Inmigrantes documentados
Chineses, marroquís ou caboverdianos protagonizan algúns dos últimos documentais feitos por novos realizadores galegos
"Meu avó tiña case 90 anos e era a primeira vez que vía un chinés, isto provocou o punto de partida para reflexionar sobre os chineses en Galicia". Así explica a xove directora de As Pontes Sabela Pernas como se lle ocurriu a idea da curta documental Mundo bazar, un traballo que indaga na integración desta comunidade asiática en Galicia, a través do punto de vista de Meng Yong Zhou, de nome comercial Chino Antonio, un simpático empresario que posúe en Lugo un xigantesco bazar de productos made in China.
Mundo bazar é un dos últimos documentais feitos en Galicia que afondan na integración e convivencia dos inmigrantes, e que van desde a comunidade caboverdiana de Burela, vista polo músico Manolo Maseda, ata o conflicto que xurdiu na localidade pontevedresa de Vilaboa, trala solicitude da comunidade marroquí para construir unha mesquita.
Estes tres documentais están centrados en inmigrantes de países que teñen unha longa relación migratoria con Galicia. Segundo explica Sabela Pernas desde Roma, onde estudia comunicación audiovisual, "Antonio é dos primeiros chineses que chegaron aquí, hai uns 20 anos, e ademáis coñece moi ben Galicia porque antes era ambulante". Meng Yong, o Chino Antonio, naceu na provincia de Hangzhou, "unha rexión como a provincia de Lugo, de onde proceden un 80% dos chineses que chegan a Galicia", segundo el mesmo explica no documental. A través das opinións deste comerciante, que xa é case un galego máis, vanse debullando as diferencias entre os españois e os chineses: "Comparado con China, aquí trabállase pouco, pero onde mais noto a diferencia é na lingua".
Caboverdianos
Menos problemas coa lingua teñen os caboverdianos que levan décadas en Burela. No documental Cabo Verde, Sabi ( "espectacular" en lingua crioula), o que fora cantante dos Diplomáticos, Manolo Maseda, emprendeu coas caboverdianas do grupo Batuko Tabanka unha emotiva viaxe de regreso ó seu país, ó que moitas non volveran desde hai 30 anos, cando as súas casas non tiñan nin auga corrente nin luz nin moito menos teléfono. "Crieime na Calle do Can, en Burela, o barrio onde vivían tódolos caboverdianos, e iso marcoume", explica Maseda. "Levalas tocar a Cabo Verde era un soño, e vela cara destas mulleres foi emocionante", relata o director. Xunto co autor do documental, a Cabo Verde tamén viaxou a cantante Uxía Senlle, e alí gravaron varias actuacións, que se publicarán cara o verán nun disco titulado Djunta mao, no que tamén colaborará Xosé Manuel Budiño.
Este documental púidose ver hai uns días na TVG, onde tamén se emitirá Vilaboa, mirando á Meca, unha pequena e polémica peza documental que pretende "provocar unha reflexión sobre un problema de racismo moi grave", segundo explica o productor Santiago Peón. Este documental, dirixido por Álvaro Gago, aborda o conflicto que xurdiu en Vilaboa, cando a comunidade marroquí solicitou ó concello permiso para construir unha mesquita.
Este concello pontevedrés de 5.000 habitantes acolle unha das comunidades marroquís mais numerosas de Galicia, con arredor dunhas 200 persoas. Aínda que o presidente desta comunidade, Mustaphá El-Aboubi, móstrase no documental bastante comedido e fala nun ton conciliador, a maioría das opinións dos veciños son contundentes ó respecto: "Se non teñen papeis, que pintan por aí? A que andan?", exclama indignado un veciño, mentres outro aínda vai mais alá e afirma: "Non se van dar botado os mouros fora de España e vai ter que haber outra guerra". Semellan opinións doutra época, e con razón os autores deixan claro que non se responsabilizan das opinións verquidas: "Había cousas tan duras, que non as metemos porque nos caía a cara de vergoña", explica Peón.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.