_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Galicia, Andalucía e a 'síndrome de Stendhal'

Manuel Rivas

A proposta da Asociación Diversidade e Convivencia, o presidente do goberno de Andalucía vén de anunciar que nas escolas oficiais de idiomas da comunidade vaise poder estudar o galego, o catalán e o éuscaro. Proponse, asemade, a creación de cátedras das tres linguas nas universidades andaluzas. Ben pensado, isto non debería ser noticia. O estraño é que esta oferta educativa non existira antes en toda España, incluída dende logo a posibilidade de cursar éuscaro e catalán nas escolas de idiomas de Galicia. Mais o que anunciou Manuel Chaves é unha novidade, mesmo unha estraña e feliz novidade, que merece todos os parabéns. Que eu saiba, mandáronse poucos parabéns dende Galicia aos autores da iniciativa. E mira que hai entidades en Galicia especializadas en parabéns!

Os 'Seis poemas galegos' de Lorca constitúen un acto de amor impagábel

Parabéns, centolas, lacóns, capóns, medallas. Aquí mesmo se deron parabéns paranormais polo mesmísimo Consello de Goberno da Xunta que chegou a condecorar a Alfredo Urdaci, o xornalista estrela da xeira Aznar, suponse que polo seu tratamento do caso Prestige como un fenómeno OVNI.

Mesmo se lle dá o parabén aos defuntos. Por non discriminar. Aquí houbo xente que endexamais levou un parabén en vida e entón pónselle un parabén, unha esquela, un rótulo, unha estatua, algo, para que o galego non vaia de baleiro, á intemperie, polas inmensas gándaras da eternidade. A Edgar Allan Poe disque lle poñen cada aniversario no cemiterio, a carón da lápida, unha botella de coñac. Como estamos a tempo, e por pedir que non quede, ese si que sería un bo parabén, coa friaxe que debe ir da outra banda. Aínda que fora unha garrafa de licor café!

O caso é que parabéns, o que se di parabéns, eu non vin que se lle deran moitos dende Galicia aos que pularon por esta proposta en Andalucía e a quen, como Manuel Chaves, actual presidente andaluz, comprometeuse a apoiala na práctica se é reelixido. Mesmo houbo xornais que achicaron a noticia ou que a deron do revés, pola reacción alporizada de Mariano Rajoy e do candidato do Partido Popular de Andalucía, Javier Arenas. Vai ter razón Vicente Risco con iso de que o carácter galego éche ciclotímico. Unhas veces pasámonos de parabéns e outras somos da confraría da Virxe do Puño. Pódese facer política cos parabéns? Home, claro. E aínda haberá quen llos mande, os parabéns, a Rajoy por dicir que todo iso é perder o tempo. Para que vai aprender galego un andaluz por moi voluntario que se preste? Por amolar, pensará o noso Mariano, ese home de pro. Coa cantidade de idiomas que hai polo mundo adiante!

Hai galegos aos que amola aprender o galego. Hainos mesmo aos que amola a súa existencia. Hainos que dedican parte da súa preciosa vida, do seu tempo de lecer, a predicar contra a presenza real da lingua no sistema escolar. Hai xornalistas e colaboradores de xornais que levan hectáreas de papel escrito contra a "imposición" do galego ou mallando na literatura galega. Xa defendín noutro artigo que non era por autoodio, senón por desprendemento. Mais tamén hai casos nos que se cadra se produce a chamada "síndrome de Stendhal", que é aquela que sinte unha persoa "exposta a unha sobredose de beleza". Aman tanto unha cousa que os marea, que os confunde, que lles dá vertixe, e entón escornan contra ela. Claro que os afectados non o van confesar, como si fixo Henri-Marie Beyle, o admirado Stendhal. Non vai ir por aí confesando: "A min o que ten o galego é que me marea". Iso é o que pasa coas linguas que teñen moitas curvas. Tamén os que teñen como sport mallar na literatura galega, ou no cinema galego, ou no teatro galego, pois non van ir dicindo a causa verdadeira: "E que a literatura galega me dá vertixe!".

Federico García Lorca escribiu os Seis poemas galegos, que publicou Ánxel Casal. Seis poemas que constitúen un agasallo universal. Un acto de amor impagábel. Un verdadeiro parabén. Puido escribir en francés. Puido escribir en inglés, cando pasou pola universidade de Columbia. Ou en italiano. Serían, en todo caso, marabillas. Mais o que temos son seis poemas galegos! Poeta e editor serían asasinados a mesma noite, un mes despois do golpe militar fascista de xullo do 36. Casal, en Galicia. Lorca, en Andalucía. Xa estou a oír agora os Seis poemas galegos na voz de estudantes das escolas de idioma ou de universitarios. E dáme tamén a min un pouco o "síndrome de Stendhal". Mais é ledicia polo que nace. Unha celebración.

Este paso que algúns ven como rareza, é moi importante como signo para a lingua galega mais tamén o é para España. Entre os déficits da transición democrática figura o desleixo da pluralidade cultural e lingüística. Moitas veces, nas nacionalidades históricas, téntase fortalecer a lingua que se considera en perigo cunha estratexia moi á defensiva. De pecharse nas liñas. Xa vemos que iso non é efectivo nin para o fútbol. Mais tampouco é o desexábel. Por outra banda, hai sectores centralistas que levan a pluralidade lingüística en España como un lastre histórico. É algo que non lles entra na cabeza. Mais non é un problema das linguas, senón da cabeza, digo eu.

Coido que pola maioría dos nacionalistas e galeguistas partidarios ou non tense clara a necesidade da proxección cara fóra da cultura galega. Mais cando se pensa nos eidos desa proxección non sempre se valora dabondo, esa é a miña impresión, o que temos máis perto e co que estamos integrados. Andalucía é un deses espazos. Un país extraordinario onde, ademais, hai unha especial receptividade para as expresións culturais galegas. Hai moi pouco, nun encontro organizado pola Fundación Caballero Bonald, en Jérez de la Frontera, puíden comprobalo, non só polos participantes nas tribunas, senón polos centos de espectadores que demostraban a súa sensibilidade e curiosidade verbo das "outras" culturas. De todo isto quen mellor podería falarnos hoxe é Xosé Antonio Gaciño. Naceu en Cádiz, fillo de mariñeiro de Porto do Son que alí buscou a vida. Estudou xornalismo en Madrid e veu exercelo a Galicia no tempo convulso do final do franquismo. Foi o xornalista que mellor contou a resistencia e a transición. Non se pode entender o periodismo contemporáneo galego sen Gaciño. Se o sabía o gobernador franquista que o fixo deter e acusou de ser secretario xeral do Partido Comunista! Lembro que fomos en manifestación para entregar un escrito de solidariedade. Eramos unha ducia de xornalistas na noite. Non máis.

Xosé Antonio Gaciño, que escribe galego e o fala con acento gaditano, traballa agora en Andalucía. Foi moi ben recibido. Aquí endexamais fomos quen de facerlle unha homenaxe, unha despedida decente. En fin. Xa sei a quen enviarlle un verdadeiro parabén.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_