_
_
_
_
Reportaje:LUCES

O santuario de Paz

O escultor constrúe en Cambados un museo ao aire libre coas súas obras

"Manolo, estás facendo uns santos moi raros, non sei se con esas cousas vas a ir ao ceo". As esculturas de Manolo Paz (Cambados, 1957) poden dar pé a este tipo de comentarios, coma o que fai unha veciña do lugar onde o artista leva algúns anos construíndo o seu particular santuario: un museo ao aire libre situado a carón do seu taller, perto de Cambados, onde se espallan algunhas das pezas máis representativas da súa traxectoria, a maioría delas feitas en pedra.

"E bo que as miñas esculturas estean no exterior, que poidan respirar en lugar de atoparse agochadas no almacén dalgún museo. Góstame que poidan saír á horta a pastar", explica Paz, un artista que forma, xunto aos seus coetáneos Francisco Leiro e Antón Lamazares, o trío máis representativo da arte galega fóra das nosas fronteiras. Parece mentira pero a obra do escultor de Cambados aínda non puido verse nunha exposición individual nalgún dos grandes museos existentes en Galicia. Sen embargo, as pezas do artista galego viaxan continuamente por distintas partes de España e doutros países para formar parte de feiras de arte e exposicións.

O caso de Manolo Paz é unha mostra máis do difícil que resulta ás veces ser profeta na túa terra. Malia a que a crítica recoñece a calidade da súa obra e de que o seu traballo desperta interés en países tan diversos coma Estados Unidos ou Xapón, en Galicia case pasa inadvertido. O mesmo está a ocorrer co museo que Paz comezou a construír hai seis anos a carón do seu obradoiro. "Por aquí pasaron responsables do museo MOMA de Nova York e doutros centros de fama mundial, pero ata o momento ningunha institución galega amosou interese por facer algo, por dar a coñecer este lugar, nin sequera o Concello de Cambados. O certo é que problemente aínda non se enteraron da súa existencia", sinala o artista, quen considera que o problema pode estar en que a burguesía galega non foi quen -a diferenza do ocurrido en Cataluña- de defender a cultura propia.

"Non se trata de queixarse porque Galicia non me queira, pero gostaríame que recoñezan o que algúns artistas temos traballado por este terra", di. "As cousas serían moi diferentes se eu fose catalán, vasco ou alemán, pero aquí temos problemas coma o feito de que os centros de arte se utilizan moitas veces coma ferramenta política e non coma o que deberían ser, espazos para comunicarse co mundo".

Paz é un escultor puro que, a diferenza do que sucede con outros artistas da súa xeración, apenas fixo algunha incursión noutras disciplinas. "Teño algunha obra feita en papel, pero o que pasa é que aínda non tiven tempo de traballar con outro tipo de materiais. Fronte ó que sucede noutras disciplinas a escultura esixe un traballo físico, en certa forma é coma un deporte. Penso que eu me fixen escultor porque desde pequeno estiven acostumado á actividade física. Ao mellor cando teña menos forza empezo a facer outro tipo de traballos".

Paz sinala que na actualidade hai moi poucos escultores "puros" e os que hai teñen unha identidade moi marcada. Entre eles cita nomes como os do artista de orixe india Anish Kapoor, o británico Tony Cragg ou o catalán Jaume Plensa.

O artista cambadés bota en falta que a escultura contemporánea non esté presente nos espazos públicos, coma ocurría noutras épocas. "Teríamos que utilizar a escultura para humanizar os parques e os paseos como ocurre nalgunhas cidades modernas, caso de Chicago. Aquí predomina a escultura popular e o deseño no mobiliario público, e quizais iso teña que ver co feito de que a xente non entende moi ben o significado da escultura abstracta. En realidade o que tería que acontecer é que as persoas sintan algún tipo de vibración ao pasar ao lado dunha escultura. A obra de arte ten que contribuír a mellorar a existencia do ser humano", apunta Paz. No seu caso, un proxecto co que quedou especialmente satisfeito foi cos menhires situados a carón da Torre de Herculés da Coruña, un bo exemplo de como a escultura pode integrarse sen problemas na paisaxe urbana.

Como ocorre con Lamazares e Leiro, a obra de Paz ten moito que ver coa súa infancia e co feito de medrar nun ambiente rural, pero os tres son artistas que alcanzan recoñecemento nas grandes capitais da arte. "As cidades tamén son selvas pero teñen unha cultura propia. Para min non ten sentido facer unha arte urbana porque eu traballo co espíritu do rapaz pequeno que viviu na aldea. Non podes negar o que es, e moitas veces o teu traballo apréciase moito nas grandes cidades porque, en certa forma, ti lles podes amosar o que eles non teñen".

Paz non é un teórico que se adique a poñer etiquetas para calificar a súa traxectoria artística pero esta dacordo con que nela poden atoparse elementos do land-art. De tódolos xeitos, puntualiza que o que se trata e de "xogar" coa natureza pero sin molestala. "Para min unha terra ben labrada é unha demostración do que chamamos land-art", sinala Paz, un artista que bota de menos un maior recoñecemento na súa terra e que, ao mesmo tempo, disfruta viaxando e coñecendo outras culturas.

O escultor viviu durante unha etapa da súa vida en Nova York e destaca que o feito de viaxar permite incluso apreciar mellor as vantaxes que supón vivir nunha terra coma Galicia. "A verdade é que galego só se pode ser unha vez na vida, non dúas", comenta divertido o artista. Tamén é interesante para un creador tan vencellado á terra como Paz ter a oportunidade de adaptarse aos materiais que se atopan noutros países.

"O mundo é tan grande como ti andes por él. O bo do meu traballo é que me permite viaxar e coñecer outras formas de traballar coa pedra. O noso traballo non necesita idioma e, polo tanto, pode ser apreciado noutros lugares. Por sorte iso tamén me ocorreu a min", sinala Paz.

O home que dá vida ás pedras

A traxectoria de Manolo Paz é moi semellante á do corredor de fondo que busca a meta en solitario, sen que ninguén o acompañe. Quizais parte do descoñecemento que existe sobre a súa obra por parte do gran público se deba a que nunca foi un artista que se soupera vender nin que fose publicitándose polos círculos artísticos. Sen dúbida algunha, a arte de Galicia ten una débeda cun home que algún día debería ocupar o lugar que lle corresponde nun imaxinario escalafón dos artistas galegos contemporáneos.

A clave do traballo de Manolo Paz é saber darlle un contido moderno a un material con milleiros de anos de uso na escultura, a pedra. Malia a súa rotundidade e as indudables reminiscencias da arte primitiva, as pezas que realiza o escultor de Cambados transmiten a idea de que os obxectos presentes na natureza tamén poden comportarse coma seres vivos. Por iso nalgunha das súas obras, Paz consigue transformar un material inerte en algo vivo, como acontece cando converte uns fragmentos de pedra nos pétalos dunha flor.

Os sinais de identidade galegos están moi presentes na obra de Manolo Paz. A dureza do clima e a sensación de aillamento están representadas en moitas das súas pezas, que alcanzan a súa máxima expresión no seu actual emplazamento nunha finca de máis de 20.000 metros cuadrados perto do mar de Cambados. Árbores e mar, os dous elementos esenciais da paisaxe galega, configuran un escenario perfecto para que as obras de Paz acaden o seu significado pleno.

Coma sempre ocorre cos grandes escultores, a noción de espazo é un dos temas centrais que están presentes na obra de Paz. Tanto cos grandes bloques de pedra, cos que constrúe as súas Catedrais ou Rosas do deserto, coma nos Filtros do espazo, realizados con tea metálica, o artista de Cambados ofrece a súa particular concepción do espazo, sempre moi vencellada aos materiais que emprega. Lixeireza e contundencia mistúranse con delicadeza no xardín de formas que o escultor está a construír no entorno do seu obradoiro.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_