A muiñeira faise mestiza
Inmigrantes de África e Europa incorporan novos sons á música da Galicia urbana
Ferid é de Túnez e rapea en árabe co grupo de hip hop pontevedrés De la Hoja. Ibou é de Senegal e canta en mandinga co seu grupo galaico-africano. Marnie é escocesa de orixe xudea e canta en yiddish cos seus colegas galegos de Macfeck. Ferid, Ibou e Marnie son unha mostra do novo panorama musical que a inmigración está a traer a Galicia, onde músicos de diferentes culturas se mesturan en diversas formacións.
Na pasada edición do Microfest, un dos festivais emerxentes de cultura urbana de Galicia, o público quedou abraiado escoitando a un grupo de Pontevedra cun cantante que rapeaba en árabe. E aínda máis se sorprenderían se coñecesen o periplo vital do tunecino Ferid O estranxeiro, como o chaman no grupo. A súa biografía non ten nada que envexar á de outros célebres rapeiros como 50 Cent ou Jay-Z. Nacido en Túnez capital, criouse no barrio marxinal coñecido como Montaña Vermella, nun ambiente de drogas e delincuencia, e acabou no cárcere. Nun castelán impecable, Ferid explica que no seu barrio "a metade da xente nova está no cárcere e a outra metade no estranxeiro".Diante deste panorama desalentador, Ferid iniciou o seu traxecto por varios países europeos, ata que chegou a Italia. Alí coñeceu a unha enfermeira galega, e o amor levouno ata Vilanova de Arousa, onde vive dende hai catro anos.
"A fusión musical xa a conseguin. Agora fáltame conseguir a fusión das letras", di o angolano Mvundi
En Pontevedra contactou co colectivo de hip hop De la Hoja e probou a cantar con eles en árabe. O proxecto, que inicialmente parecía algo disparatado, tivo moi boa acollida. "A xente non entende o idioma, pero sóalles ben", comenta Ferid, "e moitos prefiren que cante só en árabe". Este músico era un rapeiro coñecido en Túnez, onde se facía chamar Filosof. Daba concertos e entrevistas para canles como Canal + Francia, pero di que non soportaba vivir nun país no que "todo é unha farsa e o presidente gana as eleccións cun 99% dos votos". "Facer unha vida normal é caseque imposible", di. "Imaxínate se fas rap e criticas". Agora acaba de gravar un tema en árabe para un documental dun grupo da oposición que critica ó presidente Ben Ali, o que lle ten preocupado: "Se se enteran pódelle pasar algo á miña familia".
Alberto Mvundi non tivo unha vida máis doada. Nacido no sur de Angola, tiña oito anos cando en 1975 estalou a Guerra de Independencia e a súa familia decidiu fuxir cara a capital, Luanda. Viviu dous anos na selva co resto dos habitantes da súa aldea, ata que chegaron á capital. De Luanda trasladouse a Portugal, e cos primeiros aforros mercou unha guitarra. Coa guitarra como equipaxe, chegou hai seis anos a Galicia e comprobou sorprendido como "a lingua era unha vía de unión". "Eu viña de Angola e descoñecía que existise o galego", engade.
Mvundi vive en Arzúa e canta en portugués de Angola, pero a súa banda está composta por galegos que tocan afro-reggae. Desde o principio mesturou os ritmos angolanos con instrumentos tradicionais galegos. Esta estraña mestura cautivou a Manu Chao, que o reclamou para actuar de teloneiro no seu concerto de Lalín no ano 2002. Mvundi sempre tivo a fusión como obxectivo. "A fusión musical xa a conseguín", explica o músico angolano, "pero fáltame chegar á fusión nas letras, contar experiencias que me pasan aquí, sen renunciar ás miñas orixes".
En Pontecaldelas ten a súa base de operacións o grupo folk Mac-feck, formado por dous galegos máis o inglés Harry Price e a xudeo- escocesa Marnie Kaputsinsky. Harry e Marnie chegaron a Galicia hai oito anos formando parte da troupe dun circo xitano bretón. Gustoulles e decidiron quedar e montar un grupo. Marnie é descendente dunha familia xudea de orixe polaca, de aí que unha das linguas principais do grupo sexa o yiddish, ademais do inglés e, por suposto, o galego, que domina como se fose de Pontecaldelas de toda a vida.
Cando chegaron sorprendéronlles algunhas músicas galegas "sobre todo o ritmo da muiñeira". "Gustoume moito", lembra, "pero non a jota que non entendiamos". Este verán levaron un bo susto cando estiveron asediados polos incendios e o lume calcinou a súa furgoneta con centos de discos seus dentro.
Na Coruña vive Ibou Ndiaye, un senegalés que canta en mandinga, a lingua da súa etnia, e lidera o proxecto Domou África Biodiversidade (Fillos de África), unha mestura de músicas africanas, brasileiras e, de cando en vez, gaitas que soan polo medio. Ibou canta en mandinga, walof (a lingua común dos senegaleses), e tamén creole, unha língua que se fala na fronteira de Guinea Bissau con Senegal, e que ten rasgos do portugués. "Fago algún tema no que vou cambiando do creole para o galego e a xente o entende e lles gusta", explica Ibou, que combina o este proxecto musical con grupo Black Bum, formado tamén por galegos, africanos e brasileiros.
Algúns destes músicos, xunto con outros como Batuko Tabanka, unhas caboverdianas instaladas en Burela, forman parte do proxecto musical Son de Calquera Lugar, idea de Renato Spencer. Este brasileiro residente en Gondomar leva catro anos en Galicia, onde fundou a banda Café Caxaça, da que forman parte galegos e brasileiros, que tocan desde samba a bossanova, usando ás veces a gaita nalgúns temas. Spencer explica por qué reuniu a estes músicos: "Sempre tiven a idea da integración, entendida como intercambio, recoller de aquí unha muiñeira ou unha polka e traer unha rumba brasileira, por exemplo".
Todos estes músicos teñen plans de futuro en Galicia. O tunecino Ferid prepara con De la Hoja o primeiro disco cunha ducia de temas, onde todos terán fragmentos cantados por el en árabe. Alberto Mvundi e a súa banda galega sacarán antes de rematar o ano Musseque, o seu primeiro disco que toma o nome dos barrios de Luanda onde o Goberno instalaba ós que fuxían da guerra, e os Mac-feck preparan unha xira por Brasil coa súa mestura galaico-yiddish. Mentres, na Coruña, Ibou Ndiaye estuda imaxe e son para gravar o seu primeiro videoclip entre Galicia e Senegal.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.