_
_
_
_
Entrevista:ÁNXELES CUÑA | Luces

"O teatro debe buscar espectadores, non consumidores"

"Hai unha certa confusión", sinala a directora de Sarabela Teatro, a propósito da enxurrada normativa que comezará coa inminente presentación do primeiro Plan Galego das Artes Escénicas. Cuña, que agarda que o peso do teatro na futura Agadic "non se reduza", fala por primeira vez desque abandonou a dirección do Centro Dramático.

Pregunta. O caso de Sarabela non é moi común. Tras 28 anos e 35 montaxes non teñen un espazo fixo, pero son unha institución cultural en Ourense.

Resposta. Sarabela é unha compañía estable que produce, crea, forma, programa, distribúe e xestiona. Tivemos que loitar tanto para recibir ensino que, ao final, convertémonos en ensinantes. Non somos unha institución, pero existen sinerxias, sentimos o apoio da veciñanza.

"A dependencia das institucións favorece a intrusión e a intromisión"
"O teatro cumpre unha función social. Está subvencionado en toda Europa"
"Se aquí houbese teatro comercial, debería estar en Industria"

P. Máis da metade da xente que traballa no sector non supera o salario mínimo. Por onde empeza a profesionalización?

R. Todas as empresas deberan cumplir un código de boas prácticas, e urxe aplicar unha política de fomento do emprego. Hai moi bos profesionais, o que esixe tamén máis profesionalización das políticas culturais. O teatro non é serializable como a musica ou o audiovisual. Cómpre que esteamos en mans de xestores culturais, non de márketing.

P. Hai dirixismo?

R. En parte si. A dependencia real das institucións favorece a intrusión e a intromisión. A vulnerabilidade económica non debera limitar o dereito á liberdade artística. O dirixismo dificulta a aparición de novas formas, ou máis arriscadas, provoca estados letárxicos e perda de vitalidade. En certa medida estáse dicindo que tipo de teatro hai que facer, e non se pode comisariar o gusto... Teatro de familia, por exemplo. E tamén se lles está dicindo aos programadores que tipo de teatro e en que tempos programar. Ás veces hai improvisación e falta de información e transparencia na organización de circuítos e programacións especiais por parte do IGAEM e da Dirección Xeral.

P. A Rede Galega de Teatros ampliouse. Amplíase tamén a política de cesión de espazos?

R. A Rede cumpre unha función moi importante na potenciación de públicos e na programación. Estamos entre as nove autonomías con máis de 50 espazos, cun mínimo de cinco funcións por compañía. Se houbese compañías coxestionando os espazos, ao xeito por exemplo de Andalucía, e os continentes fosen ademais fornos de creación, as perspectivas de consolidación serían máis esperanzadoras.

P. Que lle parece, en liñas xerais, o primeiro plan escénico galego?

R. É importantísimo que existan marcos legais para o desenvolvemento do sector teatral con obxectivos coherentes, tendo en conta as nosas necesidades e a nosa realidade... Tamén se nota que aquí non houbo Libro Branco do Teatro, como en Andalucía ou Cataluña.

P. Gustavo Pernas ou Eduardo Alonso dixeron que lles parecía un plan de animación sociocultural.

R. E non lles falta razón, sobre todo nos dous primeiros eixos

[formación e creación e integración das artes escénicas na vida comunitaria].

P. Tamén se fala de primar, á hora de subvencionar unha produción, os niveis de distribución "especialmente no exterior". Tanta ambición é tanxible?

R. Hai moito desequilibrio entre oferta e demanda. Depende do tipo de produto, do circuíto, da feira ou festival, do tipo de mercado exterior... Para nós, que adoitamos levar espectáculos de formato mediano, saír é bastante difícil. A tendencia debera ser ao intercambio, ao enriquecemento cultural interautonómico e internacional. Non creo que sexa un exceso de ambición. Estamos en condicións de exhibir os nosos espectáculos con toda dignidade.

P. Algo que paira no ambiente é a redución do peso do teatro na futura Agadic.

R. O certo é que os recursos destinados á música, maxia e á danza rexistran un incremento espectacular, mentres os dedicados ao teatro permanecen practicamente estancados. Na Rede Galega de Teatros, por exemplo, os programadores están obrigados a contratar 16 espectáculos de teatro, 14 de maxia, 14 de música e 14 de danza... Espero que non se reduza o peso do teatro, xa que a súa resistencia e a súa aportación diversificada e estratéxica -falemos por exemplo de normalización lingüística- veuse demostrando desde a predemocracia.

P. Por que aos teatreiros se lle botan en cara as subvencións?

R. Os teatreiros contribúen co IVE aos presupostos públicos con máis euros dos que a Administración adica aos convenios de produción e distribución. Cantas subvencións recibe a prensa? O teatro cumpre unha función social, cultural, artística... Está subvencionado en toda Europa. Coidado: a cultura hai que protexela porque é un ben sociocultural, non porque sexa rendible. O teatro busca espectadores, non consumidores. Se houbese teatro comercial en Galiza, que é case inexistente, tería que estar en Industria, non en Cultura.

P. Deixou a dirección do CDG tras cinco meses. Non houbo críticas pola súa parte, pero a escusa alegada non fora un obstáculo anteriormente.

R. Eu puxen unha única condición para aceptar a dirección do CDG: o dereito á reserva de praza docente, que ata a miña dimisión me foi recoñecido polo tipo de nomeamento que inicialmente me fixo a Consellería de Cultura e Deporte. Asumín o encargo e cumprino. Dimitín porque o 15 de febreiro de 2006 presentáronme para asinar un novo contrato laboral de alta dirección que implicaba a perda da miña praza docente de sempre no IES número 1 de Ourense; praza e profesión da que viña e á que retornei porque, a diferenza doutras concepcións perversas, sempre asumín que aquel nomeamento para o CDG era encargo transitorio, un servizo cultural-público fuxidío, nunca unha solución persoal ou un remedio laboral de futuro. Foi doloroso, pero ineludible. E se anteriormente foi un obstáculo ou non, prefiro non entrar.

P. Sentiuse arroupada publicamente pola xente do teatro?

R. Si, totalmente. Os foros en Internet fumegaban, e os compañeiros dixeron tamén o que pensaban.

P. Que lle interesa máis do teatro actual?

R. A pluralidade de códigos, a intertextualidade, a interespectacularidade... O teatro que dá resposta crítica aos desafíos do noso tempo. A súa teima, como dicía Artaud, é a excelencia.

P. Que novos proxectos maquina arestora?

R. Dáme veleno, Pé de sapo, ou Amor-te, cun equipo de alquimistas de primeira liña. Criaturiñas vivas que nos movan e conmovan. Isto a curto prazo. A medio, arelamos ampliar as mostras e temos un proxecto precioso que aínda non podemos desvelar.

P. Citaba antes a Artaud. Apreza aínda o seu manual de actitudes?

R. Sen Artaud o teatro de hoxe non sería o que é.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_