_
_
_
_
Reportaje:LUCES

O teatro pacta sobre si mesmo

A escena agarda polo primeiro plan sectorial con temor á redución do seu peso específico

O primeiro Plan Galego das Artes Escénicas, que entrará en vigor o 1 de xaneiro, está sendo debatido por arriba e por abaixo. Cultura presentou o borrador en xuño. Sesenta persoas relacionadas coa escena galega, convocadas daquela para introducir modificacións no primeiro texto (non acudiron todas), volverán sentar cos políticos despois da Feira Galega das Artes Escénicas, a finais de outubro. Para entón xa haberá compromisos orzamentarios e prazos de execución, segundo afirma Miguel Martín, director do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM).

Sen un diagnóstico oficial do sector, sábese que máis da metade dos traballadores non cotizan por riba do salario mínimo interprofesional. Ou que só unha empresa, Emedous, foi constituída orixinalmente como distribuidora teatral, nun sector onde son directores e actores os que a maioría das veces publicitan as súas obras. Ou que, á parte dos 46 espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, só seis salas privadas programan teatro decote (galego ou non). Asemade, algúns dos últimos grandes títulos do teatro galego -de Vidal Bolaño a Manuel Lourenzo- son realmente difíciles de conseguir.

"A maioría dos sistemas empregados para subvencionar están xa esgotados"
Manuel Vieites defende un "gran pacto" pola escena "esquecendo o partido político"

Resúmeo Ernesto Chao, agora protagonista d' As últimas lúas, o último espectáculo de Lagarta Lagarta. "A produción escénica en Galiza pasa polo apoio institucional". Desde outra xeira, Xocas López (Emedous): "Tamén nos 80 as compañías transportaban o material técnico, e agora alúgano. Pero o camiño da profesionalización hano transitar todas". Francisco J. Sanjiao, profesor de Economía Aplicada en Compostela e autor de Todo o mundo a escena! (Tris Tram), leva un retrouso clásico ao seu terreo. Se a saúde do teatro reflicte o estado dunha cultura, "a saúde do mercado teatral amosa cal é a saúde do sistema económico dun país", afirma. "A maioría dos sistemas utilizados para subvencionar o teatro galego esgotáronse", di Sanjiao, que ve no plan un intento de facer que o teatro "sexa visible por si mesmo e gañe independencia con respecto á Administración". E matiza: "Non hai que ser hipócritas, porque case todo está subvencionado, pero o teatro véndese moi mal porque ás veces é coma se se impuxese como aforismo algo así como somos moi importantes e hai que axudarnos". A transversalidade do plan é dobre, e afecta á dimensión sociocultural das actividades escénicas. Unha das liñas do plan toca ensino, asociacionismo, formación continua, promoción nos medios de comunicación públicos, empresas e traballadores. A outra debería involucrar a Educación, Industria, Traballo, Vicepresidencia, RTVG, universidades, concellos, deputacións e entidades financeiras. "É un plan de todo o Goberno galego", insiste Martín.

Os fíos abertos da escena galega, desde a reforma do Centro Dramático á fidelización das caixas do país, tradicionalmente afastadas da produción galega, constan no plan entre os temas pendentes de precisar. A respecto do CDG, a actual responsable, Cristina Domínguez, recoñece a necesidade dunha reforma "para axilizalo". "Ao mellor todo está pensado en cuestións de administración, pero non de creación". Polo medio fálase da creación dun novo Centro de Documentación Teatral, que formaría co chamado Centro de Recursos Técnicos e Artísticos na futura Cidade da Cultura.

Para Vicente Montoto, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, o borrador inclúe de seu "algunhas das demandas históricas do sector, como a consecución dun convenio colectivo". "Tamén se fixan algúns compromisos orzamentarios que melloran as dotacións económicas". Se a partida en 2005 era de 695.000 euros para produción e distribución, en 2008 preténdese contar cun fondo de 1,2 millóns, ata triplicar, en 2011, as axudas existentes antes do cambio político.

Celso Parada, de Escena Galega, que agrupa a 28 compañías do país, agradece tamén a preocupación pola estabilidade laboral. "É un plan ambicioso, pero aínda non se pode adiantar nada". Tras as cortesía, actores e compañías levan a cuestión máis alá, cara á futura Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que substituirá o IGAEM. Esixen presenza "nos órganos reitores" da Agadic. Pero a Agadic, cuxo nacemento se programou canda o plan escénico, terá que esperar. Ninguén o confesa en formato xornalístico, pero o temor -a música medrou nas partidas do IGAEM desde unha total orfandade inicial- é que o peso do teatro na futura axencia se reduza. Para

Gustavo Pernas (Áncora), un dos grandes dramaturgos galegos, a actual versión do plan está "máis preto da animación que dun plan de profesionalización do sector"

Da ambición aínda etérea do plan dá mostra un dos puntos do apartado destinado a potenciar e promover as industrias vinculadas ás artes escénicas en Galiza: "Establecer criterios de selección dos proxectos subvencionados que primen os niveis de distribución, especialmente no exterior, a captación de públicos e as estruturas empresariais consolidadas, especialmente no relativo á plantilla de persoal".

Os datos de asistencia de público aos espectáculos escénicos galegos son públicos desde finais de 2005. Na última convocatoria de axudas, asistencia e valoración do público pesaron sete puntos sobre un baremo de 100 na concesión de axudas á produción. "Se a asistencia de público non ten incidencia sobre ninguén, nunca imos ter público", di Miguel Martín.

A ambición terá que concretarse tamén no caso do ensino, que se beneficiaría da posible inclusión no novo bacharelato, a nivel estatal, dunha materia troncal de artes escénicas. Manuel Vieites, director en Vigo da Escola Superior de Arte Dramática, valora o "reequilibrio" entre as diferentes formas de expresión artística. A parte da danza -o Centro Coreográfico Galego naceu nesta lexislatura-, formas escénicas menos lexisladas no seu nomenclátor actual, coma o novo circo, están tamén presentes na primeira escritura do plan. Vieites defende un "gran pacto polo teatro, esquecéndonos incluso do partido político".

Os críticos comparten a necesidade de xerarquizar medidas. "Por primeira vez se concibe a política teatral dun xeito non centrado nas subvencións", destaca Dolores Vilavedra. Para Camilo Franco, "está claro que a escena galega precisa dunha ferramenta de organización e análise que rendibilice en termos sociais o esforzo da xente. Quero supoñer que o horizonte do plan é ese".

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_