_
_
_
_
Reportaje:Luces

A voz transparente de Ramiro Fonte

Poetas e críticos falan da traxectoria do poeta eumés a pé feito da publicación de 'Xardín do pasatempo' e de 'Reversos', os seus libros póstumos

"Nos últimos tempos, Ramiro Fonte dicía que quería escribir letras para tangos; a súa poesía abeirouse no mundo da canción". Mesmo comparece unha Letra para habanera, dedicada a Ramón Loureiro, en Reversos, o libro póstumo de Ramiro Fonte. "Foi unha aposta forte e arriscada, dende logo", considera o seu coetáneo, e poeta, Xosé María Álvarez Cáccamo. O propio Fonte escribía en 2003: "Impúxenme a tarefa de non ser eu un dos responsables de que se perda, en galego, a música da poesía moderna, ausente case desde os tempos de Cabanillas". Xunta Reversos (Xerais), a editorial Tambre coloca nas librarías os únicos poemas de Ramiro Fonte (1957-2008) dirixidos aos cativos, Xardín do pasatempo.

Cáccamo: "A poesía de Fonte abeirouse na canción nos últimos tempos"
No 'santoral' poético de Fonte estaban Curros e Pessoa, Auden e Rosalía
"Procuraba unha poética histórica, para armar a escala", di Casas Vicente Araguas cualifícao de "gran poeta 'ma non troppo"

"Ramiro dicíame que estes eran os mellores poemas que escribira na súa vida", relata o seu editor en Tambre, Ignacio Chao. E malia a que Chao consigna a sentimentalidade dun Fonte que en Xardín do pasatempo viu o seu último libro impreso, tamén lembra que os amigos escolleron o texto que dá título ao libro para leren no enterro, no Pontedeume onde nacera. "Vou visitar o xardín / Do pasatempo este día, / Por se encontro a melodía / Deses versos que perdín". "Era un poeta moi confesional", afirma, "cando les os seus libros, velo a el aínda vivo; a min resúltame difícil enfrontarme a Reversos". Fonte comezou a escribir o volume, cos textos ordenados cronoloxicamente, ao chegar a Barcelona para ser operado da enfermidade que lle custou a vida.

"Ramiro Fonte posúe a voz máis transparente, que non simple, da súa xeración". Así valora a súa obra Xosé María Álvarez Cáccamo, el propio integrante do denominado Grupo dos 80. "Toda literatura é artificio, por suposto", explica, "pero o artificio literario que usaba Ramiro procuraba a naturalidade, a espontaneidade da voz poética". De verso "matizadamente conversacional, nunca coloquial", Cáccamo salienta o "gran control da musicalidade" do poeta eumés, "sempre pasado pola peneira do ritmo". O enlace de Fonte cos escritores da súa quinta -nomes como Xavier Rodríguez Baixeras, Román Raña Lama, Manuel Forcadela, Miguel Anxo Fernán Vello, Xavier Seoane...- atópase, segundo o autor de Cimo das idades tristes (1988), "na tonalidade da nostalxia que preside a súa poesía".

A traxectoria poética de Fonte desprégase en 14 libros. D' As cidades da nada (1983) a este Reversos, antes aparecera en nómina do Colectivo Cravo Fondo. "A min gústame falar da xeración do 75", sinala Vicente Araguas, fundador de Voces Ceibes e poeta, "aquela que esperta no final do franquismo e na que figuran Manuel Rivas, Claudio Rodríguez Fer ou o propio Ramiro". Araguas detecta nese monllo de escritores "o toque cotián e humano, alén do culturalismo, a idea da poesía como comunicación" e sitúa nesas coordenadas o inicio do "camiño singular" de Fonte dentro do venecianismo dos 80. "No territorio dominado polos novos ricos, Ramiro conecta coa Nueva Sentimentalidad española [a célebre poesía da experiencia de Luis García Montero ou Felipe Benítez Reyes]", asegura, "e mantén unha liña aparte, non excesivamente orixinal, sen grandes caídas pero tampouco explosións metafóricas, para ben e para regular".

Preguntado por unha autopoética, destinada á Antoloxía consultada (2003) do profesor Arturo Casas, o autor de Vidas de infancia referíase ao seu particular santoral poético: Antonio Machado, Charles Baudelaire, Fernando Pessoa, Pablo Neruda, Rosalía de Castro, Luis Cernuda, Winston Hugh Auden ou Curros Enríquez. No poema Pere Rovira, de Reversos, recunca na súa xínea: "Naceu fonte ó mar romano. / Coma min, é machadiano". "Ramiro Fonte cumpriu a viaxe en solitario e debeu localizar compañeiros de traxecto noutros espazos e tempos literarios", argúe Casas, quen advirte na poesía da experiencia española e catalá o diálogo procurado por Fonte. A busca dunha liña de continuidade coa "tradición efectiva" da poesía galega -"a que vén de Rosalía e de Curros, non de Pondal nin de Manuel Antonio, polo menos en principio"- e a construción dunha "poética histórica para armar a escala, como alternativa na que sentirse recoñecido", foron parte do "seu obxectivo persoal, paradóxico e titánico a un tempo".

É na altura de Adeus Norte, o libro que en 1991 lle vale o Premio Esquío, que a poesía de Fonte realiza unha viraxe contundente. Se para Arturo Casas esa aposta pola rima e a estrofa de raíz case popular foi "un serio erro de cálculo" e prefire, "a día de hoxe", ao escritor de Pensar na tempestade (1986) ou Pasa un segredo (1988), Álvarez Cáccamo admite "non coñecer en profundidade a última etapa de Ramiro". "Trátase dun poeta homoxéneo, polo menos até Adeus Norte, que me interesa por igual", apunta. Para Vicente Araguas, que partilla certos ambientes co Fonte das estampas estivais e de vila costeira, importa A rocha dos escritos (2001), "esa poesía que ía gañando en quentura, que mesturaba o cotián co máis elevado".

"É unha cuestión de gusto persoal, pero o libro que eu prefiro é Luz do mediodía (1995)". Fala o poeta e novelista Mario Regueira (Ferrol, 1978), para quen as razóns xeosentimentais inflúen na lectura do poeta. "Na Xeración dos 80, que non é tan homoxénea como se adoita vender, Fonte desenvolveu unha das liñas máis recoñecíbeis", afirma. Contra a opinión dun Álvarez Cáccamo -"non vexo a Ramiro en ningún poeta posterior"-, Mario Regueira observa "lecturas compartidas" en María Lado ou Eduardo Estévez, "a poesía da experiencia e a loita contra a solemnidade". O propio Eduardo Estévez, aínda que non incondicional da poesía de Fonte, titulou cun verso do eumés, Ya tan deshabitado, un dos seus libros en castelán.

Tampouco Arturo Casas observa a pegada poética de Ramiro Fonte "e o certo é que determinadas derivas actuais a unha expresión poética de sentimentalidades e moralidades novas podían ter actuado como punto de encontro". Mais Vicente Araguas cadra o círculo ao sinalar o libro Corazón de segundas partes (Premio Esquío en 1996), da autoría de Ignacio Chao, un dos últimos editores de Ramiro Fonte -Xardín do pasatempo-: "Esa procura do cotián no poema, mais tirando cara arriba, encaixa coa obra de Ramiro, un gran poeta ma non troppo". Chao asume a súa débeda e engade o nome de Martín Veiga (Noia, 1970) entre os amadores do poeta de Capitán Inverno (1999). "Os poetas dos 90 [dos que Ignacio Chao é coetáneo] quixeron matar ao pai, e enfrontáronse directamente coa promoción anterior; iso pode explicar a ausencia de autores influídos por el".

O derradeiro poema de 'Reversos'

Alfa

Antes das cores do mundo

E das sombras do rueiro,

Do regato cantareiro,

Antes do suco profundo;

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_