A cidade que está enfronte a Vigo
A conexión cultural entre Galiza e Nova York atravesou todo o século XX
Se París foi a capital do mundo na centuria de 1800 e Sanghai perfílase como o centro urbano de referencia no futuro próximo, a cidade de Nova York resultou a paisaxe metropolitana inevitábel durante o século XX. Creadores de todo o mundo contribuíron a construír a imaxe de Nova York e a fixala no imaxinario colectivo. Entre a visión futurista de Vicente Risco e o blog en formato libro de Imma López Silva -New York, New York, 2007-, a conexión da cultura galega con Nova York tamén atravesou os últimos cen anos, ás veces como mito, ás veces como refuxio, ás veces como ponte cara ao exterior.
"A Cruña fita as brétemas d'Irlanda / Vigo os rañaceos de Nova York / GALICIA FOR EVER / CRUÑA / Puntos de tensión máxima da vida". Este poema que Vicente Risco publicou nas páxinas d'A Nosa Terra en 1920 titulábase U...ju ju.... Nunha homenaxe á farfalla poética do futurismo, Risco anoaba a modernidade cultural galega coa metrópole estadounidense. Era no tempo no que o polígrafo ourensán se daba ás boutades e declaraba que Ourense estaba a 600 quilómetros de Madrid "pero moito máis achegada a Nova York". Aínda faltaban 73 anos para que Os Resentidos cantasen por man e voz de Antón Reixa o "estou sentado no porto da baía / que non sei por que aquí chamamos ría / e os meus pés colgando coma nun vello soul / e penso en que Vigo está en fronte a Nova York", pero Vicente Risco, e canda el o groso da Xeración Nós, prestaba atención aos fluxos culturais avanzados do globo.
Vicente Risco e canda el a Xeración Nós prestaban atención aos fluxos culturais globais
Granell laiábase da escasa influencia do surrealismo nas artes estadounidenses
Precisamente un home desa Xeración Nós, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, escribiría a segunda parte de Sempre en Galiza durante a súa estancia en Nova York. Castelao, que rachara relacións con Risco cando este se esgazou do Partido Galeguista e fundou a Dereita Galeguista, viaxara a Nova York como propagandista do réxime republicano español en 1938. O terceiro dos seus álbums de debuxos sobre a Guerra Civil, Milicianos, aparece asinado en "New York, agosto de 1938" e cos pés de estampa en galego, castelán e inglés. Naquela etapa convulsa, o lapis de Castelao ficaría fascinado polo mesmo barrio afroamericano de Harlem que engaiolara antes a García Lorca. Os debuxos de negros do artista de Rianxo, non tan célebres como as publicacións de combate da época, amosan a un Castelao mergullado nas rúas secundarias de Nova York que asistía aos estertores da Harlem Renaissance.
A derrota das forzas republicanas na guerra dos tres anos e o éxodo ocasionado repercutiu nos vencellos entre Galiza e Nova York. A ponte de Brooklyn, o poema que Luís Seoane incluíu no seu libro de 1952 Fardel de eisiliado, relataba a participación de emigrantes galegos na construción da paradigmática pasarela no século XIX. Cunha épica social e un verso longo e intricado, Seoane, catalizador do exilio republicano na Arxentina, descubría unha pasaxe oculta da historia migratoria dos galegos ao mesmo tempo que arrimaba a súa poética á do Walt Whitman que admiraba a fundación de Manhattan -e de quen Canto de min mesmo se atopa traducido ao galego desde 2002-.
O galeguista Ricardo Martínez López, fundador do Seminario de Estudos Galego e que en xullo de 1936 se atopaba como profesor no Instituto Español de Lisboa, pasaría, a partir de 1940 e despois de axudar á evacuación de refuxiados republicanos en Francia, a exercer a docencia en centros universitarios neoiorquinos. Para o pintor Eugenio Granell, nado na Coruña en 1912 e militante do Partido Obreiro de Unificación Marxista, a saída universitaria tamén o deitou na Nova York de 1960. Catedrático de Literatura Española no Brooklyn College, o irreductíbel surrealista que foi Granell laiábase da escasa influencia da súa corrente nas artes estadounidenses. A hexemonía estética correspondía, naquela altura, ao expresionismo abstracto. A interacción dos derrotados na urbe estadounidense provocaría a reflexión do profesor Emilio González López: "Ningún país español superou a Galicia en relacións cos Estados Unidos e coa América española polo embate de refuxiados políticos que alí foron chegando desde comezos da loita".
Na denominada Nova Narrativa Galega, que procedeu á demolición das vellas estéticas dominantes na literatura galega mediado o século XX, detéctase a influencia da urbanización do planeta. Os escenarios mudaban e os escritores galegos daquela xeración -Gonzalo Mourullo, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán- situaban os seus personaxes en non lugares metropolitanos, alienados, de ambiente absurdo. O novelista Camilo Gonsar, integrante daquela promoción, culminou o seu proceso de maduración literaria en Cara a Times Square, publicada en 1980, onde dous homes deambulaban por unha fantasmagórica Nova York ao xeito dun Á espera de Godot itinerante.
Dos 8.754 galegos que, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, habitan nos Estados Unidos, 6.000 residen en Nova York. Nunha experiencia de varios meses baseou Imma López Silva o seu diario New York, New York, entre o asombro, a frivolidade e a mitomanía. Tamén Francisco Álvarez Koki, que vive permanentemente na cidade oriental estadounidense, sitúa alí a novela Ratas en Manhattan. Xelamonite, o debut narrativo de Luís Paradelo editado o pasado ano, comeza a súa trama nas zonas escuras, por marxinais, da Big Apple. Os histriónicos protagonistas dun dos fenómenos do campo literario galego na tempada 2006, O home inédito de Carlos G. Meixide, transitan os barrios de Nova York nunha obra que, desde o selo editorial A Rotonda, cualificaron de "cruce entre Sexo en Nova York [coñecida teleserie] e No ventre do silencio [a última novela de Méndez Ferrín]".
En Nova York traballou durante anos o profesor Xoán González-Millán. Investigador no Hunter College e no Graduate Center da City University of New York, a bagaxe teórica e a distancia sobre o obxecto de estudo, a literatura galega, deulle unha perspectiva inédita que marcou a pescuda literaria na Galiza. Libros como Resistencia cultural e diferencia histórica, Do nacionalismo literario a unha literatura nacional ou Literatura e sociedade en Galicia figuran en todas as bibliografías de filólogos e docentes universitarios. O labor de Xoán González-Millán, morto en 2002 en Estados Unidos, posibilitou un espazo neoiorquino aberto a galegas e galegos, actores do sistema literario, como Dolores Vilavedra, Camino Noia, María do Cebreiro, Luciano Rodríguez, Álex Alonso, a propia Imma López Silva ou Henrique Monteagudo.
Castelao entre rañaceos
A actividade propagandística de Alfonso Rodríguez Castelao en Estados Unidos a prol da República, acompañado do que naquel intre era o seu secretario persoal e varias décadas logo fundador da Unión do Pobo Galego, Luís Soto, levouno a pronunciar arredor de trinta discursos. "Fogoneiros, peóns, taberneiros, obreiros e lavapratos de Nova York" recibiron as palabras dun Castelao que, despois de viaxar á Unión Soviética, tamén con Soto, e no furacán da Guerra Civil, atravesaba o seu período máis virado á esquerda política. Segundo un dos portavoces xornalísticos da comunidade emigrante en Nova York, La Voz, o de Rianxo, nunha velada mitin en Brooklyn organizada pola Fronte Popular Antifascista Galega da cidade, "nunca deja defraudadas las esperanzas aun de los que más esperan".
Castelao redactou o Segundo Libro do seu ensaio político Sempre en Galiza no fragor do seu intenso período estadounidense: "Â luz dunha fiestra ensombrecida por un rañaceo. Poida que fronte a min haxa checoslovacos, austríacos, polacos, finlandeses, xudeus, alemáns e doutros povos e razas, pero estou seguro que eles non adiviñan que â luz desta fiestra traballa un galego desterrado. Ningún dos meus veciños de enfrente sabe que hai unha Patria que se chama Galiza, e non podo esixirlles que adiviñen a miña eisistencia".
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.