_
_
_
_
GROUCHOS | LUCES
Columna
Artículos estrictamente de opinión que responden al estilo propio del autor. Estos textos de opinión han de basarse en datos verificados y ser respetuosos con las personas aunque se critiquen sus actos. Todas las columnas de opinión de personas ajenas a la Redacción de EL PAÍS llevarán, tras la última línea, un pie de autor —por conocido que éste sea— donde se indique el cargo, título, militancia política (en su caso) u ocupación principal, o la que esté o estuvo relacionada con el tema abordado

Volveu Galicia ao interior do saco

Manuel Rivas

Non hai moito pasei por diante do estadio coruñés de Riazor. O domingo do partido Deportivo-Valencia. Ía tenso, desacougado. Uns minutos antes, nunha esquina da rúa Alfredo Vicenti, vira os estragos dun ataque de hooligans. Os vidros escachados dun bar. Un policía apañaba do chan os bates abandonados, e ouvíanse ao lonxe os estalos de voces fanáticas. A memoria ten ás veces unha estratexia compensatoria. As neuronas adictas ao principio da esperanza enviaron un SMS dende o pasado. Non lembras aquel partido? Foi o derby máis extraordinario da historia. Non houbo paus nin alcumes entre turcos e portugueses. As afeccións do Deportivo e o Celta, o estadio de Riazor ateigado, entoaban xuntas o Nunca Máis. Unha vaga coral irrefreábel que a televisión e as radios espallaron país adiante, malia as ordes doentes dalgunhas xefaturas para silenciar aquela inaudita rebelión da cancha.

As afeccións de Depor e Celta entoaban xuntas o Nunca Máis en Riazor
Nese 'thriller' iniciado o 13 de novembro, Galicia foi a sociedade dos porqués

Aquel derby do 4 de xaneiro do 2002 foi unha das manifestacións máis espectaculares, pola dimensión e polo insólito do escenario, do que naqueles días fixo abanear o estaribel de poder hostil en Galicia e España, e que hoxe, coa perspectiva do tempo, podemos definir, ao xeito de Murray Bookchin, como unha emersión da ecoloxía da liberdade.

"O mundo regresa ao interior dun saco", di un aforismo surrealista. Utilizao André Breton para expresar o que sería unha volta a iso que chamamos normalidade. Cinco anos despois do caso Prestige, regresou todo ao interior do saco?

É curioso. Nunca pensei que fútbol fora bo para lembrar. Se cadra é o movemento do esférico. Se chamas esférico á bola, díxome un día un locutor deportivo con retranca, semella que os pés fan un labor intelectual. Pois ben. Pouco despois daquel derby, en Vigo, o 6 de xaneiro, houbo a máis memorábel das cabalgadas de Reis da historia das cabalgadas. Os tres Reis Magos eran afro-galegos e avós e netos dábanlles a benvida ao país do Nunca Máis. E uns días antes, o 28 de decembro do 2002, no día dos Santos Inocentes, miles de persoas asistiron con cruces e candeas prendidas ao enterro do mar na baía do Orzán.

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
SIGUE LEYENDO

Xa pasaran seis meses do afundimento do Prestige, así que o 14 de xuño do 2003 parecía que manifestación convocada en Bruxelas ía ser un fracaso. Chovía aquel domingo. Todo tan triste e gris que as gaivotas parecían fracasos grotescos no ceo. Mais, de súpeto, na Gare Central oíronse bucinas. E das bocas do subterráneo responderon outros sons de bucinas. Así foi como aquela revolución do mar con bandeira galega ennegrecida concertou unha multitudinaria marcha internacional na capital da Unión Europea. Qué dicir da Marcha das Maletas? Milleiros de persoas encheron a praza de María Pita nun acto de historia crítica e utopismo creativo.

O que foi Nunca Máis non se pode apreixar en termos estrictamente políticos, nunha perspectiva simplemente opositora. É unha explicación parcial, na que algúns teiman, e que non leva a ningures. O estoupido da ecoloxía da liberdade atinxiu á política inmediata, influíu decisivamente na caída dun poder con fasquía de Antigo Réxime, mais foi un movemento cultural no sentido máis profundo. O Nunca Máis significou o aparecer, a visibilidade, da sociedade desaparecida. A diferenza doutros golpes, doutras pestes, en vez de desaparecer a sociedade, xermolou unha sociedade da imaxinación.

O que ocorreu, ese espertar de enerxía curadora, manifestouse como denuncia, mais o que transformou a protesta nunha mobilización positiva e inesquecíbel foi o que tivo de axuda mutua e de solidariedade. De nova cidadanía que ocupa rúas e prazas, que reinventa o comunitario, en lugar de pecharse a velas vir no espazo privado. De cultura e información alternativas. Nos espazos conformistas e intolerantes prescíndese dunha pregunta clave na condición humana: o porqué. Confúndese así o fatalismo co causal. Nesa tempada de thriller que comezara o 13 de novembro, cun suspense que se agravou co afundimento do buque o día 19, Galicia foi unha sociedade de porqués. Esa foi a súa forza. O principio, digámolo así, dunha redenzón.

Pola inseguridade vivida, polas circunstancias que concorreron, pola tradición catastrófica que arrastrabamos, o Prestige foi percibido como un caso de terrorismo medioambiental. Ademais dos danos sufridos, houbo un tremendo impacto psicolóxico. Unha fusión entre a natureza exterior (o mar, as rías, a paisaxe) e a natureza interior da xente, as almas constituíntes. Iso foi algo que non entenderon a Egolatría gobernante e a Tecnoburocracia compracente. En lugar de responder aos porqués do xeito máis honesto posíbel, desenvolveron a operación máis absurda e irresponsábel fronte a unha catástrofe: negar a realidade.

Nunca Máis foi tamén unha resposta contra o negacionismo. Aínda hoxe, os gobernantes daquela non recoñeceron que en Galicia houbo unha marea negra, unha das maiores da historia do mar, que afectou máis de mil quilómetros de litoral. Eu cito moito a Breton, mais para surrealismo quen pasara á historia será aquel Mariano Rajoy que un día dixo poeticamente: "Los hilillos, como de plastilina, se solidifican al alcanzar la verticalidad".

Volveu o mundo ao interior do saco?

Hai expertos en números negativos. Outra caste de negacionistas. Os que din que aquilo non serviu para nada. Presuntos radicais, son especialistas na desmoralización popular, no secuestro da esperanza. Rajoy perdeu o principio de realidade. Hai outros que padecen unha escasez de realidade. Nunca Máis existiu mentres existiu a unidade. Ese é o Nunca Máis realmente existente. Dese unidade, dese relato unitario, formou parte de xeito exemplar o voluntariado. O case medio millón de persoas galegas, españolas e internacionais que acadaron a milagre de limpar grande parte da costa nun tempo record. Un traballo incuantificábel que lle saíu gratis ao Estado español. O 6 de decembro haberá, á fin, en Muxía unha homenaxe de reparación aos voluntarios despois do maltrato ao que os someteron os negacionistas.

Volveu o mundo ao interior do saco?

A mobilización en Galicia acadou compensacións, medidas e medios para a defensa do mar que, de ficar parados, non se producirían ou demorarían anos e anos. Houbo importantes modificacións legais no transporte de mercadorías perigosas e contaminantes, tanto na Unión Europea como na Organización Marítima Internacional.

Volveu o mundo ao interior do saco?

Galicia é hoxe unha sociedade dos porqués, unha sociedade da imaxinación. Houbo un artivismo, que está vivo, unha nosa arte povera, unha transgresión dos tópicos, unha reivención irónica, iconográfica. E nos seus intres de prata ou lata, como o reloxo do chiste. Hai un goberno imperfecto, lóxico, con imperfeccións ilóxicas, iso si. Mais nin os porqués nin a imaxinación nin a dignidade foron levados pola vasoira da historia como o serían, sen dúbida, de non berrar "Nunca máis!" aquel inverno do 2002. Viva o esférico!

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_