Tras as verbas do mar
Publican un libro con 2.000 termos recollidos da carpintería de ribeira
Vila a vila, rescatando as verbas case esquecidas da carpintería de ribeira, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos compilou nun dicionario 2.000 termos da construción naval en Galicia. Un percorrido de case tres anos no que se botou man do pasado "para recuperar ese acervo lingüístico" máis tradicional que está a piques de perderse polo asoballamento das novas tecnoloxías e sen olvidar o vocabulario que na actualidade emprega este colectivo, habituado a manexarse entre o castelán e o inglés.
Precisamente para "acompasarnos ós novos tempos" e sen deixar á marxe ó galego, un dos obxectivos é incorporar esas verbas foráneas ó léxico autóctono, "quizais achegándose un pouco ó portugués, haberá que estudialo", siñala o decano do colexio, Guillermo Gefaell. De feito, boa parte da terminoloxía que recolle este Dicionario Galego de Construción Naval, que incorpora a correspondente tradución ó castelán, ó inglés e ó portugués, coincide coa súa acepción na lingua lusa.
Os máis vellos aínda lembran que a pleamar era abalo e a baixamar devalo
"Na enxeñería naval ata hai pouco case ninguén falaba en galego", di Gefaell
Entre tódolos termos recollidos neste volume, Gefaell recoñece que lle chamou a atención cesárea, "utilizada especificamente en Ferrol e que se refire a cando se fai una fenda no costado do barco para que os obreiros entren directamente o interior". Tamén nesta cidade xorden palabras como traballadeiro, para falar dunha zona que se establece de forma temporal para traballar. Na Costa da Morte e tamén en Arousa, atópanse curiosidades como helis, en relación a hélice.
Máis líricas semellan expresións como "sopas de dorna", "rabo de gato", "caridade", "buque durminte", "draga de rosario" ou "de alcatruces" ou o nada sinxelo "amantillo de verga de xoanete" que, por certo, tamén o hai de perico, e que vén a ser o cabo específico dunha vela porque o que protexía á tripulación na cuberta era un gardamancebo. Como tamén ir "ó xeito" referíase a arte para pescar sardiña.
A lingua dos vellos
Neste dicionario agóchase a diversidade e riqueza da linguaxe mariñeira que apenas conservan os máis vellos de cada vila. Os que xa teñen moitos anos poden lembrar que chamaban á pleamar o abalo e á baixamar o devalo, nunha época na que os carpinteiros non arranxaban as dornas e xangadas senón que as arrombaban. Os ganchos para pescar chamábaselles bicas e os temóns ou lemes (peza que permite gobernar o buque) tiñan pa e safrán (a superficie plana). O mar podía ser arborado, montañoso, rizado ou groso; ás ondas xigantes dicíanlles vagas e cando había brisa falábase de maraxe. Outra cousa era que fora fresco, fresquiño ou frescachón, éste último xa cando acadaba forza 7.
Un equipo de sete persoas, entre filólogos, xornalistas e enxeñeiros fixeron unha viaxe polos portos de Galicia, onde cada- quén ten o seu nome para a mesma peza. "Chámaselle de maneira diferente segundo as vilas. As picas de proa na ría de Arousa son os apóstoles noutros sitios. Loxicamente tense perdido moito", lamenta.
Dese xeito foron quen de descubrir a existencia dun patrimonio inmaterial que só fica ó abeiro da memoria dos máis vellos. No caso da Costa da Morte, resultou de especial interese, segundo sinala Guillermo Gefaell. Una experiencia "modesta" no aspecto económico, segundo di, xa que contou cun orzamento de non máis de 17.000 euros. "Tampouco queriamos facer unha cousa demasiado ambiciosa porque este é un dicionario de construción naval. Se fose de termos marítimos
[como aínda pretenden facer máis adiante] podería moverse arredor dos 8.000 termos".
O decano do Colexio de Enxeñeiros Navais apunta dous problemas á hora de manter vivo o galego no eido da construción naval. Por un lado, os pendellos da carpintería de ribeira, da que Gefaell é un namorado, están a piques de desaparecer. "A principios do século pasado había duascentas carpinterías, agora só quedan en activo a penas unha ducia". Por outra banda, "na enxeñería naval, ata hai pouco tempo, practicamente ningúen falaba galego", entroutras cousas porque os proxectos tiñan que pasar por Madrid e os libros oficiais viñan sempre en castelán.
"Aquí en Galicia temos un coñecemento de carpintería de ribeira magnífico e hoxe en día a construción naval en madeira está sendo moi desexada polos millonarios con grandes iates. Esa xente quere aqueles barcos marabillosos en madeira, réplicas de naves antigas", afirma Gefaell. "E isto podemos facelo en Galicia perfectamente". O decano engade: "Este é un mercado no que aínda non estamos. Deberiamos facer un gran esforzo para que esa sabedoría da carpintería de ribeira non se perda e que sexamos capaces de abrirnos a eses mercados, porque se trata dun negocio moi interesante cara o futuro".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.