sistemas literarios.
"Son libros para volver á infancia", explica Marisa Núñez de Oqo, "están feitos desde a sensación de escribir o conto que quixesemos ter lido canda nenos e, ao tempo, tamén espertan o noso interese, as categorías artísticas non teñen idade". En paralelo, Neira Cruz sostén que "hai álbumes que, coa forza da imaxe, mesmo cobran unha dimensión terapéutica en estados anímicos carenciais".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.