_
_
_
_
OS GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

De Anne Marie Morris a Corina Porro

Manuel Rivas

"O pobo xa ditou sentenza de morte para a lingua galega", declarou en recente entrevista Xesús Alonso Montero. Unha frase así, tan terminal e terminante, debería remover as augas todas da cultura en Galicia, e non só da cultura, agás que teña razón o délfico don Xesús e esteamos xa, conscientes ou sen sabelo, no barco de Caronte e pola lagoa de Estixia. É dicir, nun lingüístico corredor da morte. Apocalíptico? Realista? Teña ou non razón, o que non ten X.A.M, dende logo, é a culpa de que o galego padeza un problema serio de insuficiencia respiratoria. El xa leva tempo, moito, dicindo que hai que metelo pola porta de Urxencias. Desa mesma opinión vén sendo xente ben competente e activa na defensa do idioma, como Xosé Manuel Sarille, que mesmo ten parafraseado a García Márquez: Crónica dunha morte ten anunciada.

Hai sectores do PP que están levando o partido a un extremismo lingüístico de difícil retorno

Neste contexto, e en vésperas electorais, está a ocorrer algo sorprendente en Galicia. A quen se está a oír, quen máis bourean e están a meter tensión, mesmo con manifestacións na rúa, son aqueles para os que o galego está vivo de máis. Mesmo se oímos a Corina Porro, ex alcaldesa de Vigo e flamante candidata do Partido Popular a deputada no Parlamento de Galicia, non queda máis remedio que crer que o galego é un perigo en expansión, unha variante do ciclón extra tropical Klaus, un fenómeno meteorolóxico-lingüístico produto dunha "cicloxénese explosiva" que está a arrasar cos eucaliptos galego-falantes.

Os candidatos preocúpanse moito por nós. Así que, de cando en vez, hai que ser xenerosos e preocuparse por eles. Se eles perden o tempo, perdémolo tamén nós e de balde. Miren, senón, o que vén de pasar coa Educación para a Cidadanía. Sabíase ben que a oposición era unha tuzarada inútil, unha insensatez, porque esa materia dos valores cívicos forma parte do programa educativo en todas as democracias algo serias. Algo semellante está a ocorrer coa lingua galega. Escachizando o mellor da súa propia tradición en Galicia, rompendo unha trabe da "confianza básica" nesta comunidade, provocando o enfrontamento e a escisión social con propostas regresivas e anticonstitucionais, enganando, en fin, aos electores con miraxes de irracional puerilidade, uns sectores do PP están levando ao partido a un extremismo lingüístico de difícil retorno. Saben ben, saben de máis, que en Galicia, no ensino, o galego está en inferioridade de condicións e que estamos lonxe, moi lonxe, da cooficialidade. Saben ben, saben de máis, que as súas posicións xeran efectos perversos para a sociedade e negativos para os seus propios fillos, aos que se lles inocula a xenreira contra o galego, o desprezo a un saber que agora e no futuro pode serlles útil. Outro caso de perda de tempo, de estéril nora dando voltas arredor dun pozo seco.

Como canta a voz popular "que veña Lourenso, que veña Lourenso, que digha a verdade!". Non, nin aínda acadando a maioría absoluta, nin con toda a "musculatura retórica" do mundo, o PP non podería derrogar os decretos que desenvolven os dereitos lingüísticos e a cooficialidade. Por que, pois, esta guerra absurda? Hai quen fala do medo á perda de votos pola pesca de Rosa Díez. Son dos que penso que, con esta política lingüística agresiva, o PP vai perder moito máis do que pretende amarrar. No fondo, están a caer no erro que se lle atribúe de sempre ao Bloque, o identificar o partido co patrimonio dunha lingua. A dereita galega, que tanto sentido ten da propiedade, e fai ben, vai agora e desfaise dun patrimonio cultural e lingüístico común. Que desprendemento! Hala, veña, a tirar unha lingua pola fiestra!

Eu teño unha modesta proposición para Corina Porro. Que se interese uns minutos pola figura da estadounidense Anne Marie Morris, xa falecida. E que lea a unha moza escritora, Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975), autora de dúas obras contemporáneas, xenésicas e xeodésicas. O libro de relatos Vidas post-it e o libro de poemas Amor amén.

Vénse de publicar unha edición facsimilar da Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas, que saíra á luz en 1974, na editorial Akal, da man precisamente do profesor Alonso Montero. Trátase dunha obra moi singular, unha das pioneiras da sociolingüística galega, e nesta nova existencia, moi ben coidada por Alvarellos Editora, está enriquecida por un novo estudo introdutorio da factoría X.A.M., no que se di: "Á altura da miña vida non é desaxeitado reeditar páxinas escritas ou suscitadas en momentos politicamente tan difíciles. Os lletraferits de hoxe, os letraferidos novos, disporán, cando menos, dun documento histórico. Queiran ou non, eles veñen de aí".

Van aló trinta e tres anos, dende 1974, que ás veces semellan séculos e outras non tanto. Mais esta reedición non só é oportuna como contribución documental, senón que tamén incide na obra pendente de proxectar Galicia como unha célula nai de universalismo. Naquel curso de 1973-74, Alonso Montero enviou un cuestionario a 250 persoas de diversos ámbitos intelectuais e tamén de diferentes países. Era un cuestionario ben amplo, con 18 preguntas que abranguían cuestións candentes que, por suposto, hoxe seguen en gran medida cargadas de sentido. Se non contei mal, coido que foron trinta e seis os que responderon. Mágoa que non o fixesen xente como Sartre, McLuhan ou Chomsky. Anos despois, na revista Luzes de Galiza, publicamos unha entrevista con Noam Chomsky, realizada por unha das persoas máis achegadas a el, o galego Peregrín Otero. A tarefa de dar a coñecer Galicia e as súas creacións, hoxe en día, cos medios que se teñen, non é tan difícil. O que fai falta é a vontade. Ese é o medio máis importante. O querer.

Malia as ausencias, as respostas acadadas por Alonso Montero son ben interesantes e moitas delas conservan hogano valiosa información. Así nos casos, por exemplo, de Francesc Vallverdú, Gonzalo Anaya, Ricard Salvat ou Pedro Altares. Con todo, a resposta que máis me conmoveu foi a de Anne Marie Morris. A encuesta estaba feita en castelán, para unha editorial de ámbito hispano, mais ela respondeu en galego. Entre outras cousas, di: "O galego é vivo porque inda ten quen o fale, a diferenza do latín. Non conta pra moito o manoxo de latinistas que poden falalo. Inda esiste un pobo que fala a lingua galega tódolos días. 'A teimosía oral do pobo salvouna de morte certa', dice Ernesto Guerra Da Cal, bon poeta e bon galeguista". E Anne Marie Morris pregunta: "Pode salvala agora?".

Anne Marie Morris nacera en 1916 en Evanston, Illinois. En 1950 estudou Artes e Lingua Española na universidade de California. A lectura de Valle-Inclán e as coplas populares que este incluía nas súas obras levárona a interesarse polo galego. Posteriormente, cando xa era profesora e escritora, os seus estudos en lingua portuguesa levárona á obra de Rosalía de Castro. E aí prendeu marabillada. En 1964 publicou, nos Estados Unidos, o libro en galego Voz fuxitiva. Non tivo oportunidade de coñecer Galicia até o ano 1993.

Na resposta que enviou hai unha addenda. Un poema titulado Pesadelo e que di así: "Escribín un soño./ As palabriñas as tiven/ apertadas na man, todas de ouro do sol da ialma,/ apertadiñas lá na man./ Mailas letras das palabras / eran resbaladizas / i polos dedos / íanse escapando / hastra cairse lá polo chan...".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_