_
_
_
_

Galicia como... empresa?

As relacións entre burguesía e galegusimo son historicamente febles

Valentín Paz Andrade (dereita) co impulsor de Pescanova, Xosé Fernández.
Valentín Paz Andrade (dereita) co impulsor de Pescanova, Xosé Fernández. GALAXIA

As relacións entre ideoloxía galeguista e actividade empresarial parecen un caso claro de tensión sexual non resolta. Quitado que non parece haber excesivas ganas por ningunha das partes, e que xa houbo consumacións, aínda que poucas. O caso de Valentín Paz Andrade é, co tándem Díaz Pardo-Luís Seoane, o máis sobresaínte e coñecido. Noutros casos, o franquismo borrou a memoria das súas ideas. Non moitos vigueses, e galegos menos, deben coñecer a ideoloxía de Enrique Peinador, impulsor do aeroporto que leva seu nome e do balneario de Mondariz. Ou o galeguismo dos irmáns Fernández Álvarez, os fundadores de Zeltia, Cementos Oural ou Pescanova, que tiveron que bandear —con notable éxito— coa ditadura. Como o fundador de Coren, Eulogio Franqueira, de rapaz simpatizante das Mocedades Galeguistas.

“Antes da guerra, o compromiso ideolóxico dos empresarios era un tema bastante aberto. Non era que houbese moitos galeguistas, porque en xeral non había moitos galeguistas, pero vamos, poñían ovos en todas as cestas. O Banco Pastor anunciábase n’A Nosa Terra, e nunha homenaxe a Barrié participaron Lois Peña Novo e os Carré, pero non había un grupo de empresarios como tal. Estaban os da emigración, pero porque a emigración era forte, e tiñan un sentimento de axudar, pero tampouco os máis potentes eran galeguistas”, asegura Xoán Carmona, catedrático de Historia e Institucións Económicas na Universidade de Santiago. O historiador Justo Beramendi confirma esa “apertura” do empresariado antes da guerra. “Incluso ao Pastor lle abriron despois un expediente informativo porque lle dera créditos ao Partido Galeguista”, di, pero tamén que o nacionalismo tiña poucos apoios no que chamaban capitáns da industria.

“Xa nos anos vinte, un dos grandes lamentos de Otero Pedrayo era a desafección dos empresarios da causa nacionalista. Se miramos a publicidade d’A Nosa Terra¸ hai comerciantes, farmacéuticos, o que daquela se chamaba pequena burguesía”, expón Beramendi, Premio Nacional polo seu ensaio sobre o nacionalismo De provincia a nación. “Hai un problema de fondo, que a esencia do galeguismo era agrarista, e a industria, que estaba en Vigo, era naval e conserveira, con intereses distintos. Cando se debateu un tratado con Uruguai o presidente dos conserveiros, Curbera, carteouse con Castelao, pero este acabou defendendo no Congreso a postura dos gandeiros”, considera Carmona, un dos maiores especialistas na historia da empresa en Galicia.

Necrolóxica n‘A Nosa Terra’

Antonio Sanjurjo Badía (Sada, 1837) foi un deses emprendedores que forxou, literalmente, o Vigo industrial de finais do século XIX e comezos do XX. Ergueu industrias e barrios, mesmo sistemas de protección laboral, e inventou un curioso submarino. Hoxe queda unha empresa e o seu nome nunha avenida que atravesa o barrio de Teis. O 15 de xaneiro de 1922 rezaba a súa necrolóxica, publicada no xornal n’A Nosa Terra: “Era un gran amigo dos obreiros. En certa ocasión foron visitalo unha ‘nutrida comisión de forzas vivas’ da cidade da oliva, para lle decir que parase os traballos da súa industria, quer decir o lock-out. Don Antonio nada lles dixo: invitonnnos a que visitaran a horta da fábrica, e cando os tiña n-unha glorieta que dominaba todo Vigo, e principalmente os talleres da Industriosa, díxolles: ‘Toda esa fermosa vila que se ve dende aquí, fixéronna os obreiros. Esta fábrica, casas e rua que vai hasta a ribeira son miñas, pero todo gracias ao traballo d’eses homes sofridos e bós. Vosoutros podedes facer o que vos praza; mais eu…non cerro a miña fábrica.[…]Era un galego que na súa vida de traballo non empregou outra fala que non fora a da terra que se honraba en tel-o por fillo… En certa ocasión dicía: Esto de que haxa galegos que non entendan a nosa fala é unha ridícula mentira. Eu non falo máis que como debo falar, e os señoritos que veñen â miña fábrica ben m’entenden, porque a comenencia abre as portas dos entendimentos”.

Na ditadura, parafrasando a Carmona, todos os empresarios puxeron os ovos nunha soa cesta. Na que había. Desde que volveu a pluralidade cesteira, dá a sensación de que na galeguista hai poucos ovos empresariais. O catedrático de historia empresarial sitúa o divorcio na loita contra a instalación do embalse de Castrelo de Miño. “Alí criouse un certo medo do estamento industrial ao nacionalismo”, di. “E tamén nesa época no nacionalismo real instalouse unha postura moi antiempresarial”. Como en todas as parellas mal avindas, hai un cruce de culpas na que ás dúas partes esgrimen feixes de razóns. Tradicionalmente o galeguismo queixouse da falta de compromiso do empresariado co país, ao tempo que proclamaba a esencia de esquerdas do nacionalismo galego. O famoso mantra de que non hai burguesía, ou de que a hai, pero como se non a houbese.

“A burguesía catalá si responde a ese mito de clase fondamente nacionalista, pero a gran burguesía vasca é españolista. A de aquí é certo que non ten conciencia de nada, nin de si mesma, pero hai de todo. Non hai un especial reparo contra o nacionalismo. Hai sectores que se sentirían máis protexidos con políticas máis autocentradas, e outros que arrastran prexuízos ideolóxicos. Tamén está a torpeza en non saber achegarse a sectores X, por moito que os esteas a defender en foros onde outros non os defenden”, analiza Beramendi. “No País Vasco ou en Cataluña, a identidade é defendida desde distintas ópticas partidarias, e aquí impediuse, e mesmo anatemizouse a existencia doutros espazos políticos. A miña experiencia dime que cando hai marcos organizativos onde se poden expresar, hai empresarios en Galicia que non agochan a súa simpatía coa causa da galeguidade”, considera Xosé González, presidente do Foro Peinador, que agrupa unhas 40 empresas comprometidas co galego.

Unha delas, Celtic Estores, é un holding con fábricas en Galicia, Cataluña e Estados Unidos cuns 700 traballadores. “Para nós poñer a rotulación, as nóminas en galego, non supuxo ningún problema, mesmo foi unha boa medida de cara aos empregados”, di Casián García, o seu director xerente, que recoñece que, sen embargo, “no mundo empresarial non hai moita sensibilidade para isto. No xantar anual que facemos en Lestrove sempre estamos os mesmos, e mesmo quen máis debía tirar non tira”. O mellor exemplo diso pasoulle a Xosé González cando presidía a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, que nos noventa conseguiu que empresas como Castromil ou Construcciones Malvar utilizasen documentación en galego. “Chamoume Aina Moll, a directora xeral de Política Lingüística da Generalitat, para pedirme o enderezo de Larsa para felicitalos por facer a publicidade en catalán. O propietario, José Rodríguez, púxose todo contento, e cando lle dixen que por que non a facían tamén en galego, contestoume: ‘Aquí, no, porque los gallegos solo sirven para andar con la vaquiña. Cando a tiveron que vender a unha multinacional normanda e puxeron ao fronte a un madrileño, Antonio Arenas, conseguín que empezaran a poñer en galego desde os coches aos recibos aos gandeiros”.

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo

¿Quieres añadir otro usuario a tu suscripción?

Si continúas leyendo en este dispositivo, no se podrá leer en el otro.

¿Por qué estás viendo esto?

Flecha

Tu suscripción se está usando en otro dispositivo y solo puedes acceder a EL PAÍS desde un dispositivo a la vez.

Si quieres compartir tu cuenta, cambia tu suscripción a la modalidad Premium, así podrás añadir otro usuario. Cada uno accederá con su propia cuenta de email, lo que os permitirá personalizar vuestra experiencia en EL PAÍS.

En el caso de no saber quién está usando tu cuenta, te recomendamos cambiar tu contraseña aquí.

Si decides continuar compartiendo tu cuenta, este mensaje se mostrará en tu dispositivo y en el de la otra persona que está usando tu cuenta de forma indefinida, afectando a tu experiencia de lectura. Puedes consultar aquí los términos y condiciones de la suscripción digital.

Archivado En

Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
Recomendaciones EL PAÍS
_
_