_
_
_
_
Reportaje:LUCES

As letras arredor do mundo

Alén dos narradores consolidados, existe un fluxo de traducións de galego a outras linguas

As análises da tradución de literatura galega a outros idiomas adoitan chegar á mesma conclusión: Manuel Rivas é, con diferenza, o autor máis accesíbel fóra do país. Pero logo de Rivas, e de Suso de Toro, Xosé Carlos Caneiro ou Alfredo Conde, todos eles en editoras centrais das literaturas portuguesas, francesas, inglesas, españolas ou, no caso de Conde, rusas, existe tamén unha corrente alternativa que conecta escritores e tradutores e que se posiciona nas marxes dos sistemas onde actúa.

Aínda que a proposta literaria de Chus Pato xoga coas lindes xenéricas, rompe esquemas preconcibidos nas coleccións de "poesía" nas que os editores integran libros como M-Talá ou Charenton e radicaliza o discurso literario galego, a súa obra coñece unha particular difusión en castelán e en inglés. A antoloxía Un Ganges de palabras, preparada, traducida e prologada pola profesora Iris Cochón, publicouse en 2003, dentro da sección editorial da Deputación Provincial de Málaga, Puerta del Mar.

Entre as novas xeracións de poetas, o tráfico de idiomas normalízase aos poucos
Erín Moure traduciu ao inglés 'M-Talá' e 'Charenton', da poeta Chus Pato

A poeta canadense Erín Moure verteu ao inglés M-Talá, o traballo co que no ano 2000, a dicir da crítica Helena González, "Chus Pato inaugurou a poesía galega do século XXI". M-Talá saíu, en 2003, na editorial Nomados de Vancouver. Para setembro deste ano, Erín Moure recunca no seu labor de tradutora e tirará Charenton (primeira edición en 2004) en Shearsman Books. O vínculo de Erín Moure coa literatura galega consolidouse coa publicación na Revista das Letras o pasado ano dos seus propios poemas autotraducidos, Homenaxe á potencia da pataca, e co seu traballo en curso, O cadoiro, a partir do corpo das cantigas medievais galego-portuguesas.

Trece anos logo de que a editorial Hiperión botase a única tradución ao castelán, da man de Eloísa Otero e de Manuel Outeiriño e con limiar de Antonio Gamoneda, da obra poética de Xosé Luís Méndez Ferrín, Con pólvora y magnolias, os poemas do escritor de Vilanova dos Infantes fican inéditos no exterior alén de antoloxías colectivas e publicacións periódicas. A narrativa de Méndez Ferrín apareceu seleccionada en inglés no ano 1996, Them and other stories, con versión de John Rutherford, Xelís de Toro e Benigno Fernández Salgado.

De Carlos Casares, novelista tamén pertencente á promoción da Nova Narrativa Galega nos sesenta. Rosa Rutherford, seguindo a tradición do seu pai, o profesor John Rutherford, traduciu Vento ferido (1967), Wounded wind, publicado o mesmo ano da morte do autor, 2004. As últimas obras de Casares -Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002)- saíron ademais en editoriais madrileñas do centro do campo literario no intre de se estrear nas librarías.

Entre as últimas xeracións de poetas, o tráfico de idiomas normalízase aos poucos. Libro de la egoista é a recente edición en visor d'O libro da egoísta, de Yolanda Castaño. Da popular autora de Elevar as pálpebras - agora dedicada con maior intensidade a outras facetas do seu traballo, como a de presentadora de televisión e directora da galería Sargadelos na Coruña- Huerga y Fierro sacara Vivimos en el ciclo de la erofanías hai sete anos, dous logo da publicación orixinal do poemario que lle valera o Premio da Crítica Española. O contacto coa poeta cordobesa Elena Médel -Tara titúlase a súa obra deste ano- ofreceu, entre outros froitos, un monográfico da revista La bella Varsovia arredor da poesía galega con escritoras como Lucía Aldao, Emma Couceiro, María Lado, Lupe Gómez, Olga Novo, Emma Pedreira ou María do Cebreiro.

Precisamente a editorial asturiana Trea/Nigra está a piques de tirar do prelo Obxectos perdidos /Objetos perdidos, unha escolma bilingüe de María do Cebreiro. Do Cebreiro escolle poemas dos seus cinco libros, entre O estadio do espello (1998) e Os hemisferios (2006), e vértese a si mesma ao castelán. A editorial pública do Ministerio de Cultura do Goberno venezolano -que encabeza o galego e poeta Farruco Sexto Novas- acollerá unha antoloxía de poesía galega contemporánea, na que entre outras escritoras tamén se recolle obra de María do Cebreiro, traducida ao castelán da man da crítica Teresa Seara.

Xa a denominada xeración poética dos 80 traballara o capítulo da súa difusión externa con fruición. Entre aquela antoloxía realizada polo escritor Xavier Rodríguez Baixeras, Sis poetes gallecs (editorial Columna, 1990), en catalán, que xuntaba a Xosé María Álvarez Cáccamo, Ramiro Fonte ou Manuel Forcadela, e a escolma en castelán de Rodríguez Baixeras Las aguas abandonadas (Trea/Nigra, 1999), con solaina de Antonio Gamoneda, a preocupación desta serie de poetas por se dar a coñecer fóra do ámbito galego quedou abondo probada. Antonio Gamoneda, premio Cervantes este ano, revelouse hai tempo coma un dos lectores de poesía galega máis atentos na meseta castelá. Xusto ao recibir a nova do galardón declaraba o "mellor momento" que atravesa o xénero poético na Galiza e en Portugal respecto de España, coa conseguinte polémica.

Sen trascender o formalismo e o esteticismo compartido cos Novísimos do libro de José María Castellet pola xeración dos 80 -unha quinta que tamén apareceu na Deputación Provincial de Granada nun libro titulado Caminos de la voz- Xulio López Valcárcel publicou, en italiano, o seu último poemario e premio da Crítica Española Casa última (2004). En versión do italiano, tamén poeta, Emilio Coco, o diálogo estabeleceuse nas dúas direccións e este ano apareceu Serodio amor en tradución do propio López Valcárcel xunto a Suso Pensado. Igualmente en italiano publicou, hai catro tempadas, Carlos Quiroga, poeta e narrador que exerce a docencia na Universidade de Santiago de Compostela, a obra de teatro O castelo da lagoa de Antela.

O espallamento exterior da literatura galega conta cunha sección propia na editora Espiral Maior. A colección de ensaio verteu ao castelán e distribuíu obras de Carme Adán ou Luís G. Soto. No ámbito poético, As certezas do clima, de Miguel Anxo Fernán-Vello, ou os poemas de Xosé María Álvarez Cáccamo saíron da Galiza en catalán da man de Espiral Maior. Rinoceronte Editora anunciou unha serie bilingüe galego-castelán de poemarios que arrincará con Longa noite de Pedra, de Celso Emilio Ferreiro, e con Gramática do silencio, de Eusebio Lorenzo Baleirón.

Os outros alfabetos

Fóra do alfabeto latino, a recepción da literatura galega non excede, por veces, a anécdota. O xaponés, o ruso ou o árabe coñecen, en edicións maiormente oficiais, o máis canónico das letras en galego.

Un banqueiro nipón, Shozo Nakinishi, anda detrás da translación ao xaponés dos poemas de Rosalía de Castro. A versión do poema A mi madre na editorial Chusekisya, orixinalmente publicado e escrito por Rosalía en castelán o mesmo 1863 que marcou o Rexurdimento con Cantares Gallegos, precede ao proxecto de Nakinishi de traducir completo Follas Novas.

A lingua rusa tamén recibiu os poemas de Rosalía de Castro durante o ano pasado. A antoloxía Poemas de Rosalía de Castro recolleu 40 textos de Cantares Gallegos e Follas Novas baixo a edición e tradución de Elena Zernova. Un equipo coordinado por Zernova tirou, en 2005, Compañeira tristeza, que abrangue poemas escritos por 24 mulleres galegas entre María Mariño e María Lado precedidos por un texto da crítica Helena González. O Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo sacou así á luz o noveno volume da serie Antoloxía da Literatura Galega.

A versión en árabe de Se o vello Simbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro, foi, aínda este ano, a primeira obra da literatura galega vertida a ese idioma, obra do hispanista marroquí Larvi el Harbi e da colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta co PEN Clube. A iniciativa xurdiu durante o Salón do Libro de Casablanca, en Marrocos, en febreiro de 2005.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_