_
_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O enterro que fixo tremer Galicia

Manuel Rivas

-Algunha aventura na súa vida?

-Non sei, neste intre non lembro que me sucedese nunca nada.

Así remata unha entrevista a Valle-Inclán, con data de 3 de setembro de 1926, e publicada en La Novela de Hoy, de Madrid. O entrevistador, Mariano Tomar, engade a xeito de loureiro e colofón, onde o asemella con Miguel de Cervantes: "E co seu sorriso bondadoso, encadrado no marco gris das súas barbas fluviais, despídenos o glorioso mestre, que como aquel outro ten de menos un brazo, e como aquel outro é novelador, humorista, estilista, dramaturgo e poeta".

"Nunca nada". A resposta, certamente, denota o gran sentido de humor, a fondura irónica, de Valle-Inclán. A impresión que temos, seguindo a súa biografía, é que nos camiños da vida a don Ramón non deixaron de pasarlle cousas. El admiraba a Tolstoi e non é difícil atopar moitas coincidencias co autor de Guerra e paz no seu xeito de afrontar a arte e a existencia. No estilo de vida e no estilo ante a vida. Talvez houbo unha inspiración tolstoiana na súa aventura agrícola na quinta La Merced de Caramiñal, que resultou ruinosa no económico, mais fecunda en prole. A familia pasou moitas necesidades. Un dos fillos, Carlos, contounos como o pai un día os levou onda un manancial de auga cristalina e dixo: "Comede, fillos, comede!".

Foi unha representación da guerra inminente.Os fascistas levaron un can para enterrar en Boisaca

A Valle-Inclán non só lle aconteceron cousas moi especiais dende o berce até o cadaleito. El mesmo foi un continuo acontecer. Hai persoas así. Son magos, e xa está. Fagan o que fagan, poñen a vida en vilo. O que se dicía de Dioniso, alias Baco, o emblema da loucura, o teatro e os misterios, que facía florecer os eidos ao seu paso e brotar auga, viño e mel das pedras. Así era o señor do Salnés, civilizador e perturbador a un tempo. Por que ao ler a Valle-Inclán temos a sensación de estar a ler dentro da obra, metidos na redoma da historia? A súa escrita é dunha potencia xenésica. É unha linguaxe que aínda está en movemento. A brotar da natureza e da carne. Se cadra por iso o Harold Bloom non o meteu no Canon da literatura occidental. El dixo que non o entendía, pero a realidade é que non lle entraba na cabeza.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

O fráxil corpo de Valle-Inclán, o merlo branco, manifestouse como unha enerxía convocadora, simbólica, mesmo á hora da morte. Foi a derradeira obra. Non por que el quixera. El o que quería, cando a doenza roía sen remisión, e segundo as testemuñas, era irse dunha vez. Mais Valle morría e a enerxía simbólica, non. Cando escribiu as Comedias bárbaras contoulle a Rivas Cherif que unha das intencións era a de tratar de xeito anovador o asunto de Don Juan. E a morte, a relación cos defuntos, era unha cuestión fundamental nese mito que para el, na súa irreverencia, tiña unha clara fasquía galaica: "A relixiosidade galega é o misterio e o poder das ánimas sobre dos vivos". Non podemos afastar do maxín ese pensamento, cando lemos o relato da súa morte e enterramento nun libro que vén de saír do prelo: La muerte de Valle-Inclán. El último esperpento (Editorial Ézaro), e do que son autores Carlos G. Reigosa, Javier del Valle-Inclán e José Monleón.

Don Ramón María del Valle-Inclán faleceu en Compostela ás dúas e media da tarde do domingo, 5 de xaneiro de 1936. Chegara a Galicia o 7 de marzo de 1935 para ingresar no sanatorio do doutor Villar Iglesias, quen xa o tratara en 1924. Mais desta vez a doenza era moi grave, diagnosticada como un cancro de vexiga urinaria. Ao seu carón, na hora da morte, e tal como relata Reigosa, "estaban persoas ben queridas, entre elas o seu fillo Carlos, despois marqués de Bradomín; o doutor Villar Iglesias, médico amigo e excelente urólogo; Andrés Díaz de Rábago, compañeiro de sempre, compañeiro da alma; o mozo Domingo García-Sabell, quen sempre faría gala da amizade do escritor, e, cómo non?, o mozo, inefábel e dilixente Fernando Barros Pumariño, o seu 'secretario particular' e o firme bastión das derradeiras vontades do escritor".

As "derradeiras vontades". Ese é un dos eixes de suspense desta obra que aporta lampos de luz sobre o enterro máis polémico da historia de Galicia e que tivo lugar o 6 de xaneiro, día de Reis. É imposíbel non ver o que aconteceu á marxe da propia ollada do autor dos esperpentos. Tense falado desa ollada como "deformadora", mais agora vemos como esa cualificación é improcedente. Valle-Inclán, ao seu xeito, era moi realista. Mais non lle interesaba o lado confortado da realidade, senón aquela onde podrece e xermola a vida. Por iso é adrede efectista, xenésico, bíblico.

"Nunca nada". El mesmo podería dicir, con humor irreverente, que non fabricou o seu enterro. A realidade non sería quen de expresar o que realmente pasou. Sería a ficción a que mostraría a realidade encarnizada, sen envoltorios. Un dos esforzos de Valle foi condensar a historia en segundos de luz. E iso foi o que pasou durante ese tránsito da vida á morte en Compostela. Entre outras cousas, representouse a guerra que estouparía meses despois. Entre as secuencias, os intentos clericais para que o agónico Valle-Inclán cumprira o sacramento da confesión. A personalidade tan interesante do sentinela laico Fernando Barros Pumariño, que logo salvaría a vida fuxindo a zona republicana. A escenografía do trebón incesante que caeu sobre Compostela e enchoupou até a alma das pedras. A provocación dos fascistas que desfilaron co cadáver dun can para enterralo no mesmo Boisaca. A comitiva baixo paraugas, con maioría obreira e agrarista, que acompañou ao "príncipe das letras" como un santo revolucionario de seu... Chovía e era case de noite cando chegaron ao camposanto. A escena do mozo que arrinca o crucifixo. A tampa que escacha. Entre as táboas, no foxo, como un lampo á luz do candil, o rostro do defunto.

É Carlos Reigosa quen escribe a crónica propiamente do enterro, debullando as distintas versións existentes. É moi recomendábel o capítulo de memoria-histórica de José Monleón que describe o dificultoso proceso de recuperación do teatro de Valle durante a ditadura. E é imprescindíbel para afondar na biografía do escritor, e entendela como un relato, o percorrido que fai Javier del Valle-Inclán dos meses pasados en Galicia polo seu avó, dende que chegou para tratarse da doenza. O pasado ano, en Cadernos de Compostela, editados polo concello, Javier xa publicara en galego A derradeira estadía en Galiza.

Chama a atención hoxe a actividade de don Ramón neses derradeiros meses. Visita as cidades galegas e lugares de forza paisaxística e simboloxía cultural como se estivese a seguir un ritual de recoñecemento e despedida. Chama a atención tamén a calma zen con que isto se produce. A enerxía de Valle-Inclán xera agora harmonía na súa terra. Vémolo en compaña e amizade con persoas coas que polemizou duramente, como foi o caso de Otero Pedrayo. E é que Valle-Inclán sabía moito de Galicia. En todos os sentidos. De cultura e de agricultura. De literatura e de cabalos. Son sorprendentes as derradeiras entrevistas para El Pueblo Gallego , cando fala da autonomía e demanda un "Estatuto Atlántico". Aínda que para algúns resulte estraño, non é de estrañar, non, que naquel día do enterro o único pasquín impreso que circulou en Santiago co lamento pola perda do autor de Divinas palabras estivese escrito en lingua galega. De man en man, baixo un trebón incesante.

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_