"O galego segue suxeito a prexuizos do franquismo"
A tese de doutoramento da filóloga María Pilar Freitas (Campo Lameiro, 1960), A represión lingüística en Galiza no século XX, analiza pormenorizadamente a lexislación, o papel das institucións públicas e privadas, o labor dos galeguistas e as mostras literarias do século pasado co obxectivo de demostrar a prohibición e o desprestixio que someteu á lingua dos galegos. O libro vén de saír do prelo e a súa publicación por parte da editorial Xerais coincide coas manifestacións dalgúns sectores denunciando a suposta presión que o galego está a exercer sobre do castelán na escola e na Administración.
Pregunta. Por que decide afrontar un obxecto de estudo de tal envergadura como é a análise dos fenómenos externos que condicionaron o uso do galego no século XX?
"A primeira resistencia ao galego na escola é a dos docentes"
"Trátase de conservar todas as linguas, que forman parte dun hábitat"
Resposta. O meu director de tese, o profesor da Universidade de Vigo Anxo Lourenzo, propúxome o tema e aceptei por dous motivos moi concretos. En primeiro lugar, porque a sociolingúística é un ámbito de investigación que me estimula; paréceme algo fundamental afondar nas relacións entre lingua e sociedade. E tamén por unha cuestión persoal, xa que eu nacín no medio rural e vivín ese proceso. Nós sentiamos vergoña por falar galego. Lembro sentir ese desprezo mesmo expresándome en castelán, cando estaba interna nun colexio de monxas. Debía ser polo acento, a denominación que nos aplicaban era a de gallegona.
P. Que pautas seguíu para acoutar a súa investigación?
R. Os meus puntos de partida foron os estudos xa clásicos de Xesús Alonso Montero e Pilar García Negro, entre outros. A bibliografía de autores galegos está na base, ao igual que os investigadores internacionais. Tamén pretendiamos facer unha nova cronoloxía da lingua e unha cousa vaite levando a outra. No tocante á lingua, a promulgación da Lei de Normalización Lingüística en 1983 marca un punto de inflexión e aí puiden deter a análise. Ao respeito da literatura, cheguei ata fins do século porque non hai unha data que faga de chave. Acumulei máis dun cento de citas de libros de creación!
P. E así completou este volume de case 900 páxinas!
R. O apartado dedicado á literatura supón, aproximadamente, un tercio do libro. A literatura é un espello desa persecución sofrida pola lingua a través dos seus falantes e do complexo de inferioridade que prendeu neles. Ademais, a literatura é unha arma de denuncia e reivindicación nas mans dos escritores.
P. As leis represoras dátanse xa no comezo do século. Cal foi o papel do franquismo?
R. A ditadura encargouse de que non houbese fisuras, eliminou calquer mínima fenda na administración e na escola, co cal o galego queda relegado ao ámbito da oralidade, o que favorece a súa deturpación, e á esfera do íntimo. Tampouco axudou nada a Igrexa, ao escoller o castelán como lingua de culto cando o Concilio Vaticano II abríu a porta o outros idiomas que non fosen o latín. Desmanteláronse as institucións, os galeguistas foron perseguidos e asasinados, os escritores galegos máis senlleiros sofriron campañas de desprestixio e o galego quedou ausente dos medios de comunicación. Isto deriva en que os cidadáns asocian a lingua oficial, o castelán, con criterios de utilidade e valor, mentres o galego se asocia con inutilidade e carencia de valor.
P. A publicación do seu libro coincide coa auxe dun movemento que pretende dar marcha atrás a décadas de traballo a prol da normalización lingüística, esixindo mesmo a revogación do decreto do ensino.
R. Son colectivos minoritarios, pero que fan moito dano e nos meten nunha sorte de involución despois de anos de intenso labor no que se favoreceron actitudes, como demostran traballos de macroinvestigación. Cando se afonda na cuestión, aparecen os problemas. O decreto do ensino non se cumpre nin de lonxe e a Lei de Normalización Lingüística, que é máis un catálogo de dereitos que unha norma prescritiva, leva moitos anos sen desenvolverse completamente. Mesmo non estaría mal que houbese discriminación positiva para o galego. Levo 25 anos dando clase e por primeira vez este ano veu un pai dun alumno a insultarme porque o seu fillo suspendera unha avaliación. Se cadra, o que ocorre é que hai algúns que pensan que as leis poden empezar a cumprirse.
P. Como ensinante, cre que o galego está suplantando ao castelán?
R. Hogano un neno escolarizado en galego non ten ningún problema para aprender castelán, mais os revés si, porque o castelán segue a ter maior presencia có galego. Para estudar galego existen as mesmas dificultades que para estudar unha lingua estranxeira.
R. É posible, actualmente, a escolarización monolingüe en galego?
P. Mais ben ao contrario. Hai que dicir que a primeira resistencia parte dos propios docentes. Algúns por comodidade e por non cambiar o costume non adoptan o galego como a lingua para as súas aulas. Non entendo ese temor e esa necesidade de protexer un idioma que falan 400 millóns de persoas en todo o mundo, como é o castelán, unha das grandes linguas, en termos cuantitativos, do mundo.
P. Aí é onde vostede aplica o concepto de ecoloxismo lingüístico.
R. Trátase de conservar todas as linguas. O que falamos forma parte do noso hábitat, é unha creación social e humana que reflicte a nosa cultura. Se temos un feixe de palabras para definir a chuvia é porque o noso clima é chuvioso. É o noso meirande trazo de identidade, por iso cómpre mantelo con vida.
P. Cáles son as causas desa oposición? Seguen agromando os prexuízos e o autoodio?
R. Seguimos sofrindo o herdo dunha ditadura de décadas e, amais, coido que se trata de voces pouco formadas. Falar de bilingüismo a estas alturas é non ter nin idea sobre o asunto, porque non existe. Só precisamos unha lingua para comunicármonos e se coñecemos máis, especificamos usos. Hai unha cita de Ben-Cho-Shey moi reveladora na que chama a moitos galegos "analfabetos gabanciosos": "Pois é algo inaudito que haxa xente que presuma de descoñecer o idioma do seu país".