GROUCHOS | LucesColumna
i

Quen tira a primeira pedra?

Foi, con exactitude, o ano de George Orwell: 1984. Nesa obra, o gran heterodoxo inglés situara o seu pesadelo futurista. O que eu quixera hoxe narrar ocorreu con certeza o luns, día 8 de outubro de 1984. E ocorreu no lugar da Cubela, no barrio da Gaiteira, e na cidade da Coruña. O lugar dos feitos é hoxe moi doado de atopar, pois alí está instalado un grande centro comercial. E que foi o que pasou naquela intempestiva madrugada do 8 de outubro? Alí había un poboado xitano. Erguérase nos anos sesenta. Vivían arredor do medio cento de familias. Os nenos que corricaban nas vésperas do 8 de outubro naceran nese lugar. Mesmo é moi posíbel que alí nacese a parella que casou polo rito xitano esa fin de semana. Foi a derradeira voda. A música, a danza, o lume. Todo aceso sábado e domingo. Mentres se cantaba a Camarón aínda había esperanza.

O agoiro cumpriuse. Penamoa foi peor que unha reserva. Foi un gueto. Un inferno

A madrugada dese luns orwelliano, a maquinaria pesada, con forte escolta de antidisturbios, comezou a derrubar os fogares xitanos da Cubela. Eran chabolas, esa arquitectura popular nacida da necesidade, que se foran mellorando e ampliando nun deseño de urbanismo instintivo para protexerse da viruxe e ao tempo ir debuxando o espazo humano do privado e o comunal. A terra era propiedade do concello. A corporación, presidida daquela por Francisco Vázquez, apurou un proceso de permuta para que alí se construíran uns grandes almacéns. Supoño que as altas cifras cadraron ben, mais houbo un detalle que se esqueceu nas contas: os seres humanos.

Os anos caeron en poucas horas. Foi unha das veces en que vin tamén caer as trabes do ceo. Podo contalo porque o estou vendo. Coñecía ben ese lugar. Pola beira do poboado pasabamos de estudantes para ir ao instituto de Monelos, do que, por certo, tiñamos a honra de proclamar que era o primeiro mixto de Galicia. De colexios relixiosos, e non é conto, viñan en excursión para ver como saiamos das aulas do ganchete mozas e mozos. Logo fomos vivir moi perto de alí, na mesma Gaiteira, e a diario atravesabamos polo camiño do poboado. Nunca tivemos ningún problema. Un día vimos vir correndo un grupo de rapaces. Eu levaba unha cámara de fotos e tiven o instinto de abrazala. Os nenos pararon onda nós. Sen dicir nada, de repente, un deles, alto e delgado como un xunco, cabelo longo de acibeche, colleu algo de carreira, pegou un chouto, deu unha viravolta no ar e caeu de pé no sitio. Logo dixo: "¿Por qué no me haces una foto?".

O día de Orwell, o 8 de xuño de 1984, estaba alí porque tiña que estar. Traballaba de correspondente deste xornal na Coruña. Houbo intentos de resistencia, axiña acalados. Poucos. É certo que canto máis pobre menos se protesta. Mesmo para protestar hai que ter algo no bandullo. E o día de Orwell nin tempo deu a un café de pota. Renxen as táboas como ósos. Escachan os esqueletos das chabolas. Hai un vello, un patriarca, que ten unha nota feita a man, con esforzada caligrafía. Lembro aquel papel engurrado, en mans coa textura da cortiza da sobreira. Un dos manifestos máis auténticos que me atopei na vida. Alí está o vello Manuel, o patriarca, tentando ler coa voz rouca polo cancro: "Estabamos en Guatemala y nos llevan para Guatepeor". A verdade nunca renuncia ao estilo, mais tiña tanto estilo e tanta fe o patriarca que no seu manifesto daba grazas a Deus porque non morrera ninguén no desaloxo: "Dios es bueno y siempre ha estado con los gitanos".

Non sei por onde andaba Deus aquel día. E tampouco debe andar moi aleuto esta tempada do inverno tardío de 2008. Un mozo xitano e coruñés, chamado Antonio, si que estaba daquela aleuto. Tíñano guichado os gardas, mais antes de fuxir entre as ruínas, tivo a lucidez de berrar a profecía: "¿Saben a dónde nos llevan? ¡Nos llevan a una reserva como a los indios!".

E era a encarnizada verdade. Aqueles homes e mulleres, vellos e nenos, coruñeses todos, veciños da Coruña, cidadáns da cidade onde agromou a Ilustración galega, con Cornide e Lucas Labrada, a cidade de estirpe liberal, de Porlier e Sinforiano López, a cidade solidaria, a que os libertarios chamaban a Barcelona do Atlántico, a cidade que tiña como símbolo o libro da primeira Constitución enriba do faro (un libro subtraído do escudo e que aínda non volveu), a cidade "onde ninguén é forasteiro" (nun atinado lema turístico), esa nosa e miña cidade traizoou toda esa historia en Penamoa. Viu e non viu, oíu e non oíu, sentiu e non sentiu. Ficou na peor das doenzas: a da "suspensión das conciencias".

O agoiro cumpriuse. Penamoa foi peor que unha reserva. Foi un gueto. Un inferno. Antes do éxodo da Gaiteira, a maioría dos adultos gañaban a vida cos seus vellos oficios. Habíaos tamén que traballaban no Muro, no peirao pesqueiro. Non existía alí a venda de droga. O cabalo e o perico eran negocio de paios de gravata. Non vivían en boas condicións, non. Mais aquel era o intre, o do gran negocio inmobiliario, de pensar nas persoas, de que habitaran un espazo de vida digno. Preferiuse que foran invisíbeis. Quitalos de diante. Detrás de todos os vertedoiros. Alí representase diariamente o filme Los olvidados de Luis Buñuel (1950). Alí non hai dereito a elixir.

Penamoa foi ficando como unha terra de ninguén, sen perdón, fóra da lei. Fálase agora de foco de delincuencia. O milagroso é que a maioría se mantivese á marxe de tráficos penalizados. O milagroso é que os veciños do gueto non baixasen un día ao centro da cidade coas cruces ao lombo. É milagroso que sacaran adiante os seus fillos nesas condicións inhumanas. Penamoa só era noticia cando unha rata mordía unha crianza. Ou cando había unha operación policial contra a droga. E verbo da droga cómpre dicir algo que sempre se obvia. Entre os que máis sufriron e sofren os efectos da heroína ou cabalo está a mocidade xitana. O comercio ilegal de droga ten feito estragos en moitas partes. Tamén na conciencia social. Os beneficiarios principais están nas grandes redes de branqueo de diñeiro, xente á que lle fan reverencias e que ninguén expulsará de ningún barrio. Non se trata dunha exculpación. Mais cómpre afondar na realidade das cousas e non ficar co tópico, coa aparencia. A frase máis sabia da historia da humanidade é a que dixo Xesuscristo: "Que tire a primeira pedra quen estea libre de pecado".

Nunha das manifestacións celebradas en Coruña resultaba máis que triste ver uns mozos que con aceno burlón estricaban uns brazos espidos en imitación de acenos de toxicómanos. Seguramente non eran conscientes da crueldade exhibida nin das voltas que dá a vida. Unha persoa con adicción padece é unha doenza e como tal hai que tratala. E respectala. Mesmo é aí, nesas situacións límites, no trato ao outro, ao apestado, onde se demostra a calidade humana.

E que dicir dalgunhas das declaracións feitas nestas protestas contra a concesión de vivendas a xitanos? A pretensión de "expurgar", de esculcar nos apelidos, para ver se na relación de futuros beneficiarios de vivendas protexidas habíaos de etnia xitana. Tiven que ler varias veces para ver se era certo. Se era certo que algo así se pretendía facer na Coruña, no século XXI, e co silencio e a suspensión das conciencias dos que teñen unha responsabilidade política e administrativa, si, mais tamén dos que a teñen no eido xurídico. Ou no informativo. Por non falar dos que calan neses lugares que chaman templos de Deus. Non hai peor silencio, dicía Elias Canetti, que "o silencio do que sabe".

* Este artículo apareció en la edición impresa del jueves, 27 de marzo de 2008.

Se adhiere a los criterios de