O vaivén das xeracións
A traxectoria da cultura galega, coma a das demais culturas, está atravesada por liñas de continuidade e ruptura, pola vontade de esquecer tanto como pola ansia por (re)lembrar.
A traxectoria da cultura galega, coma a das demais culturas, está atravesada por liñas de continuidade e ruptura, pola vontade de esquecer tanto como pola ansia por (re)lembrar. Cada xeración reescribe o pasado en función da súa propia experiencia, das súas necesidades presentes e do futuro que imaxina, salientando ou apagando determinados feitos, traendo á luz ou revalorizando personaxes previamente ignorados, tecendo novas interpretacións. Por parte, é unha lei histórica inexorable que cada xeración elabora a súa versión do pasado en contraste, cando non en aberta polémica, coa xeración precedente.
Comecei a apercibirme disto cando me puxen a esgaravellar na fase formativa da que a posteridade coñecería como 'Xeración Nós'. Os que máis tarde serían os seus persoeiros comezaban a afirmarse a partir de 1916 lanzando críticas aos "nobres precusores". Nos inicios da década dos '20, un dos albos preferidos das súas diatribas era a Real Academia Galega, por dedicarse, segundo eles, "ao estudo das cousas vellas da nosa Terra coma ás dun país finado. Se fan un diccionario danlle xeito de panteón da nosa lingua. Se fan un boletín convérteno en eco morto de cousas pretéritas. Soamente miran para atrás" (Antón Vilar Ponte). Seguindo unha pauta típica, ao longo dos anos seguintes, as principais figuras desa xeración pasarían a formar parte da mesma Academia que acedamente (e con razón) censuraban.
As xeracións Galaxia e 'Nós. Tendo en conta o devandito, non hai nada de estraño en que a xeración que saíu á palestra entre os finais dos anos cincuenta e os comezos do setenta do pasado século (a 'Xeración dos sesenta') se mostrase crítica en relación coa precedente -a que un dos seus representantes máis significativos, Francisco Fernández del Riego, denominou 'Xeración Galaxia'. Figuraban nesta unha serie de intelectuais nados entre os comezos do século e 1915, desde Fermín Penzol (1901) ou Ánxel Fole (1903) a Ramón Piñeiro, Xaime Isla ou Xosé M. Álvarez Blazquez (1915), pasando por García-Sabell (1908), Carballo Calero (1910), ou o propio del Riego (1913) e incluíndo, entre outros, a Cunqueiro (1911) e Celso Emilio Ferreiro (1912), con traxectorias peculiares. Xentes estas marcadas polo maxisterio da Xeración Nós, polo pulo da cultura galega no período de entreguerras e pola experiencia democrática do Partido Galeguista e da Segunda República.
Aínda que entre a xeración Galaxia e 'Nós' se poden sinalar algunhas rupturas, no fondo predomina máis ben a continuidade. Tanto nun aspecto coma noutro foi determinante o franquismo: se a ditadura impuxo unha mudanza na orientación das tarefas públicas e especificamente políticas dunha e outra xeración, o que foi unha fonte de tensións interxeracionais (como testemuñan os puntuais desencontros con Castelao), o trauma da guerra e a represión tamén frearon posibles veleidades rupturistas (velaí o papel patriarcal recoñecido a Otero Pedrayo).
A fenda xeracional no franquismo. A que antes denominei 'Xeración dos sesenta' estaría formada por intelectuais nados entre 1930 e 1945, desde Alonso Montero (1928) a Francisco Rodríguez (1945), pasando entre outros por Manuel María (1929) e Novoneyra (1930), Camilo Nogueira e Beiras (1936), Méndez Ferrín (1938) ou María Xosé Queizán (1939); e incluíndo atípicos como Franco Grande (1936) ou Carlos Casares (1942). Os intelectuais desta xeración tiveron a desgraza de formarse nos anos máis duros da ditadura franquista. Tamén foron os introdutores do marxismo tanto na cultura galega canto na política galeguista, e entre eles figuran os fundadores do nacionalismo de esquerdas -unha novidade histórica, se temos en conta que o galeguismo máis progresista da preguerra fora estritamente republicano.
Porén, entre esta última e a xeración Galaxia a creba foi moi profunda, o cal contribuíu a magnificar o gravísimo hiato e conseguinte retroceso que supuxo o franquismo no desenvolvemento da nosa cultura. Ao noso entender, a desorientación actual ten moito que ver coa discontinuidade histórica con respecto á tradición de preguerra. Fallou o proceso de acumulación de saber e experiencia colectivos. A xeración seguinte (a 'Xeración da transición'), que se criou no tardofranquismo e se desenvolveu na democracia está tomando agora o relevo, aínda que nalgúns casos tardiamente. A esta toca suturar aquela fenda, construír sobre novas bases e, superando inercias, redeseñar os roteiros. A súa capacidade para facelo está a proba. É a historia que chama.
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.