_
_
_
_
_
SENDA DE SAUDADE | LUCES

Unha misteriosa enfermidade

"O signo diferencial da psicoloxía galega", como lle chamou Castelao, percorre toda a literatura

Un concepto un tanto misterioso latexa nos clásicos da literatura e o pensamento galegos do século XX. De Cabanillas a Risco, de Viqueira a Castelao e, por suposto, Ramón Piñeiro, a saudade aparece como unha forza fundacional. O sentimento semella esvaecido na cultura da posmodernidade, ainda que non sexa doado borrar o seu rastro.

O concepto perdeu hoxe funcionalidade literaria por vencellado ao vello enxebrismo
Xa en 1920, Cabanillas definíu a saudade como "molde que deu forma ao noso lirismo"

No principio era a saudade ... Unha literatura que ten entre os seus libros fundacionais un titulado Saudades gallegas (Valentín Lamas Carvajal, 1880) está condenada a arrastar de por vida unha herdanza de "delores e grorias vellas", que é como o poeta define esas nosas "fondas saudades", e aínda máis cando o concepto empata cunha xenealoxía de devanceiros ilustres que xa o explotaran liricamente nas súas diferentes variantes lingüísticas: xa Nuno Eanes Cerzeo era consciente de que "das terras averei soidade", mentres que en Pero da Ponte certo cabaleiro precisaba "escorrentar a soydade" e unha das namoradas ficcionais de Johan Zorro padecía "suidade". ¿Qué enfermidade misteriosa é esa que toda unha tradición literaria diagnostica dende os albores?

As soidades do cravo rosaliano apuntan xa un certo regusto morboso (¿masoquista?) na indefinición dun sentimento que dende aquela abalará entre a concreción telúrica e a abstracción metafísica. Sen dúbida, a primeira destas interpretacións alimentaríase do fenómeno migratorio, e triunfaría como fórmula codificadora dunha mutilación dupla, a dos que se van e a dos que fican, estantíos e un chisco envexosos, na beira dun mar -"ise camiño", que dicía Celso Emilio- que nos limita e nos provoca. Dende entón, os galegos somos, por definición, seres apegados case patoloxicamente á terra, malia sermos un dos pobos máis dispostos á hora de facer a equipaxe. Velaí un dos tópicos que ninguén está disposto a desmentir, se cadra porque para facelo teriamos que asumir moitas das nosas contradiccións.

A utilización do concepto na súa versión nostálxico-sentimental arrequentouse coa pegada do saudosismo portugués, espiritualista e etnicista, que en Galicia abrangueu ese incerto irredentismo que sempre padecemos os galegos perante o irmán luso, e que se artellou ao longo do tempo ben en propostas iberistas, ben ortográficas, ben horarias. Secomasí, vencellarnos nese sentimento era unha maneira de recoñecer implicitamente unha filiación común, por moi remota e inaprehensible que fose, para ambos pobos. A sintonía co saudosismo portugués, moi presente en autores como Noriega Varela ou Aquilino Iglesia Alvariño (quen, por certo, en Señardá faría agromar "o duro cravo d'a Saudade" nunha sorprendente "flor azul"), resultou ben fecunda para os homes de Nós, que subliñarían a súa dimensión telúrica fronte ao mesianismo portugués; varias décadas despois, Víctor Freixanes sería quen de actualizar de xeito prospectivo e mesmo subversivo a saudade sebastianista naquela novela que a ninguén deixou indiferente: O triángulo inscrito na circunferencia (1982).

Lo que más afecta es lo que sucede más cerca. Para no perderte nada, suscríbete.
Suscríbete

A importancia da saudade como factor central do volksgeist galego está xa en Viqueira ("Queredes unha verba que vos diga en resume o noso lirismo e a nosa alma? Aí a tendes: saudades") e en Castelao, que no Sempre en Galiza a considera "signo diferencial da psicoloxía galega". Na súa versión telúrica revelaríase como unha fórmula posible para codificar de xeito popular o apego á terra que a Xeración Nós identificaría como un dos riscos definidores da galeguidade, e que Castelao poría ao par do lirismo e o humorismo, mentres que Risco a consideraba a máxima expresión do carácter sentimental do galego. ¿Como non recoñecernos nese retrato? ¿Como non outorgarlle estatuto de axioma antropolóxico a unha caracterización que remataría por converterse en estereotipo reduccionista? Pero, ademais, para Castelao a identificación galaica coa saudade resultaba triplemente operativa por ser, por unha banda, "o sentimento que abrangue a Portugal e a Galiza nunha soia eternidade"; por outra, un sentimento que nos remonta aos nosos devanceiros celtas (tamén Risco defendía esta filiación étnica do sentimento) e, finalmente, o elemento diferencial que nos afastaba do que el calificaba como a "retórica mediterránea".

Pero a saudade galega veríase axiña elevada á categoría de imaxe metaliteraria. Nunha cultura hiperfiloloxizada como é a nosa, a lingua -mesmo na súa función estética- contamínao todo, e un pobo condenado á procura das verbas sagras da tribo intuiría na ambigüidade inherente á saudade a tradución verbal máis aproximada do indicible. Así, dende que en 1920 Ramón Cabanillas ingresara na RAG co discurso A saudade nos poetas galegos este sentimento converteuse de vez "no molde que deu forma ao noso lirismo", ese lirismo que "vive na verba saudade como nunha boliña de cristal, prisoneiro de encantamento". O risco de ficarmos así, estantíos ou hipnotizados como o frade de Armenteira co canto do paxariño, axexaba de preto; nese mesmo discurso, Cabanillas momificaría Rosalía en "corpo santo da Saudade Galega" e decidiu que "a saudade manda en nós". Secomasí, quizais por intuír o poder paralizante de tal sentimento, o poeta se esforzou en superar o seu vezo pasatista e proxectalo cara ao futuro ao recoñecelo como síntese de "Pasado e Porvir, Evocación e Desexo (...) cobiza do lonxe, presentimento do que está para chegar".

Talvez para escorrentar tentacións mesiánicas xa por volta dos 50, Galaxia, e nomeadamente Ramón Piñeiro, farían un esforzo de aggiornar o concepto: en Europa sopraban os ventos do existencialismo e non era cuestión de deixarnos enguedellar outra volta n' A roseira da saudade, de Antón Zapata (1953). A viraxe metafísica afastou ¿definitivamente? a saudade galega do misticismo portugués, e sabiamente o mestre Otero Pedrayo, ao encarreirarnos Polos vieiros da saudade (1952), modernizaría o concepto ao vencellalo co motivo da viaxe sen afastarse en exceso dos usos tradicionais, agora alimentados polo fracaso da utopía galeguista, case feita realidade naquel soño efémero da República e quizais rediviva na Galicia de Alén Mar. Por iso as bágoas que Otero deita, cando chega a Buenos Aires en 1947, son bágoas "de saudade e de recoñecemento". Agora son os exiliados, como noutrora o foran os emigrantes, os condenados a padecer "no peito un fogo de amor, que na ausencia medra", que Blanco Amor cantaría nun dos seus poemas (significativamente titulado Saudade) para rematar recoñecendo, coa súa proverbial afouteza e cunha frustración na que hai moito de impotencia: "¡Todo o que levo gañado é queimarme niste fogo!".

Na Galicia postautonómica o concepto perde funcionalidade literaria, se cadra por aparecer estreitamente vencellado a un enxebrismo que sabía a reseso e do que urxía desfacerse para afrontarmos, ceibes de pexas decimonónicas, unha posmodernidade que nos collía cos deberes da modernidade a medio facer. A saudade pasa así a codificar sentimentos novos, realidades novas, que balizaban o camiño das novas xeracións cara ao futuro, e a nostalxia da terra concrétase na casa, ao tempo que se proxecta cara a outros espazos non necesariamente galegos nin rurais. E nesa eterna asignatura pendente da conquista social do idioma, a saudade da palabra enuncia a orfandade da voz que berra no deserto, a soidade do escritor que loita corpo a corpo coas verbas, tan reticentes a deixarse querer.

¿Seguimos a padecer de soidades? ¿Qué anceiamos os galegos e galegas do século XXI? Neste abrente de milenio, o poeta Manuel Outeiriño identificou esa viaxe ao interior de un mesmo que é sempre a saudade como unha desacougante "nostalxia de abismos, de ollos grandes, de peixes". ¿Cómo interpretaría Rosalía este verso?

Regístrate gratis para seguir leyendo

Si tienes cuenta en EL PAÍS, puedes utilizarla para identificarte
_

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_