Selecciona Edición
Entra en EL PAÍS
Conéctate ¿No estás registrado? Crea tu cuenta Suscríbete
Selecciona Edición
Tamaño letra
GROUCHOS | Luces

Alguén ten de ocuparse da verdade

Unha das carencias que ten o xornalismo galego é a da "normalización" da polémica

Unha vez dixéronlle a un político coruñés da época da ditadura: "A besta que todos levamos dentro, vostede lévaa por fóra". E foi el e dixo: "Xa estamos coas indirectas!".

Adianto, sen indirectas, a tese que vou defender hoxe: vivimos unha boa época no xornalismo de opinión en Galicia. Por ser máis precisos, coido que o fenómeno máis interesante dos últimos anos no eido da comunicación é este florecemento do xornalismo literario. Dende logo, na rede, cos blogs ou bitácoras. Algúns deles estanse a converter en embarcadoiros de referencia. E velaí o caso sobresaínte de As uvas na solaina. Mais é un vizoso agromar que se manifesta tamén no máis tradicional espazo da xeografía da comunicación, o da prensa escrita.

Está por escribir unha boa historia crítica do xornalismo galego. E tamén unha escolma "ecolóxica" de pezas xerminais nese xornalismo dende os seus comezos. Digo ecolóxica para diferenciar o grao do lixo, aínda que hai unha definición moi sarcástica de Adlai Stevenson: "O director de xornal é o que separa o grao da palla e manda publicar a palla".

Tamén a historia do xornalismo galego poderíase contar como unha historia do Grao e da Palla. Hai tempos de esplendor da biodiversidade, a Minerva a crear paisaxes mentais co papel prensa, e hai tempos de bioperversidade, de dogma, censura e de seca. Estudar o biorritmo da prensa é ben interesante. Se cadra é o mellor escáner que se pode facer da vida dun país. Estudar todos os tempos. Os bos por bos e os ruíns, polas pegadas que deixan. Entre a palla, sempre atopamos graos. Xa o dicía o maior detective da historia da humanidade, Sigmund Freud, en Moisés e o Monoteísmo: "Censurar un texto non é difícil, o difícil é borrar as súas pegadas".

Gústame moito unha achega de Gabriel García Márquez para intentar definir o que está na orixe do oficio de informar: "Alguén ten de ocuparse da verdade". Unha indirecta? Non. É un xeito suxestivo, intelixente, de amosar a raíz do xornalismo, habendo como hai tanta palla. O xornalismo, na realidade, é moitas cousas. Ten de ver co negocio, co poder, co espectáculo... Mais o que define, á fin, o xornalismo é o "outro", ese pulo intencional de "ocuparse da verdade". Por iso, o máis contrario da verdade, no xornalismo, non é exactamente a terxiversación ou a propaganda. O máis contrario da verdade é o silencio. O borrar da existencia. Unha das prácticas máis infames dos totalitarismos era o facer desaparecer das fotografías de grupo as persoas disidentes.

Hai sempre unha correspondencia entre o florecemento xornalístico, as reservas de esperanza e o espertar da liberdade nunha sociedade. No arrinque auténtico do xornalismo galego está a rebeldía contra o Antigo Réxime. Como diría Walter Benjamin, "cómpre arrincar a tradición do conformismo". E a nosa mellor tradición, como ben pregoou o gran xornalista Antón Villar Ponte, non é a tradición tradicionalista senón a tradición liberal. Nesa orixe, nese primeiro florecer, a comezos do século XIX, hai unha figura que encarna ese espírito fundacional. A de Manuel Pardo de Andrade, o editor do Ciudadano por la Constitución e celebrado autor en idioma galego, e en 1813!, d' Os rogos d'un gallego establecido en Londres, dedicados os seus paisanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias, e o demais que verá o curioso lector.

Outro grande florecer da prensa galega do XIX é o que converxe co período do Rexurdimento literario e que acumulou esperanzas co republicanismo federal. E así será tamén no primeiro terzo do século XX, e até o 1936. Con altibaixos, a Minerva foi unha das ferramentas que mellor funcionou en Galicia. Os grandes xornais, por suposto, mais tamén toda a pléiade expresiva de organizacións obreiras e agrarias, as publicacións culturais os xornais de vilas e bisbarras (en Vilalba, por exemplo, editouse entre 1932 e 1936 o extraordinario Faro Villabés). O xornalismo literario, activado por faíscas de esperanza, viviu con plenitude aquela eco-grafía da liberdade.

O da transición política do franquismo á democracia foi outro período excitante para o xornalismo galego. Sei que está a ser estudado en varias teses universitarias. Quen esculque non debería esquecer nin os medios clandestinos nin os que mantiveron candeas acesas no exilio e na emigración. Podemos hoxe, dous séculos despois d'Os rogos d'un gallego establecido en Londres, aquel punzante xornalismo expresado como romance de cego, ser tan optimistas como falar dun novo florecer? Trátase dunha miraxe, dun exceso de optimista ebriedade? Coido que non. Disque o papel terma do que lle boten, sexa un mal artigo, un obituario ou unha ducia de xoubas. Pola contra, coido que é este "novo xornalismo literario" que anda ás ceibas, desprexuízado, irónico e creativo, é un dos alicerces que mellor terma do papel (e da pantalla). E diferenciase dunha parte do que se fai en Madrid en que non ten esa pulsión primeira de escornar.

Non están os tempos para onanismos en ningún eido. Aquilo que expresa de xeito dabondo expresionista Harvey Keitel en Pulp Fiction, o filme de Tarantino: "Well, let's not start sucking each other's dicks quite yet". E que podemos traducir con enxebre e sintético pudor: "Non chufes tanto, carrizo!". Ou máis canonicamente: "Xa estamos a dar as laudes antes de tempo!". Así que eu non vou afirmar agora o de que vivimos unha Idade de Ouro. Mellor non lle pór metal á idade que vivimos. Cómpre lembrar sempre o xenial epigrama de Marcial ("nacido de celtas e iberos") ao rico Carino:

E non che faltan auténticos vasos de Gracio

nin pratos que se recobren con ouro de Galicia

nin baixorrelevos das mesas paternas.

Sen embargo, entre toda esta prata pregúntome

por qué non tes, Carino, ningunha de lei.

Hai moita prata de lei no xornalismo literario en Galicia. Para ler todos os xornais e ir facendo o xogo da oca. De Bieito Iglesias a Ponte, de Ponte a Murado, de Murado a Pereiro, de Pereiro a Alvarellos...

De facer unha crítica tería que volver ao comezo. Ao mundo das indirectas. Unha das carencias que ten o xornalismo galego é a da "normalización" da polémica. Cómpre superar a etapa "infantil", ese mal estilo que sinala criticamente a alguén, ou a varios, mais sen a educación e a coraxe de nomear. Lémbrame o corrido mexicano: "Primero disparen, luego verigüen". Está demasiado ancorado nun equívoco. Unha cousa é o respecto ás persoas e outra ás opinións que emiten. Ocorre que se criticas o que alguén opina, e nomeas o autor (por respecto a el e ao lector), hai quen o toma como unha terríbel ofensa persoal. E logo os vigairos: "Que lle fixeches a fulano?". Como se lle deses coa Minerva nos parafusos da cabeza.

Non, non me gusta nadiña ese estilo furtivo. O outro día, o meu referente Franco Grande facía unhas declaracións dicindo que na Academia Galega, institución á que el pertence, había un "atrasado mental". Home, eu coido que estas cousas ou non se din ou, de ter os tomates liberais de dicilo, pois cómpre concretar. Talvez é unha simple antipatía, talvez hai alguén con problemas de mobiliario no último andar. Ese é o problema que ten o furtivismo xeralizado. Que estende a sospeita e impide a polémica. Aínda eu, que non son da Academia, sentinme aludido!

E é que a un non se lle vai da cabeza aquel Beaumarchais que tanto citou Larra: "Apresúrome a rir de todo polo medo a que me obriguen a chorar".

* Este artículo apareció en la edición impresa del Viernes, 4 de julio de 2008