Os novos da arte tamén emigran
Os creadores seguen marchando na procura de experiencias ou de maior promoción
Xa é un lugar común dicir que o mellor momento da arte galega chegou na segunda metade do século XX grazas aos artistas que emigraron a América fuxindo da ditadura franquista, coma Luís Seoane ou Eugenio Granell. Na actualidade as cousas mudaron moito pero semella que os creadores galegos están condenados a procurar o éxito lonxe da súa terra xa que o número deles que están a marchar para atopar mellores oportunidades de desenvolver a súa carreira non deixa de medrar.
A febre migratoria semella afectar por igual a artistas de distintas xeracións
O papel de capital da arte galega agora é ocupado por Madrid
As razóns para estos novos movementos migratorios na arte galega son diversas. Hai artistas aos que lles gustaría vivir en Galicia pero, aínda que poida resultar paradóxico, atopan máis facilidades para alugar un estudo en Alemania que no seu lugar de nacemento. Outros saíron a estudar fóra e atoparon nas grandes cidades as axudas institucionais e as posibilidades de promoción que non existían aquí. Algúns creadores viven a medio camiño entre Galicia e outra cidade española ou estranxeira e expoñen o seu traballo habitualmente en galerías e museos galegos e de fóra.
O crítico de arte Xosé Manuel Lens sinala que moitos dos artistas que saen de Galicia viaxan inicialmente na procura de novas experiencias e acaban por quedarse nas cidades nas que se formaron porque se vencellan a algunha galería ou centro que lles axudaron a difundir o seu traballo. "Creo que dos trinta nomes imprescidibles da arte galega actual preto dun 30% vive fóra de Galicia e unha das principais causas é que moitos deles non atoparon aquí o seu lugar. Bótase en falta un maior apoio institucional e támen iniciativas para axudar aos artistas novos coma existen en Madrid e Barcelona", indica.
A febre migratoria semella afectar por igual a artistas de distintas xeracións. Dous dos creadores galegos con máis proxección internacional, Francisco Leiro e Antón Lamazares, viven en Nueva York e Berlín, respectivamente, malía que Leiro pasa algúns meses ao ano en Cambados e Lamazares fai visitas habituais a súa casa de Lalín. Aínda que viven fóra a súa presenza en Galicia é constante xa que as súas pezas están a cotío nos espazos expositivos galegos. Marcharon pero dalgunha forma sempre están aquí. O pintor lucense Antonio Murado, máis novo que os dous anteriores, atopou o seu lugar en Nova York mentres que mozos coma Vicente Blanco e Salvador Cidrás traballan en Berlín, e Jorge Rivera, Ángela de la Cruz e Alberto Barreiro o fan desde Londres.
O xove artista compostelán Vicente Blanco ten unha boa razón para traballar en Berlín. Os alugueres dos estudios son moito maís asequibles na capital alemá que en calquer cidade galega. Por apenas 300 euros conta cun espazo de 75 metros cadrados para traballar nunha das cidades con máis efervescencia cultural de Europa. "En Galicia non existe unha estrutura para que os artistas novos poidan vivir do seu traballo. En Berlín podes ver que os gobernos de países coma Dinamarca ou Bélxica promocionan alí aos seus creadores. Nós construimos primeiro os grandes centros e logo procuramos o público, cando habería que facer xustamente o contrario", explica Blanco.
Sen lugar a dúbida o papel de capital da arte galega que no seu día tivo Buenos Aires agora é ocupado por Madrid. A nómina de artistas de aquí que viven na capital do Estado é moi extensa: Antón Patiño, Menchu Lamas, Carlos Rodríguez-Méndez, Antón Cabaleiro, Félix Fernández e Antía Moure son algúns deles. Pero, ademáis desta presenza física, moitos que siguen vivindo en Galicia ou no estranxeiro amosan os seus traballos nas galerías madrileñas que os representan.
Carlos Macía leva uns cinco anos vivindo en Madrid e realizou os seus estudos en Valencia. Mantén relación coa súa terra natal a través dunha galería pero non descarta voltar un día a Galicia porque "a vida alí e moito máis sinxela". "Quizáis o ideal sexa ter un pé aquí e outro alá como fan outros artistas", di.
Esta fórmula podería aplicarse ao artista vigués Tono Carbajo, que vive en Barcelona pero que mantén unha estreita relación con Galicia. Ao longo da súa traxectoria residiu un ano en Nova York e pasou unha etapa en Galicia, pero o virus da vida na gran cidade acabou por levalo de novo á capital catalana. "Góstame Barcelona porque aquí hai unha sociedade civil moi activa e existen institucións que fan un traballo moi interesante coma Hangar que foi dirixida polo actual director do CGAC, Manuel Olveira", sinala Carbajo.
O certo é que Galicia non só exporta artistas senón tamén xestores culturais. Entre os casos máis destacados están o da coruñesa Chus Martínez, que dirixe o Kunstverein de Francfort, e a viguesa Carlota Alvárez Basso, que se encarga dos proxectos da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais. Isto abre novas posibilidades de promoción aos artistas galegos. Non hai que esquecer que o pavillón español na Bienal de Venecia contou na edición deste ano cun comisario galego, Alberto Ruiz de Samaniego, que levou á cidade italiana a obra de dous creadores galegos. Os nosos artistas teñen máis presenza internacional ca nunca. Quizáis o reto cara ao futuro é conseguir que non todos se vaian a procurar fóra o que non atopan en Galicia.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.