_
_
_
_
_
Reportaje:Luces

Eduardo Soutullo, clásico aos 40 anos

O festival Are More homenaxea ao compositor vigués

O compositor Eduardo Soutullo (Bilbao, 1968) prefire falar de retrato cando se refire aos actos que, baseados na súa obra, figuran na programación do festival Are More de Vigo, cidade na que comezou os seus estudos e á que regresou tras completar a súa formación en Francia. O recoñecemento que, cousa rara, chega a un músico de corenta anos no mundo dos vivos, comezou onte cunha mesa redonda que contou coa participación do autor así como do crítico musical Arturo Reverter e seguirá hoxe e mais o vindeiro domingo con senllas interpretacións de dúas obras súas.

"Traballar é difícil para todos os compositores de agora, o noso pasaporte son os premios", revela Soutullo. Os últimos galardóns que atesoura son un diploma especial na International Prokofiev Competition que se celebrou en San Petersburgo en abril de 2008 e a mención de honor no Lutoslawski Award 2007 de Varsovia. Os méritos anteriores son tanto ou máis importantes: primeiro premio no Concurso Internacional de Piano de Santander, que convoca a Fundación Botín, en 2007; gañador do Premio Luis Morondo de Pamplona en 2006 e tamén máximo galardón no Concurso Internacional de Composición Ciutat de Tarragona en 2005. Estas son as credenciais que lle dan acceso aos repertorios de orquestras e de festivais. "Programar é arriscado e recoñezo que o labor dos xestores é complicado porque teñen que mediar entre as presións do público que merca os abonos e que queren escoitar a Beethoven e a Mozart, os creadores contemporáneos e os seus propios gustos", explica. "Con todo, son un privilexiado porque recibo encargos".

"Traballar é difícil, o noso pasaporte son os premios", afirma o músico
"A agresividade da música de despois da II Guerra Mundial non vai a ningures"

E cando ao privilexio de traballar únese a circunstancia de facelo na casa, a Soutullo éncheo unha emoción especial, comparábel ao pracer de sentir as súas partituras nas mans de directores da talla de Jacques Mercier, Hannu Lintu, Olli Mustonen, Antoni Ros-Marbá ou Virginia Martínez e interpretadas polas mellores orquestras, entre as que non dubida en situar á Orquestra Sinfónica de Galicia. En abril de 2009 a agrupación galega coa batuta de Josep Pons, director titular da Orquesta Nacional de España, estreará en Vigo e A Coruña They hear no answering strain, un encargo da formación que pecha un tríptico de obras orquestrais que recibe o seu título de poemas do escritor estadounidense do século XIX Oliver Wendell Holmes.

O máis inmediato son dúas sorpresas dentro do Festival Are More. O mediodía do domingo terá lugar o concerto, no Real Clube Náutico, da pianista lituana Rasa Jakutyte, profesora no Conservatorio Superior de Vigo, con algunhas das súas composicións. A outra, este serán no Conservatorio Superior de Música (20.30 horas), é a estrea do proxecto Atlantik Folk Songs que aúna pezas escritas por compositores galegos e portugueses contemporáneos, Soutullo e Javier Arias Bal y Gay, descendente do musicólogo Jesús Bal y Gay. A iniciativa partiu de dúas formacións lusas, a Orquestra de Jazz de Matosinhos e o grupo de percusións Druming GP, e tratábase de convidar aos autores actuais a reescribiren a linguaxe musical das súas tradicións. A suite de Soutullo chámase Baixo Miño e inspírase nunha cantiga popular da bisbarra. "A melodía resulta recoñecíbel pero o desenvolvemento sonoro é moi diferente das actualizacións que fai o folk", relata con ton didáctico.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

Unha das preocupacións constantes de Soutullo é que o seu traballo sexa accesíbel. "Sen público non hai música", sentencia. "As actitudes agresivas cara aos espectadores adoptadas pola xeración que seguiu á Segunda Guerra Mundial e que provocaron o chamado divorcio co público non van a ningures pero a nós agora cómprenos loitar contra os prexuízos que ergueron". O compositor dálle moitas voltas a cuestión da recepción e fíxase en que a música clásica contemporánea non provoca estrañeza cando forma parte da banda sonora dun filme ou cando se integra nun espectaculo de danza contemporánea. "Esta música precisa ser hábito; o primeiro a desterrar é a etiqueta de música culta, lamentábel".

Soutullo considera que a creación dun festival interdisciplinar para xuntar varias expresións artísticas sería a estratexia divulgativa máis axeitada para a música clásica. "Temos público e temos creadores, faltan xestión política e vontade", indica. "O Auditorio de Beiramar pode ser unha magnífica oportunidade se non se convirte na segunda parte do Gaiás e se deseñan os seus contidos antes de que se constrúa a infraestrutura; na Casa da Música do Porto os nosos políticos teñen un modelo fantástico".

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_