“A cultura da normalidade rematou”
“Máis nos tería aproveitado o ‘neorrealismo’ cá ‘nouvelle vague’
O real é racional, relacional e viral, no proxecto narrativo de Alberto Lema. Na súa terceira novela, Da Máquina (Galaxia, en castelán Caballo de Troya), o computador que xogou ao xadrez con Kasparov (Deep Blue) adquire conciencia e infecta a organización do mundo. Instruíndo, pola vía da sedución, a un exército de ultraesquerdistas afeitos ao chat. Hai operarios da CIA, policía galega, precarios que nunca poderán aburguesarse e acaban morrendo millonarios do téxtil. Entre o policíaco, a novela de pensamento e retallos da sci-fi, pero nun presente adicto ás profecías ominosas. “Interésame transmitir a idea ou posibilidade dunha acción política”, di Lema (Vimianzo, 1975), que non afirma nada. Na boca dun personaxe: “Desta vez parece que o temporal non escampa”.
Pregunta. Quixo facer unha distopía positiva?
Resposta. Unha distopía sempre é negativa, pero o resultado final desta mutación tecnolóxica supón unha cooperación entre ese ente neohumano, a Máquina, e os revolucionarios que terán o bo fin de cumprir esa revolución. Sempre e cando vexamos a revolución como algo amábel. O penúltimo capítulo, Thermidor, sería a victoria contrarrevolucionaria, o final da Convención francesa. Pero no derradeiro, A versión de Chisco, descríbese un proceso revolucionario que, esaxerando, pode ter concomitancias co real.
P. Onde hai xente detida sen razón, pero non ultraesquerdistas actuando coordinadamente.
R. Desde o punto de vista da esquerda moderna e o seu modelo organizativo, o libro é ortodoxo: a Máquina sería o Comité Central.
P. Pero a Máquina empatiza cos revolucionarios, anque non chegue a amalos.
R. O que nos fai humanos é o desexo, eu entendo que a Máquina é desexante porque ten conciencia da súa soidade. É o que a capacita para conectar cos homes e ser unha fonte de diálogo e transmisión de afectos.
P. Volven aparecer as subculturas afectivas coas que nos forneceu o capitalismo, do pop ao chat.
R. Entendo que a nosa afectividade está incluída na nosa relación de produción, na imaxe que nos facemos de nós mesmos dentro dun sistema que nos pode parecer inmutábel. E tamén entendo que a vontade revolucionaria é, entroutras cousas, unha esperanza de modificación do acontecemento como algo que podes conseguir ti mesmo mediante unha acción colectiva. Ese igual é o meu punto de vista sobre os afectos como praxe revolucionaria.
P. “A posición de clase determina a conciencia de clase”, atinxe a Marx un personaxe. Non abonda aquí a literatura con perfís proletarios vividos?
R. Esa era unha frase do marxismo clásico continuamente revisada case ata chegar á inversa… Canto á proletarización do que antes foron as clases medias, entendo que é o que se albisca como protesta por exemplo no 15-M… A ameaza de desclasamento dos supostos herdeiros, xente sobretitulada con expectativas laborais por debaixo desa categoría profesional, característica da miña xeración. Pero penso que esa xente adoita ser protagonista de moitas outras novelas.
P. A análise das relacións de poder, como n’Unha puta percorre Europa, vai do traballo á parella.
R. Herdamos un modelo de novela destinada ao lecer que, no mellor dos casos, pode estar modulada por unha linguaxe máis ou menos requintada. Despolitizada. A miña pretensión sería, por un lado, preguntarse pola función da novela, e tender cara a súa repolitización, o cal conduce a esa análise das relacións entre as clases. Unha das prescricións de Lukács \[un dos principais teóricos marxistas da novela\], para min un referente aínda, a risco de caer na anacronía ortodoxa (ri).
P. Lukács antes de que o engulise Sartre para enxergar a súa teoría do compromiso?
R. O xiro que lle dá Sartre é cara unha novela pedagóxica, de compromiso, que tamén transmite unha fonda visión… Creo que a pedagoxía non fai literatura, non estou tan interesado en explicarlle ao lector cómo funcionan as cousas, senón máis ben transmitir a idea ou posibilidade dunha acción política. Sería esta dobre pata: unha tentativa de repolitización da novela e un cuestionamento sobre a forma da novela, e iso preténdese facer co contacto entre o literario e o non literario. En xeral, máis nos tería aproveitado o neorrealismo cá nouvelle vague.
P. A súa primeira novela, Unha puta percorre Europa, con certa mala fortuna nos institutos, chegouse a vender coma un produto aquelado para unha moderna cultura de masas.
R. Ata que se modifique a relación de forzas na recepción, calquera produto será visto como unha simpática novela de consumo cun argumento un pouquiño provocador. A min non me interesa a provocación, tende ao baleiro. Como moito, os máis avisados entenden que es un posmoderniño que fai pastiches, ironías coas formas plásticas onde nada importa. É un relato de quen manda na percepción do que debe ser arte.
P. Un correlato galego da cultura da Transición?
R. Aquí poderiamos falar da cultura da normalidade. Empezando pola Lei de Normalización de 1983 e a pax fraguiana, onde o que se pretendía era unha literatura non problemática que permitise chegar a un público amplo. Pero o que sucede é que aquí ninguén vende máis dunha edición, ese suposto mercado que había que facer entrer todos non irrompeu. Esa despolitización da literatura galega vai ao garete coa caída do bipartito, o comezo da crise e un feito importante, anque silenciado, como Galicia Bilingüe: o rexurdir en Galicia dun españolismo belixerante que demostra que a fábula do bilingüismo harmónico non era tal. A cultura da normalidade remata aí, canda a promesa de non agresión.
P. O tema é a violencia?
R. Como Zizek en Sobre a violencia, ollo (ri)… Como pensou clasicamente a política comunista ante a violencia absoluta do sistema, a única resposta posible é a mesma. Isto, insisto, acarrexa problemas legais. A pregunta sería a lexitimidade do uso da violencia ante o sistema máis violento que existe. É a violencia case como mal estruturado, algo do que o Goberno é consciente cando aumenta as promocións de policías e cando o Estado policial non se ve como unha ameaza, senón como estampa, falando das últimas leis do PP prohibindo a liberdade de reunión, por exemplo… Fronte a esa violencia absoluta, postularían os clásicos, que podemos facer?
Tu suscripción se está usando en otro dispositivo
¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?
Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.
FlechaTu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.
Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.
En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.
Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.