_
_
_
_
GROUCHOS | Luces
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

O economista que quería comer unha lingua

Manuel Rivas

Leo que un economista, disque asesor dunha asociación de empresarios da provincia de Pontevedra, propuxo nun informe "acabar" coa lingua galega por supor un atranco no progreso. A lingua é necesaria para o ben comer, mais o que el propón aos galegos é comermos a lingua. Sería un humorista infiltrado pola Mesa para a Normalización? Tal como están as cousas, ou escorneas a audiencia ou non existes. Volvo sobre a información d' A Nosa Terra e resulta que non, que non é un friqui do Youtube. A personaxe, este auténtico think tank, ten nome e rostro, que imos omitir seguindo o consello do maior dos Marx: "Lémbrome de todas as caras, mais no seu caso farei unha excepción".

Para ser Nobel de Economía hai moita competencia. Por exemplo, na Universidade de Chicago os sabios premiados obteñen unha praza de aparcadoiro gratis. En Galicia dise que as medallas Castelao están desvalorizadas polo reparto a esgalla que se fixo na época Pretérita: era doado acadar a medalla, mais moi difícil achar sitio para aparcar. Aínda hai xente que anda a dar voltas por Santiago para deixar o auto e ir pola medalla. Este asesor empresarial non vai conseguir o aparcadoiro gratis como Nobel de Economía, así que hai que darllo pola burrada que dixo. Terá de deixar nalgures a besta. O tanque do pensamento.

Ter unha lingua de seu é un patrimonio e un recurso multiplicador

O espantoso é que estas voces xurdan entre elites supostamente informadas nun tempo en que están a abanear totalmente as vellas concepcións da contabilidade económica que non tiñan en conta os recursos ecolóxicos e culturais. A opinión deste cranio privilexiado non só resulta sinistra pola pretensión de comer unha lingua á grella, senón que é un exemplo de anacronismo e ignorancia no seu propio mester. E aínda o pagan!

Ter unha lingua de seu é para calquera país un patrimonio e un recurso multiplicador na sociedade do coñecemento. Un recurso que ten a vantaxe de non esgotarse. A súa explotación, o seu uso, non afecta o medio ambiente. Pola contra, produce osíxeno e xera biodiversidade. As linguas danse mellor xuntas, crían vizosas unha canda outra como ocorre nos mellores sistemas hortícolas. Hai unha árbore marabillosa en América Latina, moi abondosa nas rúas de Bos Aires, que é a tipuana tipu ou tipa branca que ten a intelixencia do auto-rego. Orballa dende o cimo sobre si. E a maior seca, máis rego. Cando vai sol, un pasa por debaixo da tipa e saes mollado da garúa vexetal e con abruños nas orellas. E así son as linguas afeitas ao auto-rego. A lingua galega é de estirpe tipuana tipu.

As linguas non supoñen un custe enerxético. Na sociedade do coñecemento, na sociedade da imaxinación, son enerxía para os individuos e as comunidades. Iso sábeo calquera. Calquera que non estea cego pola ideoloxía. Dende o Rexurdimento, os valedores da lingua tiveron que apandar co alcume de actuar guiados pola ideoloxía. O estudo e o pulo da lingua galega foron presentados como unha empresa inútil, allea ao sentido práctico, e tamén como unha gateira por onde meter a ideoloxía.

Pois ben. Iso é o que sucede hoxe, xustamente en sentido contrario. A oposición ao cultivo e desenvolvemento da lingua galega ten de ver moito coa mercadoría ideolóxica. E o caso do Tanque do Pensamento que adoutrinou o empresariado, mesturando conflicto lingüístico e imposto de sucesións, é un bo exemplo.

Unha lingua é un valor cultural. Mais tamén económico. A semente patentada dunha industria cultural. Temos un froito lingüístico que agromou en Galicia e que nos debe permitir no futuro, axeitando aínda máis a normativa, unha doada comunicación con Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou Timor Leste. Formamos parte tamén do espazo lingüístico hispano, unha ferramenta extraordinaria, a do castelán, cada vez máis espallada polo mundo. Esa intersección é unha sorte, como demostra a matemática de conxuntos.

Ningún ser intelixente vai renunciar a esa sorte. Mais a sorte hai tamén que cultivala. Non deixala ao chou.

Existe o perigo, por exemplo, de que no actual proceso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, que debe estar concluído antes do 2010, a recomendábel e obrigada reforma das filoloxías leve á saída en falso de perdermos a singularidade das facultades de Filoloxía Galega. É un perigo real. Certo. Unha posibilidade que contemplan algúns apuntamentos e documentos de traballo para a implantación dos estudos de Grao e Posgrao, que substituirán o actual sistema.

O futuro das filoloxías pasa, e coido que ninguén o dubida, por un maior entrelazamento e complementariedade. Non só entre as diferentes filoloxías, senón tamén con outros estudos onde sexa posíbel estabelecer eidos comúns. É precisa unha nova racionalidade, unha imaxinación, que teña en conta o horizonte laboral, as saídas profesionais. Mais ese futuro non pode estar dictado pola estatística convencional, pola vella contabilidade.

Xustamente a reforma ten de ter, entre as súas premisas, a valoración estratéxica das humanidades. E, no eido das filoloxías, manter a denominación de Filoloxía Galega. Se as universidades e as institucións galegas non conservan e promoven esa identidade, ese espazo singularizado no ensino superior, onde e quen o vai facer?

Semella unha pregunta urxida, apocalíptica, mais eu ben sei que non cómpre escribir sempre sobre o galego en clave de angustias. Un que acha máis ben, se vai á procura (facer historia é ir á procura) delas, son o que Walter Benjamin chamou "faíscas de esperanza". Así que comecei falando dun caso abraiante de deslocalización intelectual, mais o maxín axiña vai para as moitas faíscas da esperanza. Tamén pode haber unha deslocalización positiva. Por exemplo, a do galego en Oxford.

Mágoa que aqueles que aínda andan coa trécola de contrapor a aprendizaxe de inglés cunha formación en galego non dean unha volta pola Centro de Estudos Galegos de Oxford. No historial de quen se presente como directivo ou asesor en Galicia debería figurar como obrigada unha entrevista co emérito catedrático inglés e escritor e sabio galeguista John Rutherford. Aforrarían algúns deslices ridículos e, sobre todo, mellorarían en galego, inglés e sentido do humor.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_