Selecciona Edición
Conéctate
Selecciona Edición
Tamaño letra
OS GROUCHOS | Luces

Magdalena, Pepiño e a fronteira interior

Chamábano "o salto do tigre". Un dito do tempo decimonono que expresaba a ascensión verdadeiramente importante en política. O tránsito triunfador da provincia á capital. O salto a Madrid. Outros ían á procura de oportunidades e mesmo de subsistencia. Foi o caso de Pablo Iglesias. Quen sería fundador do socialismo hispano non chegou a Madrid dende o Ferrol natal dun "salto de tigre", senón de rapaciño nunha dura viaxe a pé en compaña da nai e dun irmán pequeno, co único capital dun codecho de pan. E logo estaba o acento. É de imaxinar que un dos desafíos daquel neno, como o de todos os emigrantes, foi facer fronte aos risos por mor do acento. Tería que endereitar as curvas do seu falar.

Ninguén chama Angelito a Acebes, aínda que lle acaería nas xuntanzas dos Legionarios de Cristo

"EL ACENTO me pende del zapato; / le oigo perfectamente sucumbir...". Así comeza un dos célebres Poemas humanos que César Vallejo, o xenio peruano, escribiu en París, este con data de 12 de setembro de 1937. Nada tiña en común quen daba o "salto do tigre" a un ministerio e o rapaz emigrante á procura da subsistencia. Nada, agás, se cadra, o acento. Habería intres, en distinto estatus, en que ambos os dous poderían expresar o que o preciso e vivido poema de Vallejo. O acento pendurado do zapato.

Ben podería citar a Vallejo a ministra de Fomento Magdalena Álvarez, noutro verso que lle saíu dos adentros e que di: "¡Cuídate, España, de tu propia España!". Podía traelo a conta dun dos ataques máis bestiais aturado por un cargo político e eu diría que por un personaxe público. César Vallejo, por suposto, non caracterizaba aos españois, senón a aqueles reaccionarios uniformistas que identificaban o ser español co seu autorretrato. O ataque a un acento, a unha fala, a unha lingua, equivale a unha ofensa grave, física. É algo que non entenden os abandeirados do neocentralismo. Mais o instinto de cacería, cando se morde por vez primeira, ten un crecemento exponencial. E así fica en segundo plano, ou en ningún, que é ministra, para que apareza espida e degradada. Quen é esa persoa para os seus cazadores? l. Unha "cousa" (muller). 2. Unha cousa "con acento" (diferente).

Por que as xenreiras derivan finalmente cara á "cousa con acento" e se desentenden da análise racional dunha xestión ministerial? O malo non é que siga a haber tanta xente reaccionaria, tamén nos eidos xornalísticos, o peor é ter de constatar a brutalidade das elites, a mala educación das clases altas. Aquí mallaron en Magdalena canto quixeron por aquilo que dixo de "El Plan Galicia de mier..." Eu penso que aí se equivocou co nariz, porque o chamado plan Galicia non era unha merda. Era fume de palleiro.

Un caso paradigmático nos últimos anos, como vítima desa mala educación, é o do actual vicesecretario xeral do Partido Socialista, José Blanco. Incorporouse á alta política española como peza clave na mudanza socialista que encabezou Zapatero. Activo deputado, non pasou o casting centralista. Non se lle perdoou que fose a mandar un de Palas de Rei. De inmediato, Blanco recibiu por parte da maioría de columnistas e comentaristas radiofónicos o trato de Pepiño. Blanco non se achantou nun papel manso, e iso aínda foi excitando máis aos críticos felinos. Cal é o problema de Blanco? Á vista dos resultados, como secretario de organización non o fixo mal. Pola contra, fíxoo ben, "moveu peña", como se di en koruño. O problema de Blanco non é que sexa socialista. O problema de Blanco é que aínda non pasou o casting dos poderes ocultos. Por iso é Pepiño. Aínda é hipocorístico, é dicir, afrogallego. Paco Vázquez, por exemplo, non é Paquiño. Ten moito acento galego, mais non é afrogallego. Ninguén chama Angelito a Ángel Acebes, aínda que lle acaería ben nas xuntanzas dos Legionarios de Cristo. Como tampouco Pepito a José Bono, por citar outro teólogo.

Por desgraza, os acentos constitúen un "depósito humorístico" en todo o mundo. Quen non riu algunha vez, na cara ou por detrás, do xeito do falar do "outro"? Os galegos temos moita experiencia como materia prima de rexouba, e non só no pasado. Se tiramos unha pedra en Internet, aboian moreas de chistes de gallegos. Eu non estou de acordo cos que pregoan o entrar de balde total na rede. A barra libre debería ter polo menos unha excepción: o capitalismo humorístico. O mellor humor é o de quen é quen de rir de si mesmo, ou rir de todos a un tempo. Mais se alguén quere rir a conta dun xentilicio en particular, pois que pague unha taxa polo servizo. Así creariamos un Fondo de Humor. A sobreexplotación chistosa do galego, a semellanza do que ocorreu con xudeus ou irlandeses, ten moito de ver coa condición de pobo de diáspora. En compensación, os pobos sobreexplotados polos chistes tenden a xerar unha autodeterminación humorística.

Xa Sigmund Freud estudou dende a psicanálise os chistes de xudeus. Un dos seus discípulos, Theodor Reik, publicou posteriormente O humorismo xudeu. Xa sei que non está o forno para bolos, mais se cadra esta historia que inclúe o hebreo Reik no seu libro pode servir un pouco de ex conxuro. Trata dunha conversa entre un rabino e un sacerdote católico que parolan do futuro dun mozo que vai ingresar nun seminario. "Pode chegar a capelán", subliña o cura. "E despois?", pregunta o rabino. O cura responde: "Mesmo pode chegar a cardeal!". "E despois?", insiste o rabino. "Pois a Papa, podería chegar a Papa!", exclama o cura. "E despois?", volve a preguntar o rabino. "Despois? Que máis quere?", responde anoxado o cura. "Acaso quere que chegue a Deus?". E o rabino (en referencia a Xesús de Nazaré): "Ben, un dos nosos mozos intentouno e, ao parecer, conseguiuno".

Os ingleses fartáronse a rir a conta dos irlandeses. A que ten sona é a ironía británica, mais o humor leveda, sublévase, dun xeito maxistral na literatura dos irlandeses, dende Swift a Oscar Wilde, Bernard Shaw ou James Joyce. Unha cousa que non entendo do Ulises, ambientado en Dublín, é que moitos profesores e críticos, do departamento "cranios privilexiados", cultiven con fachenda a lenda dunha novela case ilexíbel e que aborrece ás poucas páxinas, cando se trata dunha das obras máis fondamente humorísticas da modernidade literaria. É algo que compartía con Torrente Ballester. Esa tese de que a literatura española ten no altar o Don Quixote, mais non houbo escola cervantina. E íso é un problema literario, mais tamén educativo, informativo e político.

Deberiamos estar noutro escenario. Mesmo noutro humor. E noutra calidade. Ese horizonte existe. Existen as referencias. Existe a base para esa cultura. A dunha España federal, modelo de entendemento e non depósito de monstros. Quen queira saber máis, debería ir á procura dun libro que debera ser obrigado para exercer a política ou o xornalismo en España: La frontera interior, de Ramón Máiz, premio de ensaio Miguel Espinosa. Catedrático de Ciencia Política en Santiago, Máiz non dubida en encomendarse a R. L. Stevenson: "Que el alba nos sorprenda cada día / Un poco más allá en nuestro camino".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 16 de enero de 2009